Sentires do Monte, na comunidade do monte veciñal de Couso
Dentro do programa de ESF no eido profesional e da economía social, unha das accións máis importantes é que a nosa base social vaia coñecendo iniciativas relevantes de tecnoloxía para o ben común e xestión comunitaria, onde a corresponsabilidade das persoas ten moita relevancia. O pasado sábado 20 de setembro 2 persoas de ESF asistiron a Sentires do Monte. Aquí deixamos o que nos contaron!
Crónica por Jose González Nóvoa
O sábado fomos a unha actividade (Os Sentires do Monte) organizada pola Comunidade de montes veciñais en mancomún de Couso.
Foi un roteiro polos montes da comunidade, onde nos foron falando do que facían. Resumindo moito, o obxectivo comentaban que era que a xente sentise apego polos seus montes, máis alá de velos simplemente como unha fonte de ingresos económicos, escapando dese concepto productivista.
Teñen diferentes aproveitamentos do monte. Comezaron falándonos do impacto do eucalipto e do seu carácter pirófito. Por exemplo, comentábannos que cando o lume se acerca aos eucaliptos, o froito estoupa e lanza as sementes a ata 15 metros de distancia, lonxe do frente de lume para garantir que siga habendo eucaliptos. Tamén de que no interior ten cápsulas capaces de brotar incluso despois de que arda a árbore. Como aspectos negativos resaltaban o impacto que teñen sobre os acuiferos, resecándoos, e que cando hai lumes as súas cumes transmítenos rápidamente.
Leváronnos a ver unha zona onde tiñan plantados arandeiras. Os arandos téñense que recoller a man, e teñen un sistema de reparto 50/50, é dicir, calquera persoa pode ir recolectar arandos de balde, pero por cada kilo que colla, a metade é para a persoa e a outra metade para a comunidade. Faláronnos tamén do impacto positivo que ten incluso o feito de que veñan aves a comelos, en lugar de tapalos con redes e similares, xa que ao defecar propagan as sementes, e eses paxaros serven de alimento para outros máis grandes, coma os miñatos.
Despois tíñannos preparadas unhas sobreiras para que as plantaramos nós, e faláronnos da importancia dos anfibios presentes nas charcas, por exemplo co caso do mosquito tigre, xa que estes anfibios cómenlles as larvas e evitan que se extendan.
Un concepto que me pareceu moi curioso é o de «sementar a auga». Pois básicamente, en zonas de pendente fan unhas zanxas perpendiculares á dirección de baixada da auga, e asi freana un pouco favorecendo que se infiltre na terra. Tamén nos falaron do concepto de comunidades de augas, e das ventaxas que ten para a veciñanza.
O xantar correu a cargo da comunidade de montes, con empanadas, viño, xabarín, infusións… E todo local!
Finalmente, leváronnos a ver os Petroglifo do Sobral e o Mirador do Viso, onde unhas nenas da comunidade de montes lles fixeron unha serie de preguntas a persoas comuneiras máis «veteranas», por exemplo como era o colexio na súa época, como se divertían, como ligaban… Estivo moi simpático. E por últimos, a ritmo de charanga na casa veciñal 🙂






Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!