Comunidades enerxéticas: traendo a gobernanza enerxética aos territorios
Queremos compartir algunhas ideas que saíron no ciberfaladoiro que tivemos hai uns días sobre Comunidades enerxéticas: traendo a gobernanza enerxética aos territorios
- Mencionouse que, aínda que hai comunidades enerxéticas co promotor «gran empresa», en realidade Comunidade enerxética empeza por «comunidade». Non é só autoconsumo, senón tamén xenerar comunidade entre as persoas dun mesmo territorio.
- As comunidades de montes veciñais en man común teñen moito potencial para isto en Galicia. O monte é do conxunto das persoas comuneiras polo feito de vivir na parroquia, e os aproveitamentos son decididos pola comunidade.
- Pero as comunidades de montes non poden solicitar ser comunidades enerxéticas como tales, por non ter entidade xurídica axeitada para iso. En Tameiga seguen insistindo, pero outras buscaron outros camiños (constituirse en cooperativas enerxéticas, etc.).
- Estanse dando, así, moitos ataques a este tipo de tenza privada colectiva (en augas, enerxía, madeira e mesmo en querer impedir que xestionen solo industrial, como ultimamente). Chégase á violencia administrativa, xogan cos tempos reducindo todo o que sexa participación cidadá (ou alegacións ante agresións ao territorio por proxectos «estratéxicos» que de pronto corren moitísima prisa), burocracia axfisiante para as comunidades…
- Existen nalgunhas zonas Oficinas de Transformación Comunitaria, financiadas polo goberno con fondos de distintos tipos. Asesoran e está moi ben para tema técnico, aínda que dependen moito da visión do persoal técnico encargado das mesmas (algunhas poden ter unha visión de apoio comunitario, e en cambio outras centrarse máis en que sexa promoción dende empresas).
- Por que na universidade on se prepara para esa promoción comunitaria que se precisa en entidades como comunidades de Montes Veciñais en Man Común, augas, enerxía…? Hai que meter presión nos cambios de plans de estudos para meter esta visión. Esa xestión comunitaria (co potencial que temos en Galicia coas comunidades de montes), pensamos que é moito máis democrática (aínda que se poida complicar), e se reparten mellor os recursos e beneficios que se concentra en grandes empresas.
- Mencionouse a posibilidade de diversifición enerxética apostando mesmo pola hidráulica mecánica como solución de baixa tecnoloxía (recuperar muíños, que xa hai algún caso).
- Tamén se fixo referencia a que pode haber empresas privadas vinculadas ao territorio dende hai anos na distribución, que facilita moito máis que as grandes a xestión (soen ser empresas pequenas, que proveñen precisamente de iniciativas en zonas máis apartadas onde ás grandes non lles era «rentable» entrar). Parece que a vinculación ao territorio é clave, e pode facer os procesos máis empágitos que a despersonalización que traen as empresas deslocalizadas que buscan maximizar beneficios a partir dun servizo básico (o mesmo enerxía, que auga, alimentación…).
- Emprazámonos para un seguinte encontro, xa de tipo máis técnico, para saber que é preciso facer para crear unha comunidade enerxética. O máis seguro que o deixemos xa para despois do verán e fagamos algo máis «serio», con formacións contando con compañeiras de comunidades enerxéticas xa en marcha por Galicia adiante (e pagándolles pola súa sabedoría, que tamén xa está ben de tanto traballo de balde…).

