Crónicas dende Honduras. Juan na recta final

Logo de levar aquí xa máis dun mes e superar xa nunha semana o ecuador desta aventura continuamos sentíndonos moi afortunados por ser quen de vivir a experiencia que ESF nos brindou. O tempo pasa voando, comezamos a ser conscientes de que esta aventura está cada vez máis preto de rematar, polo que metemos marcha e continuamos exprimindo as xornadas ó máximo posible. Estas dúas primeiras semanas de xullo foron sen dúbida as máis intensas dende que comezamos o programa, cando pensas que esta aventura non pode sorprenderche máis, vai a vida e dache unha volta, tanto a nivel físico, porque o o clima e o cansacio son moi diferentes ao que estamos acostumados, como a nivel social, das historias que se viven e conta a xente coa que compartes actividades e vivenzas.

Nunha das xornadas acompañamos a un estudante de tese doutoral do Instituto de Conservación Forestal (ICF) para facer un seguimento de campo sobre a extensión de mangle na zona de El Guapinol. Hai tempo realizouse unha deforestación moi grande na zona, o que provocou modificación no ecosistema alí existente, polo que se desenvolveron proxectos e programas de defensa e protección. Neste caso o obxectivo era identificar a situación en lugares aínda non explorados e onde a visión satelitar non permite facer unha observación de calidade. A nosa sorpresa foi que esa zona de mangle tiña unhas curiosas gardacostas que non nos deixaron acceder, xa que, ao levar uns 20 metros adentrados no maglar fomos atacados por un enxambre de abellas o que nos levou a ter que cancelar a actividade. Nunca na miña vida vin unha cantidade tan grande e que só nos puidemos quitar de enriba collendo velocidade coa barca coa que accedemos, e que quedasen atrás. Son cousas que pasan, a natureza sorprende e modifica os plans de traballo dun día, que teremos que volver realizar nun futuro.

Continuamos tamén co seguimento dos grupos de mariscadoras na Illa do Tigre, en Amapala. Tivemos a oportunidade de conversar con dous deles, onde nos contaron a necesidade de xerar comunidade, de que se apoien entre elas e de que un mesmo ten que ser o que loite polo seu, si deixarse informar e apoiar por entidades externas pero non deixar que ninguén o loite por elas. Que o ben común e o avance da comunidade fai que individualmente todas avancen, e que traballando mirando polo interese individual fai que se perden importantes progresos. Apreciamos tamén o cariño que senten polos técnicos de CODDEFAGOLF, xa que a compañeira Nicia recibiu unhas fermosas verbas de cariño e agradecemento polo traballo realizado durantes os meses que as estivo acompañando, cando lles comunicou que non seguiría colaborando tan activamente debido a que era o seu último día de traballo.

O gran día esperado tanto por Nohelia, a técnica encargada da actividade, como polos colexios que participaban por fin chegou. A feira do reciclaxe chamada “ReciclaMAS”. Durante as horas da mañá recibimos a autoridades locais como o alcalde do municipio de Marcovia e a presencia de importantes figuras de conservación do medio ambiente e coidado da entorna, como o presidente da xunta directiva de CODDEFAGOLF, Modesto Ochoa. Libras e libras de todo tipo de residuos trouxeron os diferentes institutos participantes, cunha participación moi superior á esperada. Esta gran participación conlevou a algúns problemas de xestión, como que a empresa encargada de recoller os residuos rexeitara o material que inicialmente si aceptaban, pero co bo facer dos técnicos e a mediación entre as partes, a praza principal de Marcovia volveu quedar limpa durante esa xornada e a seguinte, e cos residuos comezando unha nova vida reutizando o que era posible, e reciclando o demais.

Por último tivemos a oportunidade de coñecer tamén un novo proxecto, cunha actividade sobre conservación de sementes e cultivo sostible das mesmas. O nome do proxecto é “Acceso ao Dereito Humano á Auga de mulleres, familias campesiñas, pescadoras e marisqueiras en sistemas alimentarios sostibles e resilientes ao cambio climático”. Nesta ocasión visitamos Ocotillo, en Moropocai co técnico Onan onde nos reunimos con diferentes persoas pertencentes ao Comité de Investigación Agrícola Local (CIAL) da Asociación de Productores Experimentadores de Moropocay (APROEM). Con este proxecto preténdese xerar un banco de sementes que se utilizarían na seguinte colleita, onde os diferentes participantes se ponen dacordo para colleitar diferentes variedades por zonas. Explicáronnos tamén que a unidade de área que eles utilizaban para realizar as plantación eran as “tareas”. Aproveitamos a viaxe ata alí para realizar a entrega de árbores frutales na casa dunha familia, onde se faría o reparto para os membros da comunidade. Esa familia dounos a oportunidade de probar a caña de azucre directamente arrincada da pranta, e diferentes froitos cultivados por eles como os que se poden ver nas imaxes. A verdade e que con cada persoa nova que nos atopamos, o trato recibido é exquisito, facendo que esta experiencia esté a ser exprimida ao máximo e que nos sintamos un máis da comunidade.

Este mesmo día en CODDEFFAGOLF recibín unha gran sorpresa de aniversario, xa que as compañeiras nos tiñan reparado a Denis, un compañeiro de administración, e a min, un doce e unha merenda para celebrar que tiñamos un ano máis. Moi sorprendido quedei con que a canción que cantan para festexar aniversarios son “Las mañanitas del Rey David”, e o agarimosos que son coas palabras que nos adicaron.

A fin de semana aproveitámola para visitar o veciño país de Salvador, na zona de La Unión e o seu volcán Conchagua, donde tivemos a oportunidade de acampar nun mirador dende onde se vían a meirande partes das illas que forman parte de Golfo de Fonseca, así como a zona de Tamarindo, onde visitamos unha praia kilométrica onde nos atopábamos totalmente sós. Esta experiencia permitiunos tamén coñecer como é viaxar en transporte público nesta zona, como cruzar fronteiras en Centroamérica é moi diferente a como estamos acostumados e a coñecer novas experiencias, que ao fin e ao cabo é do que trata este maravilloso programa PCR que estamos a desfrutar.

A nova semana comezou con sentimientos encontrados. Comezan a xuntarse emocións de descubrimento de novas aventuras e aprendizaxes, con rutina e tamén despedidas, xa que a Raquel non a vou volver ver aquí en Honduras durante esta experiencia PCR, sempre da pena, pero coa chegada da nova compañeira Sofía, que comeza por fin a súa aventura hondureña. Visitamos de novo Moropocai, onde nos reunimos coa microcunca del Panasacarán, e presenciamos unha capacitación sobre a importancia que ten na vida da xente a auga, e a calidade da mesma. Tamén sobre boas prácticas agrícolas e como moitos contaminantes poden afectar directamente ás colleitas e a calidade das mesmas. Puidemos volver ser conscientes da importancia que aquí ten a relixión, xa que antes e despois de cada actividades empre se da a oportunidade de darle grazas a Deus pola vida e as vivenzas.

Como en todas as actividades o tempo que aquí levamos, volveron a tratarnos como un máis da comunidade, explicándonos o bo de asociarse como grupo, da capacidade que teñen de chegar a acordos, das problemáticas que tamén se xeran, pero do positivo e beneficioso que é para todos.

Crónicas dende Honduras. Terceira semana de Sofía!

Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a experiencia ata o momento está sendo moi positiva.

Onte deron comezo oficial as festas patronais na honra de San Lorenzo, se ben xa ao longo da semana se sentían os preparativos e se empezaba a ver un ambiente máis animado. Hai postos de comida e artesanía, tómbolas, atraccións, máis música da xa habitual, bombas e gran afluencia de xente. Duran toda a semana, culminando o vindeiro sábado co que chaman o gran carnaval; seica traen un montón de grupos musicais e fan a festa na rúa principal ao longo de todo o día.

Polo que respecta á rutina diaria, esta semana tiven de novo a oportunidade de acompañar ao persoal técnico de Coddeffagolf nalgunhas das súas actividades, o que me serve non só para coñecer máis polo miúdo os proxectos nos que están a traballar, senón tamén para achegarme á xente local e irme situando un pouco mellor na contorna de San Lorenzo.

O martes fun cos técnicos Víctor e Carlos ao CIM (Centro de Investigación Mariña), na Illa de Pacar, municipio de Amapala. Trátase dun pequeno illote situado xunto á Illa do Tigre á que chegamos en lancha dende o peirao de Coyolito. Se ben no Centro contan cun laboratorio no que se fan análises do estado das augas do Golfo de Fonseca, o propósito desta visita era a realización de inventario de materiais na aula divulgativa e o recoñecemento do estado das instalacións para a planificación de próximas actividades na illa, pois tiñan sufrido algún estrago a causa das últimas tormentas. Con este fin, percorremos tamén os sendeiros habilitados con paneis informativos sobre aspectos relevantes da zona, como o mangle, as tartarugas, o traballo marisqueiro ou as aves. Nun destes sendeiros levántase unha torre a xeito de mirador cunhas vistas espectaculares do golfo.

O mércores asistimos ao terceiro dos catro módulos do programa formativo de Habilidades para la Vida, centrado desta volta na resolución de conflitos. Xa tiñamos participado no primeiro, polo que xa coñecíamos ás persoas asistentes, representantes dalgunhas comunidades rurais. Este tipo de obradoiros, destinados a reforzar a base comunitaria e mellorar a súa xestión diaria, encádrase dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios do Golfo, no que toma parte ESF. Persoalmente, gustoume moito integrarnos nos grupos de traballo e poder escoitar as achegas e vivencias de cada unha das nove persoas participantes. E é que coa escusa dos conflitos, falouse moito e de moitas cousas, como dos desencontros que se producen a diario nalgunhas xuntas de auga, da xestión das emocións nestas situacións e mesmo de conflitos a maior escala, como o da guerra entre El Salvador e Honduras no 1969 ou a actual guerra na Ucraína. Nestas sesións danse relatos moi duros e emocionantes, mais nunca falta unha boa dose de humor.

O certo é que o mércores foi un día bastante completo, pois logo do xantar, Juan e eu acompañamos ao técnico Carlos á Escola 15 de Septiembre, no barrio de Buenavista. Alí impartiu unha breve charla a alumnado de entre 9 e 12 anos sobre as áreas protexidas de Honduras, e máis concretamente, sobre a Baía de San Lorenzo, dentro do Proxecto de Apoio ao Plan Bianual de Áreas Protexidas da Zona Sur. Para a impartición destas actividades de concienciación ambiental, selecciónanse aquelas escolas que están máis próximas aos esteiros e zonas de mangle.

Xa xoves tivo lugar na cidade de Choluteca a Ecolecta, unha campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos en desuso, organizada por Coddeffagolf en colaboración con outras entidades. Ata alí acudiu alumnado de varios centros educativos do lugar a depositar os seus residuos, pasando boa parte da rapazada polo posto de Coddeffagolf, no que se dispuñan de diversos materiais lúdicos e divulgativos. Na presentación do acto interveu, entre outras persoas, o presidente da asociación Modesto Ochoa. Foi un gusto saudalo e conversar un ratiño con el, logo de telo coñecido na súa xira por Galiza un par de meses antes de viaxar eu aquí.

Malia que os venres non adoita haber saídas, esta semana si acompañei ao técnico Javier nunha visita de seguimento a varias comunidades rurais pola zona de El Laure, algunhas delas xa coñecidas das Escolas de Campo. Onde máis tempo nos detivemos foi en Los Piches, onde nos sentamos co grupo de mulleres para conversar e avaliar os pasos dados ata o momento (estado das contas, funcionamento interno do grupo, estado do reparto de plantas e evolución dos cultivos, etc). Con enfoque de xénero, nestas comunidades estase a traballar o empoderamento das mulleres, polo xeral relegadas ao traballo reprodutivo e de coidados, para así tratar de fomentar a súa autoorganización e capacidade emprendedora.

E para rematar ben a semana, a parte do equipo PCR con máis experiencia -Juan e Celia- planificaron irmos sábado ata a Illa do Tigre. É un sitio ben fermoso, do máis turístico que vin ata o momento aquí polo sur. Bañámonos en Playa Grande, a onde se ven chegar as lanchiñas co peixe fresco, e comemos a pé de praia na de Reinita, muller do grupo de marisqueiras coñecida por Juan e Celia das visitas con Coddeffagolf. Ofreceume un mixto de peixe chamado babosa con camaróns que estaba exquisito!

Para a semana máis 🙂

Boletín Oficial ESFeiro. Agosto 2023


Benvidas ao Boletín de Agosto 2023. Se prefires a versión sonora, aquí tes o Boletín Sonoro!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   En xullo, a pesar da época, houbo varias actividades. En Vigo, un par de Café Repair para argallar con ordenadores, no café Uf e tamén na Biblioteca Neira Vilas. En A Coruña, na Domus, tivo lugar o 4° taller de autodefensa dixital: «Como usar FreeBSD como sistema operativo no teu equipo». Aquí se pode ver a presentación utilizada. Ademais, rematou o Curso de aplicacións informáticas e cacharreo con software libre, en colaboración con Ecos do Sur, dentro dun proxecto no que colaboramos coa financiación dos fondos IRPF (a casiña solidaria).

    Tivemos ademais moito traballo preparando dúas propostas de proxectos de educación, que se presentaron á Cooperación Galega da Xunta de Galicia para financiación. Foron a segunda fase do programa Mulleres Bravas, en colaboración con Amigas da Terra, e a segunda fase do programa de Tecnoloxía para o Ben Común nas Universidades, coa rede Artigo9Tech. Esperamos que se poidan seguir desenvolvendo!


HONDURAS

    En Honduras continúan Juan e Celia, participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Temos crónicas tanto de Juan como de Celia, a quen se uniu a principios de mes Sofía, a terceira voluntaria, que participa na súa condición de profesora de tecnoloxía de ensino secundario, grazas ao programa Hackers Sen Fronteiras

    Ademais, celebrouse unha nova xornada de capacitación da escola Habilidades Para La Vida, dirixida aos consejos de microcuenca de Laure e Panasacaran, con CODDEFFAGOLF, dentro do programa de mellora da xestión comunitaria da auga con enfoque de cunca hidrográfica que financia a Xunta de Galicia.

    Nas resolución das convocatorias 2023 para proxectos de cooperación internacional da Xunta de Galicia, quedamos cun regusto agridoce. Acadouse financiación para un innovador proxecto de defensa da terra e o territorio, de restauración de lagoas de inverno. Pero o outro proxecto presentado, de mellora da xestión pública da auga, non foi valorado por erratas na parte burocrática da subsanación da solicitude. É lamentable que bos proxectos, e moi necesarios para manter os procesos construídos na zona, poidan quedar fóra por estas cousas… Por iso sempre se fala de que os procesos de desenvolvemento reais casan moi mal coa arquitectura das convocatorias públicas de financiación para a cooperación ao desenvolvemento, onde a burocracia ten un papel determinante.


MOZAMBIQUE

  En xullo tivemos aberto o proceso de selección de consultoría especializada en seca para seguir o traballo coas Administracións Rexionais da Auga do Norte e Sur, incorporando pouco a pouco ao traballo tamén á Centro. Recibíronse dúas candidaturas. Finalmente seguiremos o traballo con Manuel Álvarez, un experto con gran experiencia no programa, que xa leva varios anos colaborando no mesmo.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes recomendamos este artigo: Literaturas africanas para resetear la mente y el corazón. Trátase dunha selección de obras en castelán para coñecer mellor a realidade de África


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    «A tecnoloxía non é nin boa nin mala, tampouco é neutral»

Melvin Kranzberg Jr

Crónicas dende Honduras 2023. A terceira de Juan

Durante a semana do 26 ao 30 de xuño adentrámonos completamente nun único proxecto no que CODDEFFAGOLF está a traballar, o “Programa de Monitoreo de Calidad de Agua Marina en el Parque Nacional Marino Archipiélago Golfo de Fonseca, Honduras”. O deseño desde proxecto vén marcado por uns feitos ocorridos no ano 2019, onde se observou a morte masiva de moluscos bivalvos, que afectou ás principais actividades económicas das comunidades da
zona sustentadas principalmente pola pesca e o turismo, e á contaminación dunha área protexida dun parque nacional mariño.

Con este proxecto nace a necesidade de establecer un sistema de monitoreo de calidade de auga mariña, non existente ata o momento, e identificar cales son as características fisicoquímicas e microbiolóxicas da auga do Golfo de Fonseca, para finalmente establecer unha condición óptimas para o desenvolvemento dos organismos mariño-costeiros que forman esta área protexida. Os datos recadados e a información recollida teñen como obxectivo o desenvolvemento de políticas e estratexias que permitan implementar medidas de prevención e control de contaminación para a conservación da gran biodiversidade existente na zona, garantindo así a sosteñibilidade dos ecosistemas e a saúde humana das poboacións que habitan o parque.

Na primeira das sesión de traballo visitamoso Centro Universitario Rexional do Litoral Pacífico (CURLP), un centro dependente da Universidade Nacional Autónoma de Honduras (UNAH) para a preparación do medio onde se realizaron as análises microbiolóxicas das mostras recollidas ao longo do Golfo. Alí presentánnos a dous profesores que apoian o proxecto e que acompañan aos técnicos de CODEFFAGOLF no proceso. Este medio de cultivo (Fluorocult)
quedan refrixerados na universidade ata a seguinte sesión para que as propiedades do mesmo non se vexan afectadas.

Na seguinte xornada desprazámonos ata o Golfo de Fonseca para a recollida das mostras. Os puntos de recollida están xeolocalizados por GPS para que sempre sexan os mesmos 20 puntos ao longo de 3 seccións de entre 2,5 e 3,5 kilómetros de lonxitude. En cada un deses puntos realizanse tres acción diferentes: a recollida de mostra para análise químico en botes de 1000 mL, a recollida da mostra para análise microbiolóxico en bolsas de polietile estéril e o propio
análise físico in situ.


Na análise físico utilizamos unha sonda multiparamétrica (YSI 9500 Professional Plus) que nos proporciona directamente o osíxeno disuelto, a porcentaxe de saturación de osíxeno, a temperatura, pH, salinidade e conductividade eléctrica.


A análise química e microbiolóxica realizouse no Centro de Ivestigación Mariña (CIM) na Illa do Pacar, unha das Illas deshabitadas do Golfo do Fonseca, onde tamén se atopa un centro de avistamento de aves. Para a análise química, utilizamos un fotómetro (YSI 9500) que nos proporciona a presencia de diferentes elementos como o Fósforo, Cobre e Ferro; e compostos como nitritos e nitratos ou amonio no propio día, facendo a análise seguindo os protocolos indicados pola casa comercial dos test en cada caso. No caso da análise microbiolóxica, nesta sesión só se poden sembrar as mostras, en tres concentración diferentes, para incubalas durante 24 horas e utilizar a técnica do “Número máis Probable”, que é unha técnica que nos permite facer unha aproximación da cantidade de bacterias coliformes totales e fecales por mililitro de auga.Na sesión última, unha vez transcurridas as 24 horas de encubación, vólvese ao laboratorio a realizar a lectura mediante a aparición de turbidez e fluorescencia, para observar a presencia ou ausencia das bacterias de interese, sendo habitual nunha gran parte das mostras a presencia das mesmas.


Durante a fin de semana subimos a Tegucigalpa para coñecer a cidade e visitar o Centro Cultural de España e o Museo para a Identidade Nacional de Honduras, e visitar algún que outro barrio histórico. Tamén visitamos o parque Nacional de La Tigra, a unha altitude de aproximadamente 1800 metros, onde fixemos unha ruta de senderismo onde puidemos ver a cantidade de especies animais e vexetais alí existentes, como tamén os resto de antigas minas de ouro, que na actualidade se atopan abandoadas. Para rematar a semana aventurámonos a realizar unha excursión a Siguatepeque a facer rappel, un descenso vertical por unha parede de 65 metros, para xerar no corpo aínda máis adrenalida da que a propia experiencia PCR nos fai producir.

Crónicas dende Honduras. A primeira de Celia!

Despois dunha primeira semana de aterrizaxe en Honduras xunto con Juan, Celia nos narra a súas segunda e terceira semanas no país (do 19 ao 30 de xuño), que como poderedes ver foron intensas…


Ola boas!!

Esta segunda semana xa empeza moito máis adaptadas (menos o calor e as picaduras dos zancudos claro, esa é unha loita que non imos gañar nunca), coñecendo mellor a cidade, os nosos veciños e as costumes.

Empezamos a rutina semanal cun luns de oficina, con reunión en Coddeffagolf (unha das organizacións coas que traballa ESF dende hai anos) para coñecer a semana que nos espera por diante e un pouco máis como é a vida dos proxectos dende o escritorio.


O martes visitamos as escolas de República de Guatemala, República de Honduras e República Lempira, nas comunidades El Obraje, Las Arenas, Las Pozas e La Buena Vista, en Marcovia. Fomos con Nohelia e Estafanía, técnicas de Coddeffagolf encargadas do proxecto Recicla Más, cas que apoiamos nunha charla sobre as 3R. A esta charla acompañáronos tamén dous chicos e unha chica que fan voluntariado no grupo Jóvenes en Acción por el Clima, un grupo con unha moi boa iniciativa que colabora moitas veces de apoio cas organización en actividades relativas o medio ambiente. Dividímonos entre os colexios, cada dous de nós dabamos a charla en un deles e o rematar as impresións e o que vivimos, a pesar de ser comunidades cercanas, foi moi diferente. No meu caso a charla era para nenos de primeiro, segundo, terceiro e sexto grado e tanto o trato dos profes como dos nenos foi marabilloso, atentos co proxecto e con nós, que nos sentimos acollidos en todo momento.

O mércores cambiamos de escenario e imos por primeira vez a un manglar. Moi emocionados por descubrir este ecosistema tan típico da zona do Pacífico e que no meu caso, tantas veces vin nos libros de texto e nos apuntes do grado. Con moitas ganas de poder ver dende dentro en primeira persoa como é: a Avicennia, a Rhizopora e todas as especies de aves, crustáceos e moluscos. Foi increíble e non pensabamos fai uns meses en que estaríamos no medio do manglar nunha lancha de cores típica hondureña. Situábase na zona de Marcovia, na Colonia 3 de Febrero en Pueblo Nuevo, na zona protexida da Reserva Natural Los Delgaditos. Fomos con Victor e Jota no proxecto de monitoreo de moluscos bivalvos.

O procedemento era establecer varios cuadrantes de 5×5 en diversas zonas do manglar e o seu playón, e monitorear a lonxitude, o ancho, o peso e algunha medida máis dos moluscos comprendidos nel. Honduras non conta cunha talla mínima establecida para os moluscos bivalvos que comercializan (cascos de burro, ameixas, curiles…) polo que toman as medidas establecidas por El Salvador para poder establecer unha referencia similar. Unha vez recollidos os datos para o estudio, estes moluscos son devoltos o medio para que poidan seguir crecendo. O grupo de mulleres e homes mariscadoras é encantador, moi cercano e traballador, ensinándonos de cerca como é o seu traballo do día a día, a rutina, todas as anécdotas que teñen no manglar e os seus consellos para sobrelevar o calor e os zancudos. Tamén nos ensinaron como recollen os moluscos, se ningún tipo de ferramenta, unicamente cos seus pes descalzos no lodo.

Para ir finalizando a semana, tivemos un cambio de plans, pois tivemos que ir a embaixada española en Tegucigalpa, a pedir o voto por correo e aproveitando, a darnos de alta no consulado. De esta forma, no caso de haber algunha emerxencia, o país sabe que estamos aquí e onde. Ademáis, tivemos unha visita moi especial, pois veu Paola de España! Con fins institucionais pero moi contentos por vela e poder compartir con ela primeiras impresións e experiencias. Comemos todos xuntos en Tegucigalpa e xa alí, visitamos a oficina de AHJASA, Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Agua. Os seus técnicos Turcio e Lenin explicáronnos como impulsan os procesos de desenvolvementos comunitarios para unha independencia tanto técnica como económica, intentado fortalecen ás organizacións comunitarias e achegar a elas os servicios de auga e saneamento, como un dereito para todas as persoas.


O venres acompañamos a Adán e Carlos (técnicos de CODDEFFAGOLF,) a unha escola de Monjarás, municipio de Marcovia, a unha charla sobre os recursos naturais do golfo de Fonseca: o manglar, as praias, a importancia do chan e das especies que o rodean, a importancia de xestionar ben os residuos. A diferenza da charla do luns este colexio era para alumnado de noveno, décimo e undécimo curso. O último é modalidade de bacharelato e pódese elexir entre dúas modalidades.

Antes de comezar a finde e ir a coñecer outros lugares, concluímos a semana cunhas emocións moi boas por ver in situ como son todos os proxectos e como se desenvolven (así tamén podemos poñerlle forma a todo o traballo que hai detrás de cada un deles), polo trato da xente e a sensación de non deixar de sorprendernos por descubrir cousas novas.


A terceira semana foi incrible, non sei si é a miña percepción dende o punto de vista do que estudei (Ciencias do Mar), pero imaxinádesvos un Centro de Investigación Mariña nunha illa do Golfo de Fonseca no Océano Pacífico? Pois existe, está na Isla do Pacar, pegadiña a Isla do Tigre. Teñen un laboratorio, unha zona de interpretación e sendeiros con avistamento de aves. Ademais, chegas a través dunha praia onde che deixa unha barquiña, é decir, quen non ía querer traballar aí? Pois aí estabamos nós.

Toca o proxecto de Mostreo de Augas, que é o primeiro que se está elaborando na zona, pois non existe ningún rexistro dos parámetros físicos, químicos e microbiolóxicos das augas oceánicas. Moitas zonas, sobre todo as colindantes, non contan con tratamento de augas residuais, e moitos dos residuos acaban alí a través dos propios cursos de auga. Este proxecto ten como obxectivo recoller información mensual de todos estes parámetros para poder contribuír a elaboración dunha base de datos con fins científicos. De feito, este mes de xullo vai a ser o sexto mes que a fagan, e a idea é que xa poidan facer un informe.

Para preparar os medios do cultivo microbiolóxico dedicamos un día no CURLP (Centro Universitario Pacífico Regional del Litoral Pacífico) da UNAH (Universidad Nacional Autónoma de Honduras), facendo os tubos onde irán as mostras de auga.

Estas mostras recollémolas o día seguinte en tres liñas, con diferentes estacións en diferentes coordenadas. Aquí vanse recollendo en bolsiñas e tamén tomando os datos dos parámetros físicos in situ ca sonda paramétrica (pH, temperatura, salinidade, conductividade, sólidos en suspensión, etc.). Xa no CIM vai a parte química (cloro total, o amonio, etc.) e a incubación de mostras microbiolóxicas.

A lectura de resultados faise o día seguinte ( e nós claro, encantados de ir dous días seguidos en lanchiña ata o Centro de Investigación) co apoio dunha das doutoras da Universidade, ca que se fará tamén o primeiro informe de todos os datos que estiveron a recoller estes meses.

E xa para rematar a semana de traballo de campo, aproveitamos que estamos na illa e que rematamos todos os análises para disfrutar dun almorzo con boas vistas e concluír unha semana de traballo e aprendizaxe dende un sitio marabilloso. Agora solo queda un día de traballo de oficina e a disfrutar a finde que temos planeada en Tegucigalpa e con rappel en Siguatepeque!

Taller de FreeBDS, software libre para autodefensa dixital

O pasado día 21 de xullo tivemos o 4º taller da serie de obradoiros de Autodefensa Dixital, que vén organizando o voluntariado do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre da Coruña unha vez ao mes na Domus de A Coruña, onde nos acolle as compas de Bricolabs.

Desta volta, Jesús Manuel Mariño Valcarce falounos deste sistema operativo libre, co obxectivo de ver alternativas de sistemas GNU/Linux, ter unha primeira toma de contacto co sistema, a sú configuración, instalación de aplicacións, diferenzas con outros sistemas e, sobre todo, porque nos mola argallar con tecnoloxías libres e coñecer xente riquiña!

Aquí queda a presentación que utilizou Jesús Manuel, a quen agradecemos moito que compartira os seus coñecementos

Crónicas dende Honduras. Sofía 1

Sofía participa no noso programa de voluntariado de coñecemento doutras realidades dentro da modalidade «profesorado de secundaria», que estreamos este curso grazas ao proxecto Hackers Sen Fronteiras. Aquí vai a súa primeira crónica!

———–

Fálavos a terceira das voluntarias deste ano 2023. Hoxe fai unha semana que cheguei a San Lorenzo, logo de voar o día anterior a Palmerola e facer noite en Comayagua. Só unha semana e semella que levase aquí moito máis tempo. O cambio horario non me afectou moito, a calor é algo ao que non conto xa chegar a adaptarme (é demasiado!) e de bichería e picaduras, vou servida, pero vaise levando. Mesmo estou comezando a interpretar o significado de tanto bocinazo!

Se tivese que describir cunha soa palabra esta semana diría que foi intensa. E é que teño a impresión de que nestes sete días sucederon un feixe de cousas. Son moitos os estímulos, os contrastes e as impresións de todo canto estou a vivir aquí. Ata a terra tremeu, cun sismo de epicentro na costa de El Salvador que se fixo sentir en Honduras.

Os primeiros días foron de adaptación e recoñecemento da cidade e, neste sentido, estou moi agradecida a Juan e Celia, tamén a Sandra, polo bo recibimento que me fixeron. Foi unha sorte para min contar coa voz da súa experiencia no mes que levan xa acá.

Das primeiriñas cousas que fixen ao chegar foi pasarme a coñecer Coddeffagolf e presentarme. Esta semana xa tiven a oportunidade de ir entrando un pouco máis en materia e ir coñecendo máis de preto algúns dos proxectos nos que están traballando nestes momentos.

O martes acompañamos á técnica Nidia a dúas escolas das comunidades de Jacalito e Colonia 7 de Mayo, no municipio de Namasigüe. Nelas impartiuse un obradoiro de novas masculinidades ao alumnado, no cal se abordaron cuestións como os estereotipos de xénero ou os métodos anticonceptivos. Alén de asistir ao taller, facilitado por mulleres da Red de Mujeres e por persoal da Oficina Municipal de la Mujer de Namasigüe, tivemos a oportunidade de falar con algunhas das nais agrupadas nesta rede. En ambos casos eran escolas públicas nas que o goberno proporciona alimento para a elaboración das merendas, sendo as nais quen se autoorganizan para preparalas.

Tras isto, Nidia, coñecedora da zona, levounos a ver a Quebrada de Tierras Blancas, un oasis de pozas e remansos no río apto para o baño. Tamén visitamos a cooperativa de mulleres La Sureñita, dedicada ao tratamento para a súa comercialización da semente de marañón (anacardo). Foi fermoso coñecer o proceso de produción deste froito e observar ás mulleres amosándonos o seu traballo. Previa volta a San Lorenzo e tras unha pausa para probar o pozol -unha bebida fría a base de leite que está incríbel-, pasamos por un viveiro a recoller e cargar no coche unhas árbores e plantas aromáticas necesarias nos próximos días.

O mércores acompañei ao técnico Adán a visitar a comunidade de San Juan de las Conchas. Aínda que pertencente ao municipio de Marcovia, a comunidade está integrada na área protexida da baía do golfo de Fonseca. Alí mantívose unha reunión cos pescadores desta comunidade e da comunidade veciña de Los Lirios co fin de conformar un grupo de trece persoas que tomarán parte nun proxecto de reforestación de mangle. O programa incluiría ademais actividades de formación e concienciación ambiental, así como tamén a limpeza conxunta dalgúns esteiros. Se ben a reunión comezou un pouco tensa, axiña os ánimos se calmaron e se chegou a acordo. Máis alá dos obxectivos ambientais do proxecto, resulta destacable o traballo de fortalecemento da base comunitaria.

Á miña volta á sede de Coddeffagolf, aínda tiven a oportunidade de unirme, xunto a Celia e Juan, á primeira das sesións dun taller de Habilidades para a vida no que participaban varios homes e mulleres representantes comunitarios. Sorprendeume moi positivamente a participación dalgunhas das mulleres que alí estaban, do mesmo xeito que se me encolleu o corazón co relato dalgunha das súas vivencias.

O día de hoxe, xoves, foi se cadra o máis cansado de todos. Visitamos, xunto aos técnicos Javier e Onán, as comunidades de Los Pinches e El Marañonal, en Laure. Nelas estanse a implementar Escuelas de Campo, coa intención de poñer en marcha hortos comunitarios con cultivos non habituais na comunidade e, ao mesmo tempo, co obxectivo de traballar a base comunitaria. En ambas comunidades tivemos a oportunidade de tocar a terra e participar na plantación de frijoles, yuka, pepino e camote; tamén algunhas froiteiras e aromáticas.

Se ben estas escolas de campo forman parte dun proxecto con Manos Unidas, o lugar no que se estaba a traballar na comunidade de El Marañonal era un Centro de Servizos Múltiples cuxa construción resultou dun proxecto froito da colaboración entre ESF e Coddeffagolf. Paralizado coa pandemia, a comunidade está a recibir formación en materia empresarial para poñer en marcha as instalacións e impulsar así unha cooperativa de tratamento da semente de marañón.

É moi habitual que as persoas coas que falamos teñan familia ou saiban dalguén que emigrou a España. Polo xeral viven en cidades grandes, como Madrid ou Barcelona, mais desta volta, as fillas de dúas das mulleres da comunidade de Los Pinches resultaron estar a vivir en Galiza, unha delas en Baralla. Foi un momento ben entrañable con videochamada incluída.

Neste tempo que levo aquí, do que máis estou a desfrutar e aprender é das conversacións informais co persoal técnico de Coddeffagolf durante os traxectos en coche ás comunidades, así como tamén coas charlas mantidas coa xente do lugar, que non deixa de nos mirar con curiosidade. A hospitalidade destas persoas é desbordante.

Boletín Oficial ESFeiro: xullo 2023


Aquí se pode escoitar a versión sonora dos boletíns de xuño e xullo. 8 minutiños, por se prefires escoitar a ler.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En xuño empezou dende o Banco de Reciclaxe Electrónica un apoio a Amigos de la Tierra España para que fagan un plan de migración a software libre. Amigos de la Tierra é unha organización coa que levamos colaborando moitos anos, tanto en Honduras como en Galicia. Ademais, houbo un repair café no MUNCYT A Coruña de ordenadores e bicis coas compas de Mobi-liza. No Banco da Coruña, iniciouse con Ecos do Sur o curso de reparación de computadoras e app informáticas con software libre, con 5 alumnos e 3 alumnas (financiado por axudas de IRPF da Xunta de Galicia). Por se non puidestes vir á formación sobre o fediverso, aquí queda a presentación que nos fixo Salvari na xornada da Domus sobre este tema.

    Queremos alzar a voz contra o academic-washing que certas empresas con prácticas cuestionables están facendo nas universidades públicas galegas. Un exemplo foi o de INDRA, na graduación de Enxeñería de Telecomunicacións.

    Estivemos preparando un par de proxectos de educación e sensibilización en Galicia para conseguir financiación da Xunta de Galicia (a segunda fase do proxecto de tecnoloxía para o ben común na universidade, e a segunda fase do proxecto de Mulleres Bravas).

    Na Industriosa, Vigo, estivo Thais falando de Tecnoloxías de baixo custo para persoas con problemas de mobilidade, a ver se anima alguén por alí a colaborar co grupo. 

    Dentro do programa Tecnoloxía Sen Fronteiras, de traballo nas universidades, pechouse o prazo para presentar TFM-TFG ao Premio Enxeñería Solidaria 2023


HONDURAS

    En Honduras tivemos unha visita moi especial. Paola, a administradora de ESF dende 2007, visitou por fin ese país, nunha estancia curta, pero intensa. Puido ademais participar na presentación oficial no país do novo convenio coa Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), que desenvolveremos con Justicia Alimentaria Global e Amigos de la Tierra España nos vindeiros 4 anos, dentro do programa de Soberanía Alimentaria. Tamén coincidiu con Celia e Juan, participantes no PCR que chegaron xa a principios de mes, e que xa nos mandaron a súa primeira crónica.

    Dentro do programa de Soberanía Alimentaria, deixamos un resumo do realizado cos fondos da Deputación da Coruña no proxecto de Mellora da sostibilidade da actividade marisqueira como fonte de ingresos de grupos de mulleres nos municipios de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia, Honduras.

    No programa de Dereito á Auga, dentro do proxecto “Mejora de la Gestión Pública y Social para la Gobernanza de los Recursos hídricos en 9 Municipio de la Región 13 Golfo de Fonseca F1”, desenvolveuse en San Lorenzo unha reunión de planificación para a delimitación e declaratorio de microcunca hidrográficas.

    Ademais, a principios de xuño presentáronse para financiación até 3 proxectos, dous do programa de soberanía alimentaria (un á Xunta de Galicia e outro á AECID), e outro do programa de dereito á auga (á Xunta de Galicia). Foi un gran esforzo que esperamos obteña froitos. Quixemos deixar aquí un resumo do proceso de deseño e identificación dun deles.


MOZAMBIQUE

  Do programa AquaMoz Secara que desenvolvemos en Mozambique con Augas de Galicia e cofinanciado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, o máis destacado en xuño foi a visita de Lizete e Ernesto a Galicia, da que deixamos unha crónica aquí.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos un cómic e un libro da escritoria Alice Oseman. O webcómic (convertido tamén en novela gráfica) é Heartstopper (da que tamén hai unha serie de televisión igual de recomendable, cuns moi logrados «efectos cómic»). O libro é Radio Silencio. Comparten o fío de ser novelas sobre (tamén para, pero non exclusivamente) adolescentes, que exploran as súas identidades sexuais, expresión de xénero e inclinacións sexuais. Todo se fai dende unha naturalidade cautivadora e que deixa un sorriso nos beizos (e unhas ganas moi grandes de loita contra a onda reaccionaria que estamos a vivir).


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    A ecoloxía sen loita social é simplemente xardinería

Chico Mendes








Crónicas dende Honduras 2023. A segunda de Juan!

Segunda semana xa no sur de Honduras. Primeira tormenta eléctrica superada, sendo, sen dúbida, os tronos máis fortes e impresionantes, vistos e vividos máis de preto. Unha estampa preciosa vivida á beira dos manglares que sosteñen todas estas terras nas que vivimos en San Lorenzo. Comezo a sentirme aquí xa coma un máis, adaptándome a horarios e rutinas propias de aquí, a un ritmo diferente e a unha tranquilidade á que non estou acostumado a vivir na
miña vida, a xente acolleunos como se fosemos uns catrachos máis. Esa mesma xente que trata de coidarnos e se preocupa de que a nosa experiencia sexa aínda máis chula do imaxinado.


En CODDEFFAGOLF xa nos proporcionaron unha mesa na que traballar, e os técnicos téñennos en conta como se fosemos un máis, explicándonos cales son os proxectos nos que traballan e propoñéndonos que os acompañemos en saídas de campo para ver en primeira persoa cal é o seu traballo e cal será o noso nas próximas semanas. Acordamos que todos os luns nos organizaremos para saber cal é o programación semanal trala reunión que eles teñen como organización, para así ir enfocándonos máis nos proxectos nos que encaixamos mellor.


O martes acompañamos ao grupo de Estefania e Noelia, xunto con tres voluntarios de Jóvenes en Acción por el Clima que colaboran con CODDEFAGOLF habitualmente, a visitar tres escolas nas comunidades de El Obraje, Las Arenas e Las Pozas, todas no municipio de Marcovia. As dúas primeiras son dúas escolas con dous únicos docentes nos que se educaban de forma agrupada toda a etapa da educación primaria, de primeiro a sexto grao. A escola de Buenavista
era un centro cunhas instalación maiores, cun número máis elevado de alumnos onde, por parte dos mestres, se organizou un grupo de traballo cos alumnos máis interesados no coidado do medio ambiente. O obxectivo da actividade neste colexio é que o grupo de expertos utilice unha técnica de expansión de coñecemento onde a información sexa transmitida ao resto do alumnado do centro. A formación centrábase concretamente na regra das 3 R, reducir,
reutilizar e reciclar. Nas vindeiras semanas serán repartidos nos centros que formen parte do proxecto contenedores separadores de residuos onde o plástico reciclable como o das botellas de auga e refrescos e os recipientes de alumnio serán recollidos para reciclaxe. Esta actividade está tamén deseñada para que o material reciclable poida ser tamén traído da casa, para que se expanda a información da formación aos fogares do alumnado.


Na xornada do mércores fumos a coñecer de primeira man o lugar onde se está a realizar o muestreo de moluscos cos ténicos Víctor e Jota, encargados do proxecto de recuperación dunha zona moi rica en producción de moluscos. Nesa zona produciuse unha norte masiva dos mesmos debido a vertidos realizados, polo que toda a economía das comunidades desa rexión se veu afectada por non poder recolectar e vender esos moluscos dos qu elevaban vivindo toda
a vida. A zona visitada leva o nome de Área protexida de “Los Delgaditos”, en Pueblo Nuevo, máis concretamente na Colonia 3 de Febrero, na rexión de Marcovia. A actividade a realizar nesta xornada era o muestreo dos moluscos atopados en 25 metros cadrados concretos, en zonas de manglar, para contabilizar tanto en tipo de especie e número como en peso e tamaño. Esta actividade debe ser realizada semanalmente durante todo o tempo que este proxecto se esté a realizar, para observar como co tempo evoluciona a zona. No meu caso concreto, moita desta información foime transmitida por parte de Franklin, voluntario e membro da directiva de CODDEFFAGOLF, que leva moitos anos xa traballando coa organización.


O xoves desprazámonos co equipo de ESF, Raquel e Sandra, ata Tegucigalpa para reunirnos coa Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Sistemas de Aguas (AHJASA). Na sede recibíronnos Francisco Turcio e Lenin, administrativo e técnico voluntario de AHJASArespectivamente. Explicáronnos cales eran as súas funcións e o obxectivo que a asociación ten, que é a mellora da calidade de augas das comunidades membras e o fortalecemento do desenvolvemento de novas asociacións comunitarias emerxentes, para que os sistemas de augas sexan sistemas democráticos e compartidos.


Para rematar a semana acompañamos a Adan, técnico de CODDEFAGOLF, a realizar unha capacitación a alumnado de décimo e undécimo curso nunha escola na comunidade de Mojarás, tamén na rexión de Marcovia sobre medio ambiente, a regra das 3R e o coidado do medio no que viven e como afectanmoitos dos malos hábitos que temos na vida diaria da xente das comunidades cercanas e das non tan cercanas, xa que todos os residuos xerados acaban na
zona costeira e no mar, afectando ao medio de vida de moita xente.


Recibimos esta semanas tamén a visita de Paola Mondaca, persoal de ESF en Galicia, que estivo aquí en San Lorenzo coñecendo os proxectos nos que se está a traballar, e aproveitamos para que coñecese a zona de Amapala e a Illa del Tigre, e as praias da zona de Marcovia, aínda máis ao sur de San Lorenzo.

Servicio técnico para fortalecimiento en monitoreo de sequía para Mozambique 2023


Hasta el 14 de julio a las 23:59, tenemos abierto proceso de recogida de ofertas para un servicio técnico para la colaboración en la ejecución en el proyecto “Fortalecimiento de capacidades técnicas y operativas para la mejora de la gestión de los recursos hídricos en Mozambique (Aqua-Moz, SECARA Fase 4)”. Este proyecto se desarrolla en el marco del convenio de colaboración entre la Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.

Aquí se pueden consultar las bases para presentar ofertas.