Crónica do ciberfaladoiro «Axuda o eucalipto ao rural galego?»
A pasada semana, dentro dos nosos ciberfaladoiros vinculados á defensa da terra e do territorio, tocamos o tema da eucaliptización de Galicia.
Partimos da base de que as plantacións de eucalipto non son un bosque. Non se poden considerar un ecosistema completo, con todas as súas funcións. E encher o territorio de plantacións destas implica poñer en risco sistemas naturais que non acabamos de comprender, sobre todo cando se fai de xeito descontrolado, sen planificación e/ou sen seguimento e xestión (por exemplo, por non executar sancións a quen non respecta distancias de plantación, planta en territorios de concentración parcelaria, etc.).
Falamos de que posiblemente a principal razón de que continúe a aposta polo modelo de monocultivo forestal é a existencia dunha potente industria papeleira, que condiciona as políticas do goberno da Xunta dende hai lustros. Esta empresa, ENCE, é totalmente privada dende que en 2001 o estado vendera as participacións que lle quedaban na empresa.
Sen unha aposta decidida da administración pública por outro modelo non baseado no curtoprazismo e no extractivismo non imos poder saír deste círculo vicioso. Para as persoas é moi tentador unha plantación forestal que pode dar cartos en 12-15 anos. Ademais, vai seguir sendo necesario o papel, e hai quen di que se non se fai aquí o que se fará é relocalizar en lugares con menos controis ambientais e sociais, pero que aquí seguiremos consumindo papel (coa hipocrisía que iso implica). Isto fai que haxa persoas con terreos en zonas do interior aos que lles gustaría tamén poder plantar variedades de eucalipto que aguantan as condicións máis frías, e que consideran que é inxusto que se leve moitos anos con vía libre a plantacións en zonas costeiras de Galicia, e agora non permitan isto noutras zonas.
Toda esta visión cremos que non está tendo en conta os múltiples servizos ambientais, paisaxísticos e culturais do bosque. Non se poñen en valor, nin tampouco hai compensación para as persoas que manteñen leiras con bosques autóctonos, ou que reforesta con estas especies. Só o farán entón persoas que non precisan cartos e que ademais son un pouco “frikis”. Non todo o mundo vai facer como o protagonista do precioso conto «O home que plantaba árbores» (que podes atopar nesta publicación nosa onde o traducimos).
Todo isto, sen entrar no carácter pirófito desta especie, á que se lle permitiu unha expansión descontrolada (mesmo agora coa moratoria, que non fixo máis que aumentar as plantacións xusto antes de que entrase en vigor).
Así que pensamos que o xeito de romper o círculo vicioso é empezar pola administración pública competente en política forestal e de ordenación de territorio. Débese definir un modelo territorial e económico para Galicia, que dea peso ao equilibrio poboacional rural-urbano, e non sexa o de ter cidades rodeades de grandes extensións de pastos e eucaliptais sen xente que viva aló. Seguirá habendo sitio para eucaliptos, porque dan rendibilidade e teñen certa demanda (cada vez máis monopolizada, co perigo que iso implica de que de pronto caian os prezos), ademais de que poden crecer en zonas de monte non aptas para outros bosques. Pero en absoluto debería protagonizar nin condicionar as políticas forestais, e por ende de desenvolvemento rural, da administración galega.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!