Móbiles na adolescencia
O impacto do acceso descontrolado e cada vez máis temprano a móbiles intelixentes con internet sen restriccións, está creando moitos conflictos e preocupacións na comunidade educativa e tamén nas familias.
Dende Enxeñería Sen Fronteiras, pensamos que formación e a actitude de nais, pais e titorxs, xunto cos centros escolares, é a clave para solucionar este problema social, un exemplo de libro de como as “tecnoloxías extractivas” (feitas para facernos pasar moito tempo diante das pantallas e monetizar a nosa vida dixital) nos collen sen defensas. Non se trata simplemente de manexar conceptos como DSN, ou control parental. Se nos limitamos a todo este arsenal técnico, sen traballar as actitudes e valores máis fondos dxs nenxs e adolescentes, será como poñer portas ao mar. Conseguiremos, iso si, unha xeneración impresionante de hackers, expertas en saltarse todas esas barreiras.
Dende as familias, hai dúas bases importantes sobre as que traballar, e nos parecen elementos que inflúen de xeito determinante en como podemos educar mellor dixitalmente (e tamén noutros ámbitos) a nenxs e adolescentes.
A primeira delas é dar exemplo. Se non hai acción exemplificante na casa, será complicada a formación das adolescentes, que soen sinalar tamén ás persoas adultas do seu entorno como malas usuarias dos teléfonos intelixentes. E os datos non lles quitan a razón… É común que rapaces e rapazas tendan a ter comportamentos na liña do que ven no seu fogar. Se hai un uso excesivo e inaxeitado do móbil (a horas intenpestivas, deixando de lado a comunicación ou as actividades coas que temos ao redor), sentiranse lexitimadas a tamén elas usalo, pensando ademais que poden controlalo.
A segunda é adicar tempo ás nosas nenxs e adolescentes. Isto da para reflexións máis fondas sobre como está montado o noso sistema socioeconómico, o que nos demanda a máquina do extractivismo e o que nos deixa de forzas para os coidados. Tal vez deberiamos darlle a volta ás prioridades, pero iso moitas veces non está nas nosas mans, e temos que xogar coas cartas que nos tocan. O que si podemos é non caer nesa exposición a pantallas dende ben novas (mesmo bebés), para que sexa máis fácil darlles de comer, ou que estean tranquilas na casa ou na cafetería, ou nas viaxes en coche… O camiño longo é adicarlles tempo, todo o que poidamos, non sustituirnos por pantallas nin delegar a educación e o ocio en reels de redes sociais. Tamén, falar dende pequenas destes temas de educación dixital, sexual, etc.
O mundo dixital está aí, é unha realidade máis (antes só tiñamos a «realidade real»), e non podemos obviar a acción exemplarizante que temos que ter tamén na casa, nin tampouco crear burbullas artificiais á xente nova. Por moito que se consiga un pacto, ou cambios lexislativos para o non acceso a smartphones até os 16 anos, ou restrinxir o uso das redes sociais até esta idade, a educación dixital ten que vir dende moito antes para que logo cando teñan acceso a el non estean indefensas. Para iso tamén temos que revisarnos como adultas. O ideal, certamente, é retrasar o posible o acceso libre a internet con estes dispositivos, pero falando das razóns coas afectadas, aprendendo xeitos de poñer límites, cultivando a corresponsabilidade e coñecendo máis de temas técnicos para protexerse. Tamén, por que non, participando en movementos de profesorado e proxenitorxs que traballan por levar ao debate social e ás políticas públicas ese acceso paulatino e con sentidiño aos smartphones.
FOTOGRAFÍA: fonte piqsels.com (licenza dominio público)
