COIDADORAS DA TERRA

Boas novas! Até fin de ano, grazas ás axudas de educación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, dentro da política pública de Cooperación para o Desenvolvemento autonómica pola que tanto temos pelexado, teremos a oportunidade de convidar a Galicia a 6 mulleres coidadoras da terra e a auga de Honduras,para coñecermos os seus relatos e conectar activismos contra problemas que teñen unha orixe común (hiperconsumo extractivista) e toman diversas formas segundo o lugar e contexto no que se manifesten. Quérese poñer de manifesto o papel de activismo e loita das mulleres, invisibilizado en demasiadas ocasións. Porque Berta xa son millóns.

Os temas nos que se incidirá teñen que ver coa defensa da terra e o territorio nos que ESF ven traballando en Honduras e Galicia nos últimos anos, e que nos que soe ser clave o uso de tecnoloxía que non ten en conta a realidade socio-ambiental:

  • O Dereito á Auga
  • O Dereito á Alimentación, especificamente no que ten que ver coa soberanía alimentaria, neste caso a defensa da pesca e marisqueo de baixo impacto
  • O Dereito á Información e a tecnoloxía necesaria para aseguralo, a través da electrónica ética e a mobilización para a defensa do territorio ante as ameazas do extractivismo incontrolado das grandes mineiras para explotar os materiais imprescindible para a fabricación de dispositivos electrónicos de uso masivo (como ordenadores ou móbiles)

As actividades que se impulsarán nas tres liñas de traballo son:

  • a investigación sobre tecnoloxías tradicionais galegas no eido da auga, a minaría e o marisqueo artesanal (sobre todo no que fai referencia á participación das mulleres nas mesmas), así como a súa posterior divulgación.
  • a xeración de material divulgativo baseado na investigación e no traballo de ESF en Honduras nestas temáticas, tratando de asociar as problemáticas galega e hondureña para visibilizar as causas profundas do problema do extractivismo, e como
    afecta ás dúas zonas, co fin de empatizar con outras realidades e ao mesmo tempo tomar consciencia dende unha perspectiva crítica dese modelo extractivista.
  • O fortalecemento de redes de coidadoras da terra nos tres temas mencionados anteriormente, a partir dos contactos que ESF ten en Honduras con organizacións da sociedade civil coas que se vén colaborando dende hai máis de 5 anos. Organizarase a viaxe de 6 mulleres en tres delegacións das tres temáticas de traballo mencionadas como base da acción pola defensa da terra (auga da asociación AHJASA, alimentación dos grupos de mulleres marisqueiras que se impulsan con CODDEFFAGOLF e defensa do territorio ante extractivismo mineiro con movementos como el Frente Triunfeño en Defensa de la Vida), para os meses de setembro, outubro e novembro respectivamente. Cada delegación serán 2 mulleres activistas na temática dese mes, cunha viaxe dunha semana de duración a Galicia, onde se desenvolverá unha axenda que contará diversas actividades (non teñen por que ser todas en cada unha das visitas) como encontros con activistas de Galicia na temática de que se trate, algunha visita de campo para coñecer experiencias de activismo ou de boas prácticas, algunha reunión institucional e faladoiros en distintos entornos (máis informais ou nalgunha facultade da universidade con estudos relacionados á temática da delegación de que se trate).

Trátase, en resumo, dunha aposta por unha investigación aplicada ao coñecemento das realidades globais, promovendo a conexión de loitas e o intercambio de experiencias e saberes. Neste sentido, é importante destacar que no proxecto participará tamén unha persoa que xa foi seleccionada por ESF dentro do seu Programa de Coñecemento da Realidade (PCR). Esta persoa participará a primeiros de setembro nun campamento dunha Red Internacional de Jóvenes por el Clima en Honduras, contactando alí tamén coas persoas das delegacións que logo viaxarán a partir de setembro, co compromiso de colaboración no resto do programa de visitas dende Honduras até decembro, cando regrese a Galicia.

7 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.