Investigación comunitaria das mulleres marisqueiras en Honduras

Onte probouse o protocolo de monitoreo de bivalvos coa Rede de Investigadoras Comunitarias de Amapala e Marcovia, no Golfo de Fonseca de Honduras. Esta ferramenta é unha guía detallada que describe paso a paso os parámetros que debemos medir (e como) no campo durante os monitoreos. A ferramenta elaborouse de maneira conxunta entre CODDEFFAGOLF e o Centro Tecnológico do Mar CETMAR.


O principal obxectivo é conseguir que as marisqueiras podan detectar cambios nos ecosistemas e tomar medidas oportunas. Lembremos que, a finais do 2019, prodúxose a morte masiva de bivalvos (cun enorme perxuízo para as mulleres e as súas familias, moitas das cais dependían da recollida destes animais). Agora queren estar preparadas para enfrontar calquer fenómeno similar.


Trátase dunha actividade dentro do proxecto de «Mejora de la actividad marisquera en el Golfo de Fonseca, Fase 1”, financiado pola Cooperación Galega.

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2024

Se prefires a versión sonora, aquí a tes resumida no Boletín Sonoro de ESFRadio.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   No día dos humidais lembramos o artigo de ESF publicado en 2016 sobre o manglar no golfo de Fonseca e as súas problemáticas, que non cambiaron moito neste tempo no que ten que ver co control da contaminación ou o risco de cambio climático (si mellorou algo a coordinación institucional). Nese artigo baseamos este video que foi o inicio da campaña Mulleres Bravas 2024 (próximamente chega a visita de 2 activistas, como podedes ver na axenda de eventos máis abaixo). Tamén tocamos o tema da minaría a ceo aberto, cuxas malas prácticas ameazan tanto a Honduras como a Galicia, así como o problema da contaminación do mar. Dentro desta defensa da terra, o 20 de febreiro, apoiamos a xornada de loita labrega.

    Tivemos a boa nova de que, un ano máis, estaremos na ESlibre cun faladoiro ben interesante de tecnoloxías libres para reducir o impacto ambiental das TIC.

    Dende algúns medios fixéronse eco das recomendacións que a Valedoría do Pobo está a facer a algúns concellos que aínda non mandaron a información pública sobre abastecementos públicos de auga, que requerimos para o proxecto do Visor de Abastecemento de Galicia.

    Tamén tiveron lugar varios faladoiros en institutos de secundaria (como o de mulleres tecnólogas, con Uxía en Sada ou Acacia en A Coruña e Culleredo), na universidade (en Camiños, coa mesa redonda sobre habitabilidade e dereito á auga con varias ONGD que traballamos nestes temas), e un Repair Café en A Coruña en colaboración coa ONG Por qué no. Foron grazas aos proxectos financiados con fondos IRPF e Cooperación Galega.


HONDURAS

    No proxecto de fortalecemento da actividade marisqueira que está rematando, dentro do programa de soberanía alimentaria, e grazas a actividade de incidencia dos grupos organizados de mulleres marisqueiras, conseguiuse que unha brigada médica do sistema nacional de saúde fixera diversas probas médicas a mulleres das comunidades costeiras, apoiándose co material preciso dende o proxecto.
    Dentro doutro programa que temos en marcha no país, o de Dereito Humano á Auga, no proxecto de promoción da xestión comunitaria da auga, financiado pola Cooperación Galega da Xunta, houbo moita actividade, aproximándose o peche do proxecto. Difundiuse un bonito vídeo sobre a cunca do Río Laure, sobre a que se estivo a traballar. Ademais, impartíronse os dous primeiros módulos do proceso formativo que se está a levar a cabo para persoas das comunidades e persoal técnico de AHJASA, un sobre Marco Legal e políticas hídricas, e outro sobre como é o proceso en Honduras para declarar unha micro-cunca. Tamén se entregou material didáctico en 10 centros educativos da microcunca do río Laure.
    Tivo lugar ademais un obradoiro sobre xestión de proxectos para persoal técnico da Mancomunidad NASMAR, impartido por persoal de ESF.


MOZAMBIQUE

    No mes de febreiro traballouse na formulación das accións da nova fase do convenio, que estará centrada en eventos extremos e na cal se traballará coas 3 Administracións da auga de Mozambique (ARAs) en accións relacionadas coa monitoria da seca (dándolle continuidade ás actividades da fase anterior). Tamén se traballará coa análise de inundacións mediante a realización de estudos, empregando un modelo hidrolóxico-hidráulico integrado (utilizando o software gratuíto IBER) e alimentado con bases de datos globais de libre acceso. Ademais destas accións, nesta nova fase daráselle continuidade as actividades de sensibilización e divulgación en Galicia.
        Por outra banda, con base no estudo realizado co apoio do grupo GEAMA da UDC para a ARA Sul en relación ás inundacións do 2023 na bacía do río Umbeluzi, realizouse unha publicación na revista Natural Hazards and Earth System Sciences. Nela, póñense en valor a alto nivel -a revista é das de maior impacto en desastres a nivel internacional-, as metodoloxías empregadas para estudos de eventos extremos en contextos de cooperación con medios e recursos escasos, como ocorre en Mozambique.    A principio de febreiro ademais tivo lugar unha xuntanza do grupo de Mozambique, en Compostela, para coñecer de primeira man o traballo realizado nas estancias de Víctor e Manuel a finais de ano.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes vimos cunha poesía do poeta gazatí Hind Jouda titulada ¿Qué significa ser poeta en tiempos de guerra?


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O primeiro que coñecemos cando empezamos a coñecer cousas é precisamente o noso propio corpo. É a nosa primeira tecnoloxía porque é o noso primeiro territorio […]. As bruxas eran as mulleres que dominaban a técnica, porque sabían de herbolaria, coñecían os seus corpos […]. Descoñecemos ese primeiro territorio que habitamos […], a súa potencialidade, a súa forza. Eso de temerlle tanto ao corpo xusto como revertilo e que sexa o primeiro hack tamén. 

 Brujeria Hacker #TecnoLovers III. Darinka Lejarazu. Irene Soria Guzmán. Liliana Zaragoza Cano

Taller sobre Gestión de Proyectos para personal técnico Mancomunidad NASMAR

Durante el mes de febrero empezó en Honduras el Taller sobre Gestión de Proyectos dirigido a equipos técnicos municipales de la Mancomunidad NASMAR.

Esta capacitación es impartida por Enxeñería Sen Fronteiras Galicia como parte del proyecto «Mejora de la Gestión Pública y Social para la Gobernanza de los Recursos Hídricos en 9 Municipios de la Región 13 Golfo de Fonseca F1«, ejecutado por la Mancomunidad NASMAR y financiado por la Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo Honduras

Se realizó un ejercicio para construir árboles de problemas, con un listado de problemas incompleto que había que ir completando, a través de un juego de rol representando a personas de la junta de agua, la municipalidad y la secretaria de salud. Había que ir preguntando sobre las causas de los problemas para rellenar los huecos.

El personal técnico municipal no suele contar con formación en metodologías participativas de diagnóstico (algo que sí es más habitual en las organizaciones de la sociedad civil).

El objetivo de la formación es que desde las propias municipalidades haya capacidad para formular proyectos de forma participativa, para conseguir financiación en base a necesidades realmente sentidas por la población, dando cada vez más importancia a la apropiación y a que las personas de las comunidades tengan voz.

O programa Mulleres Bravas ten nova páxina web

Queremos presentar a nova web do programa Mulleres Bravas, un programa que vimos desenvolvendo coa financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Alí por 2019 houbo un primeiro proxecto, Coidadoras da Terra, que foi o xermolo, no que 6 mulleres activistas de Honduras visitaron Galicia para traernos as súas historias de loita pola defensa do territorio, e doutro xeito de producir e de coidarse.

Xa en 2021, en colaboración con Amigas da Terra, e coas compañeiras de CODDEFFAGOLF e ADEPES en Honduras, tivemos a primeira fase «oficial» deste programa.

En 2023 comezamos a segunda fase, na que quixemos xa dotar ao programa dunha marca propia e afondar na importancia da rede e a acción comunitaria nas mulleres bravas. A isto axudounos AGARESO, que nos orientou tanto na nova imaxe do proxecto, como na nova web que agora presentamos.

Nesta nova web do proxecto atoparedes:
🟢Un repaso polo traballo realizado no 2021-2022
🟢Unha presentación das mulleres bravas participantes na primeira edición
🟢Libre acceso a tódolos recursos xerados ata o momento
🟢🔜Moi pronto, máis novidades e toda a programación e info deste ano, porque en marzo teremos visita de 2 activistas!!

BENVIDA Á NOVA WEB DE MULLERES BRAVAS!

🌐 https://mulleresbravas.gal/

Nova imaxe de Mulleres Bravas, a cargo de Iria Fafián

Mulleres tecnólogas polo ben común no IES Zalaeta

Acacia Naves García-Rendueles, voluntaria de ESF dende hai moitos anos (actualmente no grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e asesora técnica en temas de auga), doctora Enxeñería de Camiños e profesora na UDC, estivo no IES Zalaeta, falando para 4 grupos de 2º da ESO (houbo que facer dúas tandas). O título do faladoiro foi «Cómo atopei o que realmente me gusta» . Estivo acompañada tamén polas docentes Paz, José, Belén, Luisa, MªXosé e Iria.

Baseou o faladoiro no feito de como ela foi tomando decisións pouco a pouco, fuxindo da irreversibilidade. Sempre hai tempo para cambiar o rumbo, o cal pode dar tranquilidade ás persoas nesas edades.

Ela falou de eleccións baseadas ao principio nas materias que lle gustaban e as capacidades que tiña, así como oportunidades que logo poden ir xurdindo e ás veces se poden aproveitar (bolsas, estancias no extranxeiro, etc).

Fixo fincapé da importancia de equilibrar a vida laboral (ou de estudo) coa parte personal de relacións persoais e, como no, ocio e deporte (no seu caso, o rugby!).

Falou tamén da influencia que algunhas docentes tiveron na súa elección, das primeiras experiencias como muller-enxeñeira en obras e en investigación, das súas actividades en voluntariado… e de que os cartos sirven até certo punto, pero non é cando máis gañas cando máis feliz eres.

A nivel técnico, deu pinceladas de que é un almacenamento xeolóxico de residuos radiactivos, que son os laboratorios profundos tamén o problema das traídas veciñais de abastecemento de auga, que se da tanto en Galicia como en países onde traballamos como Hondura. Acabou falando da súa actividade actual e do satisfactorio que é traballar en tecnoloxía para o ben común coas persoas.


O faladoiro foi ben valorado, polo enfoque na toma de decisións sobre o futuro e falar de bastantes cousas sen demasiada profundidade para que se fixera fácil de seguir e ameno. Ás veces non é sinxelo comunicar este tipo de ideas a esas edades. Esperamos que fora de moita utilidade!

Boletín Oficial ESFeiro: febreiro 2024

    O vindeiro mes de febreiro celébranse as eleccións en Galicia. Dende a Coordinadora Galega de ONGD, da que formamos parte, saíron cinco propostas para o futuro da cooperación galega, que quixemos que os partidos incorporaran no seu programa. Queremos unha Galicia solidaria que aposte por un modelo sostible dende o local para o global, sen deixar a ninguén atrás.

A continuación te deixamos co BOE de febreiro 2024 e, por se prefires a versión resumida en podcast, AQUÍ a podes escoitar.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En xaneiro deixamos na nosa web unha pequena crónica do encontro de alumnas de secundaria dos centros piloto de Hackers Sen Fronteiras, que celebramos en decembro en Lugo. Alí falaron de posibles barreiras para decantarse para os estudos tecnolóxicos. Ademais, abrimos a convocatoria para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR 2024). Pechará o 15 de febreiro. Por outra banda, presentamos xunto con Amigas da Terra e AGARESO a nova imaxe do programa Mulleres Bravas. Esperamos que vos guste!

    Tivemos a boa nova de que seguiremos traballando un ano máis cos Bancos de REciclaxe Electrónica, coa axuda de fondos de IRPF (a casiña solidaria da declaración da renda), coas compas de Ecos do Sur. Ademais, obtivemos da mesma fonte unha pequena financiación para dous proxectos máis, un para complementar o traballo coa comunidade universitaria máis tecnolóxica dentro do programa de ESF na Universidade, e outro innovador de traballo con entidades profesionais como colexios de enxeñería, así como persoas profesionais da tecnoloxía e enxeñería, promovendo a tecnoloxía para o ben común a estes ámbitos.


HONDURAS

    En Honduras, dentro do programa de soberanía alimentaria, despois dun período de certa escasez de semente de bivalvos, por fin puideron empezar os ensaios de cultivos en bolsas, co proxecto de mellora da actividade marisqueira. Tamén houbo xornadas de formación en ferramentas para organización e administración dos grupos de mulleres marisqueiras.

    Dentro do programa de Dereito á Auga, fixémonos eco da entrevista sonora a Wendy Reyes, a coordinadora técnica da Mancomunidade NASMAR, coa que este ano 2024 complimos 10 anos de traballo.


MOZAMBIQUE

En Mozambique retomouse o traballo nas ARA (Administraçoes Regionais da Água) e compartimos na web a crónica da visita de Manuel, o noso técnico en hidroloxía, que volveu en decembro tras un mes de estancia no país. Estivemos traballando tamén no deseño das accións para os vindeiros anos a partir das visitas de finais de ano.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos a canción da artista mozambicana Sheila Jesuita, Em Maputo


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O espírito de solidariedade humana e de afinidade con toda a vida fortalécese cando vivimos con reverencia ante o misterio do ser, con gratitude polo regalo da vida e con humildade con respecto ao lugar que ocupa o ser humano na natureza.

Preámbulo da Carta da Terra

Empezan en Honduras os ensaios de cultivo de bivalvos en bolsas ou pochones

No proxecto Mejora de la actividad marisquera en el Golfo de Fonseca, Fase 1, que se está a desenvolver en Honduras xunto coa asociación CODDEFFAGOLF e financiado pola Cooperación Galega, están empezando cos ensaios de cultivo en bolsas de malla (pochones) para engorde de moluscos bivalvos.

Estes ensaios, que se están a realizar en Amapala, teñen como finalidade poñer en práctica diferentes metodoloxías para a recuperación das poboacións de bivalvos no Golfo de Fonseca. Nas imaxes vense dous modelos distintos, que se deixan instalados en zonas de manglar para, posteriormente, facer o monitoreo de como se van desenvolvendo as «sementes» ou larviñas de bivalvos que se deixarán nelas, a porcentaxe das distintas especies que se instalan a maiores, o crecemento das mesmas, o tempo que tardan en ser maduros para reproducirse, o lugar onde crecen mellor as distintas especies, etc.

A semente (larviñas) recolectouse nuns recolectores que fixeron mulleres dos grupos de marisqueiras con tellas e outros elementos sinxelos. Chama a atención como, no caso de marisqueo de bivalvos, se fala de «semente», como en cultivos agrícolas. Agora métese dentro dos pochones, que son estes sobres ou bolsas de malla.

Logo, máis adiante, cando crezan os bivalvos, se poderán recoller a pochones con máis amplitude, para que non estean apretados ou ben a area, uns para rexenerar zonas e outros para ensaios de cultivo controlado en area.

Dada a mortandade ocasionada por diferentes problemas de contaminación das augas que xurden de cando en vez, é importante contar con sistemas que permitan a rexeneración das especies para manter o equilibrio dos ecosistemas e os medios de vida das poboacións aledañas (ademais de seguir investigando sobre as causas destas mortandades).

Peche do ano en Mozambique

Durante 4 semanas, do 20 de novembro ao 18 de decembro, Manuel Álvarez, o técnico en hidroloxía do programa AquaMoz, estivo de visita técnica en Mozambique traballando, fundamentalmente, en Maputo e en Tete cos técnicos das Administrações Regionais da Áuga (ARA) Sul e Centro respectivamente. A viaxe centrouse, principalmente, no fortalecemento das capacidades dos técnicos das ARA en relación á análise das épocas seca e húmida e na identificación de potenciais novas liñas de colaboración que dean continuidade aos avances xa consolidados.

As 2 primeiras semanas o traballo centrouse na sede da ARA Sul en Maputo, realizando o acompañamento ao habitual seguimento e análise dos períodos seco e húmido do ano hidrolóxico 2022/23 e do inicio do 2023/24, o cal, entre outras cousas, serve como base para a elaboración do boletín de seca da ARA Sul, punto focal para o proxecto.

O día 1 de decembro, o técnico da ARA Sul presentou, nun evento da rede Aquashare (asociación mozambicana para compartir coñecementos no ámbito da auga), os resultados e a metodoloxía (baseada no software IBER e en bases de datos globais) do estudo das inundacións de febreiro de 2023 na bacía do río Umbeluzi.

De modo paralelo, e de acordo coas necesidades da ARA Sul, traballouse na identificación de futuros estudos de inundacións e na selección inicial de posibles bacías piloto. Durante estes días tamén se realizaron tarefas de titoría e acompañamento no desenvolvemento do traballo de fin de máster de hidroloxía de Ernesto, técnico da ARA Sul vinculado ao proxecto.

A terceira semana o traballo realizouse en Tete coa ARA Centro. Con eles traballouse na formación práctica inicial para a análise das épocas seca e húmida do ano hidrolóxico 2022/23 e inicio do 2023/24; e no avance de ideas de futuros estudos de inundacións en bacías piloto. Despois do traballo realizado a distancia desde mediados de ano, esta foi a primeira visita a Tete e os resultados foron moi satisfactorios, principalmente polo alto interese e motivación da institución e tamén polo bo nivel técnico do persoal.

Na última semana en Maputo continuouse coas liñas antes mencionadas coa ARA Sul e traballouse tamén co director da facultade de enxeñería civil (da Universidade Eduardo Mondlane) na coordinación e dirección do traballo de fin de máster e no asesoramento técnico para a avaliación de recursos hídricos en bacías sen datos.

FOTO DA PORTADA: Manuel (dereita) cos responsables técnicos da ARA Centro en Tete.

Aberto prazo para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. PCR 2024

Como cada ano por estas datas, abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (ao que chamamos agarimosamente PCR).

Trátase dunha experiencia inmersiva de educación para a cidadanía global, coñecendo o traballo nos proxectos que apoiamos no sur de Honduras, coas organizacións hondureñas coas que colaboramos. Hai unha formación e integración previa, cunha estancia no verán de 2-3 meses na que ESF Galicia se fai cargo de viaxe internacional, seguro e aloxamento, para á volta contar co testemuño de primeira man das participantes en actividades de sensibilización.

Este ano o programa conta con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén dos Fondos IRPF da Xunta de Galicia.

Pódese solicitar dende o 22 de xaneiro até o 15 de febreiro.

Calquer persoa maior de idade pode solicitar praza.

Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2024

Se prefires a versión podcast resumida deste boletín, aquí podes escoitala.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Decembo veu movidiño. Xunto a máis dun cento de entidades ecoloxistas e sociais, apoiamos o manifesto rexeitando a Axenda Mineira da Xunta por criminalizar a sociedade civil. Dende o noso grupo de masculinidades alternativas (micromachiños) nos recomendan o libro: El deseo de cambiar. Hombres, masculinidad y amor, de Bell Hooks. Participamos no podcast Habitando, de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia, que no seu episodio 44 tocou o tema Tecnoloxías para o Ben Común nas Universidades Galegas e a rede Artigo9Tech.

    Un evento moi interesante foi o que organizamos en Lugo, como peche da primeira fase do proxecto Hackers Sen Fronteiras, onde se fixo unha avaliación co profesorado participante e tamén un encontro con alumnas para coñecer posibles barreiras para continuar estudos pola rama tecnolóxica. Durante o mes aínda tivemos tempo para facer algún faladoiro máis en institutos dentro deste proxecto de Hackers Sen Fronteiras, como os que se fixeron en Brión sobre ciberacoso e mulleres tecnólogas, ou o de Curtis onde unha profesora e unha ex-alumna súa da EPS Lugo contaron as súas experiencias como mulleres tecnólogas. Como parte do peche desta primeira fase, fallouse o concurso de propostas didácticas de tecnoloxías para o ben común, que recaeu no IES Primeiro de Marzo, cunha proposta de banco de reciclaxe electrónica escolar.

    A principio de mes participamos nun encontro coa rede Artigo9Tech de tecnoloxía para o ben común nas universidades. Tamén houbo un encontro co grupo de voluntariado de Vigo e outro do grupo de Mulleres Tecnólogas na Coruña. Fixemos unha campaña en redes sociais sobre Colonialismo Verde en Gaza en colaboración coa organización Sistema Universitario Galego por Palestina. Tamén englobado nas accións de ESF na universidade, houbo 3 encontros con diverso profesorado da UDC para explorar posibles colaboracións no eido de tecnoloxía para o ben común, un Repair Café na ESEI de Ourense colaborando con Amigas da Terra e un faladoiro en Lugo sobre tecnoloxía para o ben común dentro da materia de Ordenación Territorial.

    Non podían faltar os encontros da base social para despedir o ano, na Coruña e tamén o organizado para toda Galicia, onde aproveitamos para ver a esfeiras que andan polo mundo adiante e veñen a casa polo Nadal.


HONDURAS

  En Honduras rematou en decembro a escola de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de apoio a grupos de mulleres marisqueiras financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Foi momento de peche da anualidade 2023 dos proxectos en marcha, que se poden coñecer aquí.


MOZAMBIQUE

En Mozambique rematou a estancia no país (estivo algo máis dun mes) de Manuel, o experto co que contamos para apoio técnico ás Administracións Rexionais da Auga en temas de seca, estudos de curvas de embalses e, proximamente, inundacións. Puidemos coñecer como lle foi no encontro de Nadal da base social.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos deixar unha recomendación artístico-lúdica. Trátase de ‘O Ghaiteiro petroleiro’: cartas sobre a mesa para recuperar a memoria de Nunca Máis a través do xogo


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

«Non se pode pasar un so día sen ter un impacto no mundo que nos rodea. O que facemos marca a diferencia, e temos que decidir que tipo de diferencia queremos facer» 

Jane Goodall