Visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Teresa Huete e Basilia Palma son dúas mulleres do sur de Honduras, das aldeas de Matapalos Abajo (municipio de El Triunfo) e Cerros de Moropocay (municipio de Nacaome) respectivamente. Elas teñen ampla traxectoria na xestión comunitaria da auga (onde o estado non chega), e forman parte de AHJASA, unha organización da zona, coa que ESF leva colaborando dende o 2014 no programa de promoción do Dereito á Auga en Honduras. Trátase dunha zona de trópico seco, con economía de subsistencia, onde as mulleres non soen tomar parte moi activa da vida pública.

Teresa e Basilia estarán en Galicia entre o 9 e o 15 de decembro, dentro dun proxecto que chamamos Coidadoras da Terra, financiado pola Xunta de Galicia (polo cal outras 4 mulleres a maiores estiveron visitando Galicia, dúas marisqueiras e outras dúas defensoras da terra contra o extractivismo depredador), que pretende visibilizar ás loitas das mulleres e poñelas en contacto con iniciativas da sociedade civil galega. Unha sorte de intercambio de experiencias e coñecementos, e ver que as loitas son comúns porque hai algo común na depredación dos recursos en todo o planeta (aínda que poñendo tamén o ollo nas diferencias a nivel lexislativo e de protección dos dereitos humanos nuns sitios e outros para unir loitas e que non se quede nun “cada un pelexar polo seu”), todo elo coa perspectiva de xénero. Por iso en Galicia, para esta visita, estamos en coordinación coa asociación COXAPO, que é para nós como a AHJASA galega.

A axenda das visitas será a seguinte, as palestras serán todas abertas ao público, nun formato de conversa e encontro:

  • O luns 9 pola tarde será día de paseo en A Coruña.
  • O martes 10 pola mañá, ás 10:15, palestra aberta no salón de graos 2 da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Coruña, palestra “Problemas de xestión da auga en zonas rurais. Casos de Galicia e Honduras”, onde teremos ocasión tamén de partillar con Carlos Ameijenda, (director do proxecto Life de Abegondo, concello onde hai varias experiencias moi exitosas de xestión comunitaria da auga) e Acacia Naves (profesora na Escola de Camiños, experta en hidroloxía subterránea e colaboradora de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia).
  • O mesmo martes ás 13h estaremos grabando o episodio 2 de ESFRadio, con Basilia e Teresa como invitadas especiais.
  • Xa pola tarde, ás 19:30, na Escola Politécnica Superior de Ferrol, e dentro da semana de Dereitos Humanos que organiza a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña, haberá un encontro con elas para falar da “Dereito á auga nas comunidades rurais do sur de Honduras”.
  • O mércores 11 será o primeiro día de visitas a campo, coordinadas por COXAPO. Comezaremos pola zona de Moaña e a nosa intención e poder visitar as comunidades de usuarios de Pálmas-Costa  e Meira de Arriba aproximadamente con 400 usuarias  cada unha (1200 persoas abastecidas). Posteriormente iríamos á zona de Vilaboa a visitar alguna comunidade mais pequena.  Posteriormente se nos dese tempo iríamos a visitar unha traída que está renovando todas as instalación para que vexan o proceso. De camiño a Tomiño pararemos ainda nunha traída de Rebordáns, que está situado no parque natural Monte Aloia.  Para rematar o día cearemos en Tomiño falando sobre como se xestionan as comunidades, por que lexislación se rixen tanto autonómica como os seus propios estatutos, etc.
  • O día seguinte, xoves 12, visitaremos as comunidades de Tomiño ( primeiro concello que promoveu a autoxestión), onde naceu Coxapo,  e iremos visitar dende unha comunidade moi pequeniña e aislada ( Vilachan do Monte) a comunidades como Mosteiro, Tomiño, Estás (onde está a sede de coxapo, e foi case o proxecto piloto antes de poñer o sistema en outras traídas) ou Goian, que é a mais grande con 1200 usuarios ( aproximadamente 3500 persoas abastecidas). Teremos tamén reunión de traballo para ver a viabilidade de conseguir fondos europeos e demostrar que é viable este sistema de autoxestión de abastecemento e, en moitos casos, a única vía alternativa. Estarán presentes en todo momento usuarias de comunidades de auga contando a experiencia de autoxestión.
  • O venres 13 ás 12h teremos na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela a palestra “Experiencias en xestión comunitaria e autoxestión da auga en Galicia e Honduras”. Alí nos acompañarán tamén persoas de COXAPO, que nos darán a visión do que ocorre en Galicia.
  • O sábado teremos un encontro informal con Teresa e Basilia (lugar e hora por determinar).
  • O domingo, a pasear e relaxarse por Santiago, que hai que ter tempo para todo e xa terá sido unha intensa semana!
4 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.