Entradas

Programa de Coñecemento da Realidade 2021. Primeiras comunicacións dende Honduras!

Aquí nos mandan Xoel e Eva as primeiras sensacións tras a súa aterraxe en Honduras, a pasada semana, dentro da estancia no país que é parte do Programa de Coñecemento da Realidade na súa edición 2020-2021 (adiada pola COVID19).

—————————

Tras 5 días de estadía en terras hondureñas, xa tivemos tempo de perdernos polas rúas de San Lorenzo na marxe dunha cuadra (para saber que significa «cuadra» ver acepción 9 aquí) dando voltas mentres unha tormenta tropical nos deixaba a roupa pegada a pel, de sorprendernos coas paisaxes e natureza salvaxe que esta terra ten e degustar as delicias dos seus froitos e pratos tradicionais (moitos nomes novos que aprender….pupusa, baleadas, marañones, e mil cincocentos máis) e das súas xentes e as súas ganas de vivir.

Xa coñecemos a algunhas das copartes (organizacións hondureñas coas que colabora ESF) coma CODDEFFAGOLF e NASMAR onde nos presentaron os proxectos que teñen en marcha e aqueles aos que nos poderíamos unir.

Temos moita motivación!

Saúdos Esefeiros!

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de «Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida», onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto «Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega», como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!