Entradas

ESF na Atlantica Conf 2023. Acercando a tecnoloxía para o ben común á comunidade tecnolóxica galega

Na edición 2023 da Atlantica Conf, que busca ser punto de encontro da comunidade tecnolóxica galega, tivemos ocasión de realizar tres actividades de distintos temas nos que traballamos en ESF, sempre na liña de poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común e os dereitos humanos.

O venres 22 de setembro presentouse a Rede de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia, con Jorge Lama, Jose González e Iván Touris, tendo despois unha reunión do grupo de Bancos (onde estiveron outrxs voluntarixs dos Bancos como Paula, David, Sergio e Manuel) e se falou de:

Algúns temas que se tocaron:

  • Repaso de actividades da rede de bancos de reciclaxe electrónico de Galicia
  • Educación e tecnoloxía
  • Alternativas aos ChromeBooks
  • Que se pode facer cun ordenador vello?
  • Obsolescencia programada
  • Dereito a reparar
  • Risas e anécdotas…

O sábado 23 pola tarde estivo Thais Pousada, de ESF e o grupo Talionis da Universidade da Coruña, falando de Tecnoloxías para o ben común e a inclusión. Xenerou nas asistentes esa inquietude de como poñer a tecnoloxía ao servizo dos coidados e falou de proxectos chulos como VisualTech, plataforma para mapeo de produtos de apoio de baixo custo. Podedes ver a súa intervención (son 7 minutiños, pero que dan para moito) aquí.

O sábado 23, a continuación da anterior, Loisa Lariño e Adrián Eiris presentaron o Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia. Falaron da parte técnica do visor, pero tamén do utópico que resulta aínda falar de datos públicos abertos nas administracións e os atrancos atopados na realización deste traballo inxente, realizado case por completo por persoas voluntarias. Aquí se poden coñecer detalles do visor e fedellar con el.