Crónica do faladoiro «Pensando no futuro»
O pasado 22 de novembro no noso ciberbar puxémonos en «modo ciencia-ficción». Empezamos preguntándonos se, esencialmente, eramos pesimistas ou optimistas de cara ao futuro en, digamos, 150-200 anos. Houbo quen se preguntaba se pasaremos do 2050 sequera pero, apocalípticos aparte, hai que recoñecer que non se respiraba optimismo precisamente…
Falamos de ameazas de volta aos feudalismos ou modelos tipo ecofascismo. Polo menos agora temos referentes máis democráticos que no permite ter esperanzas doutro xeito de gobernarse (na Idade Media non había tantos).
Falouse de que as persoas e, por ende, a humanidade, ten como dúas almas, a cooperativa e a competitiva, que pode marcar a tendencia cara mundos moi distintos. O predominio dunha tendencia ou outra marcará o futuro nunha época onde a tecnoloxía cada vez máis impactante nos trae a unha época de posibles disrupcións nunca vistas.
Esa tecnoloxía que nos van metendo e nos imos afacendo a ela, agora mesmo, a vemos como preocupante, porque pertence a esa «alma» máis competitiva, do máis e máis, que deixa a moitas persoas atrás na carreira de acumular, e destrúe ao planeta.
Tal vez influídas pola proximidade do Black Friday, o consumo tivo moita protagonismo nese devir do mundo. Se hai un oco para a outra alma pode estar no aumento do consumo comunitario (compartir transporte, compartir lavadora, comunidades enerxéticas…). Aínda se ve como “algo de pobres”, pero pouco a pouco tal vez vaia cambiando. Por exemplo, algunhas empresas de coches xa dan por suposto que o vehículo privado familiar vai ter os días contados.
Tamén pode empezar a cambiar todo o que ten que ver coa reparación de bens (sobre todo obrigadas por un contexto de escaseza de materiais). Actualmente, demasiadas veces e máis caro reparar ca comprar un novo (se é que se atopa quen o repare, coas trabas que se poñen nos propios aparatos). Precisaríase unha lexislación que impulse tanto aparatos moito máis duradeiros, como máis reparables. Un Wall E que durase 700 anos hoxe parece algo improbable…
De todos os xeitos, hai certo pesimismo á hora de plantexar unha redución de uso de materiais e hiperconsumo. Quen toca comodidades, logo non quere soltalas. Aínda así, non se debe deixar todo nos ombreiros da clase baixa e media (e menos se nos referimos a países empobrecidos, cuxa poboación tamén busca unha vida mellor no material). A veces as opcións non son factibles por trabas lexislativas. Hai cousas que lexislativamente se deberían impulsar. Empezar por cousas máis simbólicas (redución do IVE a reparacións) para logo ir meténdose en máis ambiciosas (especificacións técnicas para obrigar a reparar). Pero cando as propias administracións prefiren a compra de aparellos novos que a reutilización…
Xurdiron, como non, recomendacións de libros, series, pelis, con paralelismos como Mad Max, ou O conto da criada (este perigosamente posible a non moi longo prazo, hai países como Irán ou Afganistán que xa pasaron ou están a pasar algo así). No que ten que ver coas clases sociais e ecofascismos nun contexto de escaseza falouse do cómic-película-serie Snowpiercer (que foi tema central nun dos ciberfaladoiros da pandemia). Tamén se falou de Colapso, polo seu impactante realismo. Aproveitamos, como bonus, deixarvos unhas recomendacións de novelas distópicas galegas: O Cervo na Torre (do recentemente finado Darío Xohán Cabana), Cobiza (de María Reimóndez) e Be Water (de Antía Yañez Rodríguez, compañeira hai anos en ESF). Por se acaso, non vendades as leiras e botade un ollo á Guía do Descenso Enerxético (que por riba está adaptada á realidade galega!).
Para rematar con algo de esperanza, que tamén nos da azos no noso activismo en ESF, un xeito de perseguir ese futuro mellor é facer de altofalante de alternativas que xa están funcionando, aínda que sexan pequenas e non perfectas, que naceran con esa alma cooperativa e de coidados. Por aí hai xente que di que non se poden cambiar cousas sen cambiar primeiro as mentes…, e que mellor xeito que experimentando pequenos anacos dese posible futuro mellor.