Sempre na loita
Levo sen sentir ansiedade no corpo dende que cheguei aquí. Será polos ritmos máis
tranquilos, pensei nun comezo. E pode ser que iso tamén inflúa. Pero agora, co paso do
tempo, decateime de que a diferenza non está tanto na velocidade á que se vive, senón no
lugar que unha ocupa dentro desta realidade.
A medida que fun coñecendo máis de preto as historias que sosteñen este territorio,
entendín que a calma das conversas e rutinas case nunca se traspasa aos corpos. Como van
sentir acougo persoas que sosteñen incerteza diaria e que levan no corpo o peso da
resistencia?
Nestas últimas semanas da miña estadía PCR tiven a sorte de poder sentarme a escoitar, con
emoción nos ollos e gratitude na curva dos meus beizos, a persoas que agora admiro
profundamente; auténticas referentes para min. Hai algo profundamente político en escoitar
con calma. En deixar que a historia se conte ao seu propio ritmo.
APRENDÍN da man dalgunhas das fundadoras e fundadores de CODDEFFAGOLF. Persoas xa
moi maiores que, coa súa memoria intacta e as súas peles marcadas por décadas de loita,
ameazas e organización, manteñen unha aposta firme por defender un legado que segue en
construción.
«Puedo decir que estuvimos padeciendo miedo, estuvimos padeciendo a veces
hambres, hemos llorado… Todos los promotores. Sol, desvelos, lágrimas por los
compañeros muertos. Pero siempre nosotros nunca dijimos atrás. Lo enterraron.
Entiérrenlo y lo vamos a visitar después días y vamos a adelante. Nos reunimos tal
día, y hasta que logramos el objetivo. A Dios gracias.« – Don Juan Ángel Ortiz
Os relatos, duros e honestos, que compartiron conmigo devolven á entidade a súa esencia
como organización de base social; algo que se debe manter sempre presente. Esta foi unha
das moitas ensinanzas que recibín de Modesto quen, coa súa xenerosidade e humildade, me
acompañou ao longo de todo este proceso. Horas de conversa que xa forman parte do lugar
ao que volver cando precise lembrar por que importa o colectivo.
VIVÍN uns días en La Flor, unha pequena comunidade pescadora golpeada pola
contaminación das augas e polas prácticas extractivistas de grandes empresas. Abríronme as
portas das súas casas e asembleas, compartiron todo -e máis- conmigo e fixéronme sentir
parte, aínda sabendo que eu só estaba de paso.

Aproveitando a marea do roibén, preparamos coidadosamente os aparellos e lanzamos o
cordel ao mar: un exercicio de responsabilidade e convivencia, un xogo de paciencia e
supervivencia, unha aposta admirable por construír outro presente.
En Amapala, as marisqueiras organizadas en distintos grupos de mulleres tamén son mestras
neste equilibrio. Con elas puiden ver de preto o proceso da sardiña (como se colle nos
chiqueros e como se sala despois) e os monitoreos de bivalvos que levan realizando desde
2019, tras aquela gran mortalidade que arrasou curiles, ameixas, churrias e cascos de burro.
Para min o máis impactante non foi a técnica en si, se non poder achegarme ao
coñecemento profundo que conteñen as súas mans; un saber e soberanía da que depende a
vida de moitas comunidades.

XOGUEI con defensoras ambientais e lideresas comunitarias no II Encontro de Mulleres
Bravas. Pouco antes de facer as maletas, tiven a oportunidade de organizar a segunda
xuntanza das participantes do proxecto; o que resultou ser unha das vivencias máis bonitas
da miña estadía.
Este encontro naceu coa vontade de crear de novo (por segundo ano consecutivo) un espazo
de acorpamento e coidado, no que poder parar e sentirse sostidas. E así que o sentimos…
Xogamos, falamos, rimos, debatemos e cantamos. Pero, sobre todo, recoñecéronse e
valoráronse: mulleres que poñen o corpo na defensa da vida, con todo o que iso conleva.

Viñeron de territorios diversos e dispares entre si, e con historias de vida únicas e, malia iso,
as loitas que comparten son enormes: as presións das grandes empresas (camaroneiras,
mineiras, etc.), os sobornos e divisións dentro das propias comunidades, o machismo
instaurado, a escasa vontade política para protexer os bens comúns, o avance do propio
cambio climático, os residuos… E, entre todo iso, a carga invisible dos coidados.
Que estamos facendo, como institucións e como sociedades, para salvagardar as vidas das
defensoras dos dereitos? Precísanse mecanismos reais de protección. Porque defender o
territorio aquí implica expoñerse, asumir riscos e convivir co medo.
Nese mesmo espazo puxemos o coidado no centro. Detivémonos a pensar que lugar ocupa o
autocoidado nas nosas vidas, que queremos que habite no noso espazo persoal, e no desafío
de sosterse no colectivo sen desaparecer como individuos. Emerxeron preocupacións e
cansancios acumulados, pero tamén afloraron e celebramos moitos logros e orgullos. E,
rodeando todo o encontro, houbo moito amor. E cando estamos falando de loita, habitar
estes termos, é dunha gran sabedoría.

Cando cheguei a Honduras escribín que aquí todo parecía ir máis amodo. Agora decátome
de que a tensión é continua: as ameazas, o mar que cambia, a terra que se esgota, as
decisións que outros toman dende lonxe pero que impactan. E entendo agora que o meu
privilexio é tamén unha responsabilidade, para vivir, acorpar e acompañar sempre na loita.
Podes escoitar o consagrado Himno Mulleres Bravas, creado no primeiro encontro no 2024, cantado tamén nesta ocasión: aquí.














Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!