Crónica visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Anunciábamos hai pouco tempo a visita da terceira parella de mulleres bravas de Honduras que nos visitaron en 2019, dentro do proxecto Coidadoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Teresa e Basilia tiñan moito que contar da súa traxectoria na Asociación Hondureña de Juntas Administradora de Agua y Saneamiento-AHJASA defendendo o Dereito á Auga nunha zona, o trópico seco de Honduras, onde cada vez escasea máis a auga.

Elas nos contaron como nalgúns casos contan só cunha hora de auga cada 4 días nas traídas que ellas mesmas xestionan, como as mulleres van gañando relevancia na xestión da auga en moitas das comunidades (se ben queda moito traballo por facer), e como non é sinxelo contar co apoio da administración (porque mesmo cando hai vontade política, non existen medios técnicos nin financieros ante o que xa se pode considerar unha emerxencia hídrica).

Puideron ter un día de descanso trala viaxe para iniciar a semana, que curiosamente foi moi pasada por auga. De feito, era unha fonte de asombro constante para elas a cantidade de auga que veían por todos os lados. É certo que en Galicia é a terra dos mil ríos, pero precisamente por iso a cultura da auga en moitos casos deixa moito que desexar. E cando veñen anos complicados tamén hai certos problemas, aínda que as comparacións son odiosas… Mesmo en 2017, no segundo ano de seca (e a que máis se notou, tratada incluso nunha das nosas palestras), aínda que algunhas aldeas quedaron sen auga, se lles puido subministrar con camións cisternas, e na maioría simplemente houbo algunha restricción de auga (500-700 litros por casa e día foi habitual).

O martes 10 empezaron os encontros, primeiro ás 10:15 en A Coruña, na Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, con Acacia Naves (profesora da escola experta en Hidroxeoloxía, que colabora con Enxeñería Sen Fronteiras hai varios anos, e que estivo asesorando os dous últimos no programa de dereito humano á auga de ESF en Honduras) e Carlos Ameijenda (director do exitoso proxecto Life Abegondo, de traídas veciñais de auga).

Logo houbo tempo para grabar o segundo episodio do podcast ESFRadio, onde as entrevistaron, aquí se pode escoitar.

Pola tarde, ás 19:30, dentro da Semana polos Dereitos Humanos organizada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC en Ferrol, puideron encontrarse na Escola Politécnica de Serantes con profesorado e estudantado, contando a súa experiencia na defensa do dereito á auga na súa zona, tras unha breve explicación do concepto de Dereito á Auga a cargo de persoas de ESF. Tamén tivo cabida no encontro o papel da enerxía no aseguramento do Dereito á Auga.

O mércores pola mañá empezou a visita a campo. O apoio da asoción Comunidade Xeral de Augas de Galicia-COXAPO foi imprescindible para a organización da visita a Galicia de Teresa e Basilia, e estes dous días eran o evento central, dado que se trataba tanto de ver en campo o traballo da asociación COXAPO como de encontrarse con persoas que, como elas, defenden o seu dereito á auga dende a coxestión veciñal das traídas, organizada nunha asociación de segundo nivel como AHJASA en Honduras. Poñer en contacto sociedades civiles dos dous países é unha das razóns de ser de Enxeñería Sen Fronteiras.

Dende COXAPO prepararan dous días intensos e moi didácticos, empezando as visitas en Vilaboa e aldeas do entorno. Pasamos despois por outras aldeas da zona de Moaña, onde tivemos ocasión de facer o primeiro encontro de intercambio con persoas das xuntas de auga mentres comiamos no centro social que a Comunidade de Augas de Meira de Arriba tiña xusto enriba do seu depósito. A continuación visitamos unha comunidade rural do entorno de Vigo (que forma parte do concello de Vigo, pero é de xestión veciñal), para logo seguir cara Tomiño, onde rematamos o día cun par de visitas a comunidades de auga do entorno do núcleo urbano. Distintos tamaños, distintas problemáticas, distintas solucións técnicas, estaba a ser unha visita do máis completa. Pola noite houbo outro encontro aproveitando a cea, onde COXAPO tivo o gran detalle de regalar unhas esculturas de “mulleres da auga” dun escultor local a Teresa e Basilia. Ao día seguinte tivemos tempo aínda, a pesar da intensa choiva, de subir a comunidades pequenas nas zonas altas de Tomiño, para ver como traballan as traídas dende o seu inicio, nos mananciais. Accións iniciais de pouco custo pero moi eficaces son limpar ben os mananciais chegando se é posible á roca fracturada dende onde saen, localizalos, poñerlles peche para evitar que se acerquen animais, sellalos e evitar que chegue a auga a eles levando a auga lonxe con cunetas. Tamén son boa solución os filtros de gravas en manancial (moitos deles adaptados por persoal de COXAPO a partir de diversas probas piloto). De volta a Tomiño, tivemos un encontro no Concello con persoas do goberno municipal. Tamén houbo tempo para visitar o mercado de abastos de Tomiño, e posteriormente ir ao encontro-comida tradicional en Goián, tamén organizada por COXAPO. Queremos transmitir a COXAPO, tamén no nome de Teresa e Basilia, o agradecemento por estes dous intensos días, pola súa magnífica acollida, o ben que nos trataron, e o didáctico da programación. Agradecementos especiais a Eva, por estar pendente en todo momento, e a Rafael, alma máter de COXAPO e guía excepcional, que se está rodeando dunha gran equipa de persoas para loitar polo Dereito á Auga no rural galego.

O venres ás 12 na Facultade de Xeografía e Historia quixemos levar tamén o encontro entre AHJASA e COXAPO, para falar sobre esa xestión veciñal das persoas que se autoorganizan polo dereito á auga onde ningunha administración quixo ou puido chegar. Houbo ocasión de falar das vantaxes, pero tampouco se esconderon os inconvintes e ameazas, así como xeitos de apoiarse nas administracións locais (de quen dependen en última instancia asegurar o dereito á auga tanto en Galicia como en Honduras).

Venres pola tarde houbo tempo para asistir a un encontro do periódico O Salto con motivo da celebración do seu aniversario, no CSA Sar. O sábado houbo visita ao Museo do Pobo Galego e visita a Santiago acompañadas de voluntariado de ESF do grupo ETSE.

Tras unha semana intensa, Teresa e Basilia regresaron ao seu país deixando en Galicia a pegada do seu esforzo e entrega na defensa dun ben tan prezado no trópico seco hondureño como a auga, e con novas ideas para seguir tendendo pontes entre Galicia e Honduras das que pronto falaremos.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *