Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras realidades: Primeira cŕonica de Aída. «Unha terra que me abraza e me cuestiona»
Aquí todo vai máis amodo. Penso que non é só a calor —aínda que tamén—, senón outro xeito de vivir o tempo, de entendelo, de sentilo. Ao principio custoume coller o paso, desacelerar, mirar arredor sen présa. Pouco a pouco vou soltando esa ansia de produtividade que dende hai tempo me acompaña, esa necesidade constante de facer, de rendir. E con ese soltar, vou percibindo outras cousas que me rodean: o grande estrondo que fan os mangos ao caer enriba das chapas dos tellados, o cheiro mesturado da gasolina dos motores co fume das queimas de lixo e co arrecendo da comida preparada na rúa, o sabor intenso das froitas, as cores vivas dos murais de recunchos e paredes, o saúdo agarimoso duns ollos mate que brillan dende o interior, a conversa dun almorzo compartido.
Nestes outros ritmos, hai tempo para bromear coas compañeiras, pero tamén para preguntarlles como están. Para pararse de camiño de volta dunha saída para coller elotes e compartilos. Hai tempo para pensar, vivir e construír en colectivo.
As persoas e comunidades que vou coñecendo recíbenme cunha amabilidade que abraia, con xenerosidade sincera e os brazos abertos. Compartindo o que saben e o que teñen. Dóeme contrapoñer esta vivencia coa das persoas que migran a España e que resisten día tras día miradas hostís, violencia e desconfianza. Todo o que queda por mudar.
Aquí non todo é doado. Honduras é tamén un espello incómodo no que me vexo reflectida. Porque hai moita beleza, si, pero tamén moita dor e inxustiza. Crianzas traballando dende a mañá ata a noite, a vergoña dun curileiro que agocha as súas curtidas mans, bolboretas que revolotean entre plásticos e residuos. A pobreza e vulnerabilidade son rostros, son historia, son supervivencia diaria. E, aínda así, a vida rebenta en cada recuncho.
Como poden coexistir tanto amor e tanta agresión? Como se sostén a esperanza cando o sistema non ampara e as empresas depredadoras ocupan o seu lugar? A recente xuntanza coa empresa DINANT, tan disposta a financiar solucións para os pescadores, foi unha lección de complexidade. Porque, si, hai necesidades urxentes. Pero… a que prezo se resolve a fame cando quen a mitiga é tamén quen a xera?
Todo isto lévame a mirar o pasado —non un pasado remoto, senón aínda un presente—. Porque o impacto da colonización aquí non rematou; segue a vivir nas estruturas, nas necesidades xeradas, nos territorios arrebatados, nas culturas machacadas, nos nomes das crianzas. Mesmo no abandono do sitio arqueolóxico El Chilcal vin esa ferida aberta: a historia máis antiga do país, esquecida, mentres se glorifican outras memorias.
E, aínda así, a cultura catracha resiste. No sabor do peixe frito con tajadas, nas liras que viran e soan a ritmo de punta, as lideresas comunitarias que fan da súa casa un espazo de encontro e organización.
Durante estas semanas tiven a sorte de acompañar varias saídas de campo que me están permitindo coñecer en profundidade o territorio e ás súas xentes: a comunidade de Las Pelonas, onde nos xuntamos con infancia e adolescencia para impulsar unha rede xuvenil da illa de Amapala; o Instituto Julia Zelaya (Monjarás), onde falamos co alumnado sobre a protección das tartarugas golfinas; Punta Remolino, un paraíso natural para a vida onde conflúen minerais das augas dos manglares, da auga de río e do mar aberto, pero que está fortemente ameazado (e con el os pescadores artesanais e familias que viven do mesmo) polas técnicas destrutivas amparadas polo sistema; Los Delgaditos, onde traballamos guiadas
por Doña Silvia nun viveiro de manglar vermello; ou a praia de Cedeño, punto 0 na afectación do cambio climático, onde o nivel do mar xa cubriu máis de 3 cuadras da comunidade e as marejadas fan desperfectos de xeito continuado.
Esta experiencia estame agasallando a oportunidade de coñecer este territorio dende dentro: amable, diverso, rico, contraditorio, cunha cultura que late con forza e paixón. E no que cada encontro, por pequeno que pareza, ten a capacidade de transformarme.









Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!