Entradas

Ponte sobre o río Zambeze en Tete

Crónicas mozambicanas. Visita técnica de novembro e decembro

Nos meses de novembro e decembro tivo lugar unha visita técnica a Mozambique cunha duración de 4 semanas nas que o traballo se centrou principalmente no fortalecemento da ARA Sur (Administración Rexional da Auga do Sur de Mozambique) organismo homologo a Augas de Galicia no sur país. Durante a estancia tamén se realizou una visita a sede da ARA Centro na provincia de Tete na que se abordou a concreción dos traballos en inundacións con esta ARA para o ano 2025.

Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique, o obxectivo principal da visita foi o de continuar coa formación teórico práctica para a análise de inundacións co fin de que a ARA Sur poida dispoñer de estudos hidrolóxico-hidráulicos que lle axuden na toma de decisións no caso de precipitacións elevadas. Nun contexto de cambio climático no cal os ciclóns e as anomalías nas precipitacións son cada vez mais frecuentes en Mozambique.

Para iso traballouse na sede da ARA Sur en Maputo co técnico encargado da análise de eventos extremos. O traballou consistiu nunha nova fase de formación práctica para a realización de estudos de inundacións en bacías de pequena entidade co fin de facilitar a aprendizaxe e o manexo e procesado da análise e dos seus resultados. De modo paralelo, traballouse no peche da modelización da bacía piloto do Inhanombe e na delimitación de zonas inundables para diferentes períodos de retorno.

Os avances realizados, tanto nesta visita como na anterior do mes de outubro, foron satisfactorios e supuxeron unha notable mellora nas capacidades da técnico de referencia da ARA Sur para o estudo de inundacións.  Este técnico xa realizara o ano anterior -grazas ao apoio do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña-, un curso en liña de iniciación a Iber+ a través de Iberaula, algo que sen dúbida supuxo un moi bo punto de partida para a actividade.

Os traballos desenvólvense sobre o modelo hidrolóxico-hidráulico integrado de alta resolución Iber+, baseado na resolución das ecuacións 2D de augas pouco profundas. A análise dos procesos hidrolóxicos e hidráulicos que teñen que ver esencialmente con estudos de avenidas e a delimitación de zonas inundables require de diferentes fontes de información relacionadas fundamentalmente coa topografía e o relevo da bacía, os tipos e usos de chans predominantes, así como da distribución espacial e temporal das precipitacións asociadas a períodos de retorno extremos, entre outros.

Tendo isto en conta, a dispoñibilidade da información local existente na bacía ou rexión a estudar xoga un papel importante. No caso de Mozambique, do mesmo xeito que noutros países de África ou outras rexións do mundo, non se dispón con frecuencia de datos locais fiables e actualizados, polo que é necesario recorrer ao uso de fontes globais que resultan de gran utilidade á hora de paliar a carencia de información existente. Para o estudo da bacía do río Inhanombe, coa excepción dos datos precipitacións, foron utilizadas fontes de datos globais de distribución libre.

Durante a visita púidose rematar o estudo piloto da bacía do Inhanombe con base no cal foi realizada unha presentación entre o persoal técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sul. Na xornada interna foron presentados os resultados do estudo hidrolóxico: caudais máximos obtidos para diferentes períodos de retorno xunto cos correspondentes hidrogramas de avenidas e os seus respetivos volumes, e tamén os resultados da análise hidráulica: delimitación de todas as zonas inundables existentes dentro da bacía do río Inhanombe para períodos de retorno de 500, 100, 50 e 10 anos.

Nesta ocasión tamén houbo unha visita a cidade de Tete, na provincia do mesmo nome na zona centro-oeste de Mozambique, coa idea de poñer en marcha os traballos sobre inundacións coa ARA Centro no ano 2025. A visita centrouse na realización de reunións coas equipas técnicas e directivas e no debate e concreción dos traballos a realizar que, nun principio, irán na mesma liña que os xa avanzados coa ARA Sul. A ARA centro (unha das tres ARA de Mozambique) é a responsable da xestión da bacía do río Zambeze, un dos grandes ríos de Africa no cal augas arriba da cidade de Tete está o embalse de Cahora Bassa que conta cunha capacidade de almacenamento de 63.000 hm3 (o 12o do mundo).

Durante a visita tamén se traballou no inicio da análise do ano hidrolóxico 2024/2025 e no apoio ao traballo de fin de mestrado en hidroloxía dun técnico do departamento de recursos hídricos da ARA Sur. Tamén houbo tempo para facer reunións coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e co Director da Facultade de Enxeñería da Universidade Eduardo Mondlane, coa cal se colabora realizando palestras baseadas nos traballos realizados coas ARA.