Entradas

Música para novos homes

Co gallo da participación da nosa base social nas xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón” organizadas polo Concello de Tomiño, realizamos unha actividade no grupo de traballo non mixto sobre novas masculinidades.

A idea concreta parte da segunda conferencia das xornadas “Educar a través da emoción musical: beneficios dende unha perspectiva neurocientífica” impartida por Almudena González Prito, referencia en investigación da relación da música e o cerebro.

O obxectivo da actividade foi empregar a música como ferramenta de introspección é autocoñecemento. A proposta concreta foi xerar un contido nese grupo: unha lista de reprodución musical. Cada persoa propuxo tres cancións que tiveran algún significado vital en canto á configuración da súa masculinidade. Despois fíxose unha reunión online na que se xerou un debate guiado pola propia lista musical.

A música axudounos a identificar problemáticas asociadas ó machismo cultural, moitas delas superables cunha simple descrición e comprensión. Ademais, axudou a agrupar temáticas asociadas e identificar outras como a homofobia, transfobia ou a xenofobia.

Neste enlace da nosa canle de YouTube podedes atopar a lista que chamamos “Música para novos homes e na descrición da mesma a explicación detallada de cada canción. Animámosvos a desfrutala tanto coma nós porque, ao final, diso se trata, de desfrutar da música e, se pode ser facendo un exercizo de aprendizaxe e autocoñecemento, mellor.

O que aprendemos nas Xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón”

A semana do 8 ó 11 de Febreiro de 2021 tivo lugar A Semana da Educación “Educar con Emoción, aprender con Paixón” organizado polo Concello de Tomiño.

Según o propio Concello, as xornadas organizaronse para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudiran a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. Participaron conferenciantes que son grandes profesionais con experiencia na temática, nesta edición tivemos con nós a Octavio Salazar, Almudena González, Marta Peirano e Alberto Soler.

A primeira conferencia “Educación, feminismo e masculinidades.” a cargo de Octavio Salazar abordouse como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o que supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Na sesión do martes titulada “Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.” , Almudena Gonzalez falou sobre como a música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia tivo como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Almudena abordou a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Afondou na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos proxecta novos camiños tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Nesta sesión unha persoa da nosa base social interviu plantexando un proxecto musical persoal e sobre como a música configura a masculinidade. Este feito deu lugar a unha actividade concreta no grupo de traballo non mixto sobre masculidadades de Enxeñería, pero disto falaremos noutra ocasión.

O xoves, Marta Peirano, xornalista e investigadora desenvolveu a poñencia en torno ó título “Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas”. Sobre como as Redes Sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación. Non é só un problema técnico, que se poida resolver con algoritmos e Intelixencia Artificial. Plantexou a pregunta Que ferramentas temos para combatela? Dando como resposta o desenvolvemento do noso espíritu crítico.

Houbo duas preguntas da nosa base social.

A primeira foi que opinaba da Deep Web como ferramenta xeradora de desinformación. Marta comentou que foi dende sempre algo demonizado pero que o impacto que ten sobre a xeración da desinformación lle parecía mínimo.

A segunda foi sobre que accións directas poderiamos levar a cabo dende xa mesmo, ao día seguinte da charla. Unha resposta concreta foi xogar nós, coa familia, ou nas aulas, a un xogo onde o obxectivo e “facer desinformación”, porque logo é máis sinxelo identificar as técnicas que empregan as fake news para influirnos. O xogo, da Universidade de Cambridge, chámase Bad News, e está pendente de traducir do inglés, pero é moi sinxelo.

No último relatorio o psicólogo Alberto Soler falounos sobre “Normas, límites, premios e castigos”. Sobre algo que parece tan razoable como que a maioría estamos de acordo en que queremos educar aos nosos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes asáltanlles as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites?, cales?, a partir de que idade?, como podemos establecelos de forma clara e respectuosa coas súas emocións? E todo isto lévanos aos premios e os castigos. Xa sabemos, porque o falamos moitas veces, que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, si non premiamos nin castigamos, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas que puxemos?

En torno a estes temas, Alberto plantexou un interesantísimo relatorio sobre diferentes métodos, opinións concretas e accións directas para levar a cabo a educación das criaturas con un impacto emocional negativo mínimo na súa evolución vital.

Finalmente, dar os parabéns ao Concello de Tomiño a organización destas xornadas, as cales desfrutamos e nas cales aprendemos moitas cousas de utilidade. Estas iniciativas dende e eido local son moi de agradecer.

En Honduras, “Tejiendo justicia, tejemos igualdad”

Dentro do programa de soberanía alimentaria que temos en marcha hai xa 10 anos, liderada pola organización CODDEFFAGOLF, iniciamos en 2018-2019, co apoio de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, unha rama do programa que incide especialmente no traballo por reducir a fenda de xénero nos 7 concellos da Mancomunidade NASMAR. Para iso apoiamos dúas grandes áreas de traballo:

  • Por un lado, traballo de fortalecemento das xa existentes Oficinas Municipales de la Mujer dos 7 concellos da NASMAR, para o cal contamos co respaldo da equipa técnica da NASMAR, e implicacións en diferente nivel das respectivas equipas de goberno municipal (non se recibe igual o traballo neste eido en todas as alcaldías, depende moito da sensibilización previa das persoas responsables do goberno local).
  • Por outro lado, traballo con grupos de mulleres productoras de base, incluíndo fondos rotatorios (microcréditos), formacións e apoio técnico e de materiais. Nesta área se encadra a campaña “Tejiendo justicia, tejemos igualdad”.

A campaña pretendou visibilizar o empoderamento das mulleres que se vai conseguindo co programa, xenerando material baseado en historias de vida, infografías e outro material divulgativo. Aquí podedes ver un vídeo onde distintas participantes nesta campaña contan a súa experiencia

A continuación material baseado en historias de vida de mulleres e homes participantes no programa, en distintos formatos (stickers, postais ou pósters)

Por último, tamén queremos compartirvos algunhas das infografías dos distintos temas que se tratan nas formacións e obradoiros (tamén dirixidas a homes)