Violencia administrativa e fenda dixital. Un exemplo real.
É ben coñecida a violencia administrativa que sofren moitas persoas en multitude de trámites. As causas son moi dispares: xénero, sexo, idade, situación económica, orixe, formación… Isto agravouse dende a dixitalización masiva da administración, proceso que deixa a moita xente atrás e fai que solicitar (ou incluso podes desfrutar dunha axuda concedida) sexa un calvario. Nesta crónica falámosvos sobre un exemplo de violencia administrativa relacionada precisamente con esta dixitalización masiva sen ter en conta ás persoas.
O pasado mes de de febreiro a Xunta de Galiza convocou o Bono Emancípate, unha axuda dirixida a xoves de entre 18 e 36 anos que teñan unha renda anual inferior a 25.200€ brutos (3 veces o IPREM). A axuda consiste nun total de 1.500€ (no caso de vivir de alugueiro) e de 3.000€ no caso de que mercasen unha casa, que sirva de axuda para cubrir os custes derivados de comezar a vivir nunha nova vivenda (mobiliario, electrodomésticos, vaixela, etc.). O contrato de alugueiro (ou compra) tiña que estar asinado con posterioridade ao 31 de maio de 2024.
Para empezar, como xa sucede con outras axudas destinadas a persoas xoves, só se da a opción de facer a solicitude en liña, se opción de podela facer en persoa sen precisar un ordenador. Citando textualmente o indicado na convocatoria: «[…] atendendo ao colectivo de persoas físicas a que vai destinada a convocatoria, que ten ou pode ter con facilidade a capacidade dixital requirida, co fin de axilizar a xestión das solicitudes e acadar unha maior eficiencia na tramitación, considérase procedente establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos.». É dicir, asúmese que calquera persoa de entre 18 e 35 anos ten acceso a un ordenador, conexión a internet e coñecementos suficientes para saberse pelexar coa sede electrónica, o Autofirma e o certificado dixital. Ole. Si que é certo que se permite entregar a documentación en papel, pero, citando textualmente a convocatoria, «[…] se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.«. É dicir, que o de acceso a un ordenador, conexión a internet e coñecementos suficientes para saberse pelexar coa sede electrónica, o Autofirma e o certificado dixital non cho quita ninguén. E por suposto, a isto engadir que a axuda é non competitiva, o que quere dicir que se conceden por estrito orde de solicitude, polo que a rapidez coa que a solicites é importante.
A violencia administrativa non queda aquí. Un, iluso, podería pensar que unha vez foi capaz de solicitar a axuda, e lla concederon, xa rematou o calvario. Pois iso, un iluso.
Outros bonos concedidos anteriormente pola Xunta de Galiza e outras administracións (Bono Comercio, Bono Cultura…) consistían nun código QR que che escaneaban na tenda para ir descontando o saldo concedido. Xa neste caso obrigaba á persoa a ter un teléfono intelixente e coñecementos para usalo. Pero no caso do bono emancípate foron un paso máis alá. A axuda concédese a través dunha tarxeta virtual que precisas instalar nun teléfono intelixente compatible que, entre outras cousas, debe ter conexión NFC para poder pagar co teu móbil. Unha vez máis, asúmese que a persoa ten que ter os coñecementos suficientes, pero que ademais deben de ter un tipo de teléfono intelixente específico. Hai que ter en conta que os teléfonos intelixentes máis económicos do mercado non dispoñen desta tecnoloxía NFC, e tendo en conta que un dos requisitos da axuda é ter unha renda inferior a 3 veces do IPREM, non debería incluírse unha limitación deste tipo.
Entón, se non tes un móbil con conexión NFC, que fas? Pois esa foi a dúbida que se formulou un membro de Enxeñería Sen Fronteiras beneficiario da axuda. Púxose en contacto co servizo de xuventude da Xunta de Galiza trasladándolle a situación, pero en primeira instancia non obtivo solución algunha. Dicíanlle que non era viable facerlle unha transferencia co importe dos 1.500€, e que tampouco era unha opción proporcionarlle unha tarxeta física, indicando que na convocatoria xa se indicaba que a axuda sería concedida a través dunha tarxeta virtual. Tras isto decidiu probar sorte coa Valedora do Pobo. Aquí a cousa cambiou. A Valedora do Pobo aceptou incluír a trámite a queixa. Curiosamente, a partir diste momento, as solucións que antes non eran viables volvéronse viables, e notificóuselle a opción tanto de que lle ingresasen os 1.500€ como de facilitarlle unha tarxeta física. Vaia, agora a falta dunha solución, tiña dúas.
Si, despois de pelexar, neste caso o noso compañeiro obtivo unha solución, pero é triste ter que acudir á Valedora do Pobo para que administración respecte os teus dereitos. Moita xente na mesma situación probablemente non saiba da existencia da Valedora do Pobo, ou tivo que pedirlle a alguén que lle deixase empregar o seu teléfono para instalar a tarxeta, co risco e molestias que supón, cando se demostrou que era viable facer directamente a transferencia do importe da axuda a unha conta bancaria. E o proceso non rematou aquí. A diferenza das persoas que si poden facer uso da tarxeta intelixente, o noso compañeiro vai ter que gardar todos os recibos de compra, asegurándose de que se entenda no recibo o concepto da compra para xustificar que encaixa cos bens subvencionables da axuda, ter coidado de non perder ningún ou que non se lles borre a tinta (cousa que é ben sabido que pasa). E finalmente encargarse de escanear todos eses recibos e subilo á sede electrónica da Xunta de Galiza. E por suposto, coa penalización de ter que ter agardado máis de tres meses para poder facer pleno uso da axuda que lle concederon.
Por se fose pouco, parece que coa recente lei de Acompañamento Orzamentario, vanlle recortar competencias á Valedoría do Pobo (ou máis ben, quitarlle independencia…).

