Entradas

Xa están en Honduras as participantes no Programa de Coñecemento da Realidade 2020-2021

Eva e Xoel, as primeiras participantes do noso Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da era COVID, chegaron hoxe a San Pedro Sula (Honduras), onde Raquel, a nosa representante-país, xa os estaba esperando.

Eva vén do mundo da arte e a danza, e do activismo feminista. Xoel do mundo da enxeñería (Minas e Enerxía pola Universidade de Vigo).

Despois de seren seleccionades na convocatoria de 2020, finalmente non puideran viaxar nese ano por mor da COVID19. Sen embargo, foron quen de facer o proceso de formación previo (neste caso cun itinerario formativo a distancia, xa que só se puideron atopar presencialmente unha vez, xusto antes de iniciarse o cofinamento en 2020). Durante 2020 e o que levamos de 2021 agardaron con paciencia a oportunidade de viaxar. Por sorte, as súas circunstancias lles permitiron esperar até este 2021 e, se ben con moita incertidume (e pelexar para que lles puideran recoñecer a súa condición de cooperantes para entrar no grupo especial de vacinación e non seguir adiando a viaxe, co apoio da Coordinadora Galega de ONGD), xa están en Honduras.

Estarán no país máis de 2 meses, coñecendo a realidade hondureña, os proxectos que temos en marcha na zona do Golfo de Fonseca e, sobre todo, coñecendo ás persoas e esforzo que hai detrás. Irannos contando as cousas que vaian aprendendo!

Este programa é unha das actividades de ESF máis importantes de promoción de voluntariado transformador cunha perspectiva de cidadanía global, e este ano puidemos levalo a cabo grazas á financiación da Xunta de Galicia en sendos proxectos de Educación para o Desenvolvemento neste 2021. Eva viaxará dentro do proxecto de “Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida”, onde poñemos en contacto activistas dos dous lados do Atlántico. Xoel o fará dentro do proxecto “Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega”, como parte das actividades para que os estudos técnicos das universidades galegas inclúan esta perspectiva global dentro da súa formación.

Estamos moi contentas de que finalmente poidan estar alí. Esperamos o ano que vén volver sacar unha nova convocatoria deste programa!

Eleccións Galegas 2020: as propostas de ESF aos partidos

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia fixemos chegar aos partidos unha serie de propostas no eido da Tecnoloxía para os Dereitos Humanos e o Ben Común.

En 2020 cumprimos 27 anos de traballo en Galicia, e pola nosa condición de asociación experta en servizos básicos e tecnoloxía para os dereitos humanos, ese traballo se desenvolveu tanto en Galicia como en diversos países do mundo (actualmente en Honduras). Iso danos unha visión global dos problemas e causas da pobreza e desigualdade, e das posibilidades de actuar dende o local para acabar con elas. Esta visión de cidadanía global e de activismo tecnolóxico é a que queremos poñer ao servizo das organizacións políticas concorrentes ao proceso electoral galego neste ano tan complicado. Máis que nunca, somos conscientes de que a sociedade global é un sistema, e non queremos que haxa elos débiles na cadea, nin en Galicia nin en outros lugares. E non o queremos tanto por unha razón ética e moral, como por outra máis pragmática de pura sustentabilidade socio-ambiental no único planeta que temos para vivir.

A continuación, presentamos as propostas en 8 piares básicos do noso traballo:

  1. Dereito á auga
  2. Dereito á enerxía: novo modelo enerxético
  3. Dereito á alimentación: soberanía alimentaria, desenvolvemento endóxeno e proximidade
  4. Dereito á información e a comunicación: soberanía dixital e transparencia radical
  5. Xestión de residuos: residuo cero
  6. Educación e tecno-ciencia para o ben común
  7. Outras realidades no mundo. Cooperación ao desenvolvemento no mundo post Covid 19
  8. Tecnoloxía para a inclusión

Aquí as tendes!!

Crónica do IV Ciberfaladoiro no confinamento. Cineforum, “O neno que domou o vento”

Desta volta, viaxamos a Malaui, nunha liña moi de “tecnoloxía para as persoas” que nos interesaba especialmente.

As participantes na tertulia estivemos dacordo en que se trata dunha película moi ben contextualizada. Para coñecer como están no país está moi ben. O guión non nos pareceu nada do outro mundo, pero si xenera empatía coas personaxes e, aínda que artisticamente non é sobresainte, sí é un producto moi digno. Trata de transmitir esa valentía de crear algo con tecnoloxía que pode axudar nun contexto puntual de emerxencia a mellorar a calidade de vida do seu lugar, con coñecementos modernos que aprendeu e que os seus maiores non sabían (ou olvidaran, porque en moitos casos as culturas están cambiando tan rapidamente que se atopan nunha sorte de “territorio de ningures”, onde xa case se perdeu a sabedoría antiga, pero non se acaba de asimilar de todo os avances e se xenera moita dependencia tecnolóxica externa, como ocorreu en Galicia e moitos outros lugares coa “Revolución Verde”; hai grupos de investigación que traballan neste eido en Galicia como HISTAGRA).

Tamén xurdiu o tema de canto talento desaproveitado pode haber no mundo por non poder acceder a educación ou a medios medianamente decentes, e non so en países empobrecidos. O adaptar a educación á persoa, potencial e talento é unha materia pendente en case todos os sistemas educativos (na película vese como o rapaz só quería estudar as ciencias).

É unha historia de superación ante adversidades é convencional, pero ben contextualizada, que visibiliza a mezcla de cultos e relixións, idiomas, etc. Isto proporciona moita veracidade, e tamén o contexto post-atentados das torres xemelgas onde se prevén efectos a nivel mundial para o que o país (mal asesorado polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional) non estaba preparado (venderan excedentes alimentarios a outros países). Tamén nos pareceu veraz como reaccionan ante esas crises as personaxes. A reacción de rexeitamento á idea do neno protanista por parte do pai igual foi pouco madurada, pero podía ser natural nun momento de moita carga e crise, pensando en solucións a curto prazo antes que en “experimentos” e solucións a medio prazo.

Tamén é unha historia sobre perseverancia, crer nas ideas e perseguilas (mesmo co amago de enfrontamento co seu pai). O neno é unha figura inspiradora, non tanto por ser un supercrack, pero si por ter unha historia para romper barreiras. Falamos de que pode ter un cheiro a ese discurso que tanto gusta en EEUU (de feito, o protagonista da historia real falou nunha TED Talk) de que calquera pode facer calquera cousa e, aínda que non se diga, é como dicir que se non o consegues é que non te esforzaches o suficiente.

A historia era atractiva para moitas de nós porque falaba de tecnoloxías apropiadas. Aquí tivemos un debate sobre se a película quedábase co tecnooptimismo e o perigo que pode ter centrarse en “tecnoloxías salvadoras” en vez de enfocar a agricultura e as súas políticas en solucionar o dereito á alimentación e a soberanía alimentaria. O tabaco non se come, nin o eucalipto… Iso posiblemente vai ter máis importancia no contexto post-COVID19. A tecnoloxía, ademais, pode crea tamén división entre as comunidades ou aldeas (ou países, ou bloques de países) se unhas contan coa tecnoloxía e outras non. Iso se pode solucionar escalando o concepto de tecnoloxías apropiadas ao de “tecnoloxías para o ben común” ou tecnoloxías para non deixar a ninguén atrás.

Non nos esquecimos de salientar como as mulleres, coma sempre, levaban o peso dos coidados, mentres o marido ten unha imaxe máis pública e interese na política, deixando á familia na casa (e o certo sacrificio que a irmá fixo, que rematou por non poder ir á universidade a pesar do seu desexo e o da súa nai).

Viches a película? Queres deixarnos a túa opinión nos comentarios?