ESFRadio. Un tema de ESF ao mes: Xestión de recursos hídricos en Mozambique
En Enxeñería Sen Fronteiras levamos anos tratando de abrir proxectos nalgún país da África lusófona, pola proximidade con esa cultura e por interese de moitas persoas da nosa base social.
Contar con proxectos noutros países, facilita a labor de tender pontes entre a sociedade civil galega e as outras realidades de países empobrecidos, produto do colonialismo e o extractivismo, co fin de desmontar ese sistema inxusto e opresor. Ese é o fondo real dos proxectos de cooperación internacional en Enxeñería Sen Fronteiras.
Pero non é sinxelo comezar a traballar nun país, e máis nun contexto de escaseza de recursos para a cooperación ao desenvolvemento. Gústanos traballar a fogo lento pero con seguridade, e iso fixo que desbotaramos algunhas opcións. Pero cando nos chegou a invitación para traballar nun proxecto xa con anos de recorrido, integrando un consorcio de entidades galegas xa ben coñecidas (como son Augas de Galicia, Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña), onde poderiamos poñer a nosa experiencia en dar a coñecer o traballo e a realidade dun país como Mozambique á sociedade civil galega, pareceunos que a oportunidade chegara por fin.
Aquí se pode coñecer algo das actividades do consorcio no que se integra ESF a partir deste 2022, pero se preferides escoitar a dúas persoas de referencia neste proxecto, temos a sorte de contar en ESFRadio con Víctor Penas, o coordinador do programa en Mozambique deste consorcio, así como con Lizete Dias, Xefa do Departamento de Recursos Hídiricos da Administración Rexional da Auga Sul (ARA-Sul), institución coa que se está a traballar dende hai varios anos. Lizete é un referente do programa dende o seu inicio.
Tamén en spotify
- Produce: Jorge Lama
- Guión: Sergio Fernández e Jorge Lama
- Presenta e modera: Marc Romero
- Participan: Lizete Dias (ARA-Sul), Víctor Penas (consorcio ESF-Augas de Galicia)
Foto de portada: a esquerda Víctor Penas, nunha das visitas a Mozambique, xunto co director del ARA Sur (no centro) e con Lizete (á dereita)
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!