Entradas

ESFRadio. Un tema ao mes. Comunidades Enerxéticas

O obxectivo do programa é dar a coñecer esta posibilidade a público que non manexa moito o concepto de comunidades enerxéticas, para que vexan o seu potencial a prol da soberanía enerxética de Galicia, e tamén para que lle perdan «o medo» a meterse nunha iniciativa deste tipo.

Para dar esta visión, temos a sorte de contar con con Raquel Fernández, de Amigas da Terra Galicia (dende esta organización se está a impulsar un proxecto Life para visibilizar este tipo de xeito de organizarse para producir enerxía, en base a un interesante informe que publicaron hai uns meses), Fernando Malvar da Comunidade de Montes de Buchabade (que fixeron o proceso de constitución dunha comunidade enerxética no monte veciñal) e Xose Manuel Vilas, experto e asesor nestes temas.

  • Produce: Jorge Lama
  • Guión: Sergio Fernández e Jorge Lama
  • Presenta e modera: Jorge Lama
  • Participan: Raquel Fernández (Amigas da Terra Galicia), Fernando Malvar (Comunidade de Montes de Buchabade) e Xose Manuel Vilas.

Foto de portada: xornada de enerxía comunitaria en Seixalbo o pasado venres 9 de setembro (con Raquel Fernández e Xosé Manuel Vilas; Fernando Malvar estivo por teleconferencia). Fonte: instagram de Amigas da Terra

Crónica do faladoiro “É posible unha transición enerxética xusta?”

O pasado 16 de novembro tivemos un encontro de persoas de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigos da Terra con Xavier Simón, do Observatorio Eólico de Galicia, para falar sobre se é posible unha transición enerxética xusta. Esta actividade se enmarca nun proxecto que estamos facendo ESF e Amigos da Terra, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia, co fío condutor de mulleres defensoras da terra en Galicia e Honduras.

En Enxeñería Sen Fronteiras levamos tempo defendendo un modelo máis descentralizado de produción e de gobernanza da enerxía (en España, e tamén nos países nos que traballamos), así como unha aposta polas enerxías renovables e unha sensible redución do consumo. Temos un grupo de traballo neste eido, que impulsou recentemente algúns faladoiros de reflexión, como o de As Pontes ou o do papel da nuclear na actualidade.

O que vén ocorrendo, sen embargo, é que no actual contexto o modelo non muda (aínda que agora falemos de enerxía renovable) e trátase de macroproxectos en mans do oligopolio enerxético (que xa controla o sector enerxético e máis en concreto o eléctrico). É o modelo extractivista que clava as poutas na terra e bombea alimentos, madeira, auga ou enerxía (ou os seus equivalentes en cartos) cara unhas poucas persoas, e deixa esmorecido o territorio.

Unha aposta interesante é a enerxía comunitaria, a enerxía en mans das persoas e comunidades para facer fronte aos retos climáticos, ecolóxicos e sociais. Recentemente Amigos de la Tierra presentó un informe, “Energía comunitaria, el potencial de las comunidades energéticas en el Estado español”, onde se demostraba o enorme potencial do autoconsumo colectivo. Así para 2030 a través de paneis fotovoltaicos en cubertas e tellados podemos chegar a cubrir máis do 40% da demanda do sector doméstico e terciario. Esta cuestión é especialmente importante nas cidades xa que reduciría a demanda externa e polo tanto a presión nos territorios (rurais) que as rodean.

E se falamos de comunidades enerxéticas baseadas tamén no autoconsumo colectivo (a partir dun mix enerxético de comprende enerxía solar, pequena eólica e biomasa a pequena escala) chegaríase a cubrir o total do consumo residencial e terciario para 2030.

Sen embargo é significativo que esta figura non estea regulada e tampouco traspostas as directivas europeas (MED: mercado eléctrico e REDII: Enerxía renovable) o que se traduce nunha enorme inseguridade xurídica e indefinición a pesar de que xa existen numerosos exemplos tanto en España como en todo Europa que se poden consultar na guía  “Comunidades energéticas, una guía para impulsar la Energía comunitaria

Ante este panorama quixemos coñecer a opinión de Xavier (e do resto de participantes) sobre se “eólica si, pero non así”, entón como? Porque corremos o risco de paralizar unha tendencia á expansión das renovables, e xerar confusión ante a opinión pública (“entón, estades en contra das renovables?”).

Unha das claves é que non é tanto que o sistema mude cara a que haxa máis megawatios renovables senón a que haxa máis control local dos xeitos de obter enerxía, outro modelo que poña as persoas e o medio ambiente no centro.  Non pode ser que a sua implantación implique o empobrecemento do medio natural e das persoas. Cuestionamos o crecemento polo crecementos dos MW, actualmente temos 180 parques eólicos, case 4.000 MW (máis de 4.000 aeroxeneradores)  en funcionamento e hai solicitados parques para poñer en marcha outros 7.000 MW e eso non hai territorio que o aguante.

Por exemplo, unha idea (que xa está sendo realidade) son as comunidades enerxéticas. Na última poxa de enerxía que foi o 19 de outubro resultou en que as grandes empresas “colleron” os 3000 MW poxados, pero outros 300 MW que estaban reservados para comunidades enerxéticas (por primeira vez na historia) de menos de 5 MW de potencia só se adxudicaron 10 M. En realidade, hai moitos atrancos para constituír estas comunidades, que non teñen en España unha figura propia xurídica  e que atopan numerosas trabas burocráticas e administrativas na fase de rexistro e legalizacións, dificultades na autorización e conexións por parte das empresas que monopolizan a distribucións eléctrica, o difícil acceso á información así como axudas e subvencións entre outras barreiras.). É importante entón apoiar (a nivel lexislativo, legal, administrativo, económico, técnico, tecnolóxico, participativo) a constitución destas comunidades enerxéticas, e que haxa cada vez máis demanda para que se cubran os MW reservados a elas (e cada vez se precise reservar máis). De feito dende Amigos da Terra demandan que para 2030 o 40% da potencial enerxía xerada sexa mediante comunidades enerxéticas.

Por outra banda, estamos en situación de inflación e escaseza que leva asociado aumento da pobreza enerxética. Habería entón que seguir saíndo ás rúas en vez de para dicir eólicos así non para reclamar baixadas dos prezos da enerxía (queremos megawatios máis baratos), ou para que se tomen medidas para reducir o consumo, ou pedindo que non se corte a luz ás persoas vulnerables. Todo iso se podería lograr, entre outras medidas, coa promoción das comunidades enerxéticas. A forte compoñente social que posúen a maioría destes proxectos e a súa implementación local teñen incuestionables vantaxes para incidir contra a pobreza enerxética e aumentar a presencia de colectivos tradicionalmente infrarepresentados no sector enerxético (mulleres, colectivos vulnerables, xente nova)

Un tema que ocupou tamén un espazo importante foi o desequilibrio (ou incluso enfrontamento) entre as perspectivas “dende o rural” o “dende o urbano” nesta posible transición enerxética. Falouse de que se replica o modelo de apropiación capitalista, neste caso no territorio, perdendo as persoas poboadoras o control do seu propio territorio. A xeración de enerxía eólica non pode facerse nas cidades, así que colócase no rural, un medio tradicionalmente moito menos intensivo, co cal impacta moito máis.

Falouse de sensibilizar entón tanto na cidade como no rural, conectar cos intereses da xente (traballo, saúde, etc). Na cidade, sobre a insustentabilidade dalgúns modelos de cidade (sobre todo grandes), e buscar, se se aposta polo equilibrio territorial, tamaños óptimos de asentamentos, sen apostar polas megalópolis. As acumulacións de persoas para xenerar innovación cada vez teñen menos sentido coas canles de comunicación actuais. No rural, sen idealizar tampouco, xa que hai dinámicas que atraen estas inversións por parte de axentes interesados, e ademais moitas veces custa mobilizar ás persoas. Igual empezan “catro hippys” e, tal vez, logran arrastrar despois ao resto cando ven o que se lles vén enriba, a risco de xerar un movemento NIMBY (not in my backyard), de persoas que só loitan porque lles afecta directamente, pero sen ver o problema fondo do modelo. Noutros casos (ou convivindo co anterior), dáse o fenómeno PIMBY (“please in my backyard), que son eses axentes que si queren esas inversións. Tampouco se debería dar un enfrontamento ante calquera proxecto eólico. O importante é que a veciñanza teña o control. Se hai un monte da aldea, pódese planificar ben algún muíño e impulsalo dende a propia aldea sen que teña que vir unha multinacional a facelo sen contar coa veciñanza? En Galicia temos o caso da Comunidade enerxética de Tameiga impulsado por unha comunidade de montes. Tampouco se poden rexeitar sistematicamente estas tecnoloxías.

As ferramentas que temos para promover un modelo que coloque ás persoas e o medio ambiente no centro, e que busca o crecemento pausado e sustentable (da calidade de vida, non do PIB), contra o modelo do crecemento polo crecemento son poucas… Como o que buscamos é enfrontarnos a autodestrución semella que temos a razón, e iso está ben, pero o que pasou en Glasgow demostra que os políticos só están a maquillar o sistema, non a mudalo. É preciso acompañar a transición con medidas en paralelo, que poderían ser a Renda Básica Universal porque sería unha ferramenta para evitar a pobreza e distribuír a riqueza e por tanto certo poder de influencia. A xente máis pobre pouco pode facer para mudar o seu modo de vida pouco vai poder facer para cambiar o modelo. A este respecto, temos que darnos conta que somos afortunadas por estar no norte global, hai lugares onde teñen situación moito más precarias e intentar cambiar as cousas e moito máis perigoso e duro. Non  debemos deixar de apoiar tamén aquelas loitas, tendo esa visión global ou internacionalista buscando a xustiza climática.

A conclusión é que é posible e desexable buscar que as persoas e o medio ambiente sexan máis importantes que o capital á hora da produción e uso da enerxía, e existen aliados dispostos a ser proactivos. Hai que plantar sementes de alternativas de produción e xestión (aínda que sexan simplemente comercializadoras alternativas, como A Nosa Enerxía), apoialas e participar nelas. É posible construír modelos de vida vinculados ao territorio e as comunidades enerxéticas son unha ferramenta factible. O movemento se demostra andando.

Resumo do ciberfaladoiro «Modelos de transición enerxética: o caso de As Pontes»

O agotamento das materias primas como o carbón e o petróleo, impón á humanidade un dos seus grandes retos no futuro próximo.

A transición enerxética é un proceso que nos vai acadar, mais cedo que tarde, a todas as persoas. A nivel particular cadrou que persoas que conforman a base social de Enxeñería sen Fronteiras están vivindo esa transición no pobo dás Pontes. Esa foi a semente deste ciberfaladoiro.

Como documento previo, propuxose o vídeo-documental “Ciclo combinado”. Fálase sobre a existencia de outros documentos audiovisuais. Sobre a transformación da mina na lagoa existe Azul y verde sobre Negro. Tamén El carbón, fuente de energía de As Pontes. Historia del complejo minero-eléctrico de As Pontes 1972 – 2012, o cal non fumos capaces de atopar nas redes.

Partellamos as seguintes conclusións.

– Falamos sobre o ciclo vital das industrias, e que cando rematan hai que prever alternativas. Falouse de que o plan dás Pontes tiñase que ter posto en marcha fai 20 anos, cando se anuncia o peche da mina.

– Sobre a importancia da transparencia e a participación cidadá para levar a cabo procesos de desenvolvemento da vila. Púxose de manifesto carencias nese sentido.

– Falase sobre as estructuras credas na vila, fitos patrimoniais que ainda de titularidade privada, son ben de interese público e social. A importancia da súa posta en valor, e da súa significancia como ben común. Polo tanto, sobre o futuro dos cales deben tomar partido todas as persoas do pobo. No caso dás Pontes, cítanse:

  • A chimenea da central térmica (Endesa Termic), cunha altura de 356 metros supón unha estructura única no mundo, a terceira mais alta de Europa e aparecendo no Libro Guinness dos Records como a estructura de maior volume do mundo.
  • O parque de carbóns. Unha cuberta metálica, menos coñecida por estar á sombra da chimenea pero singular. Para facerse unha idea das súas dimensións, dentro dela colllerían tres estadios de Riazor completos.

– Faise unha análise sobre as loitas levadas a cabo no último ano. E sobre a estratexia de darlle ó pobo «esperanzas» que o final acaban diluindo o movemento e a forza inicial, creando frustración, dinámicas e sentimentos de impotencia que acaban favorecendo os grupos de poder e de interés.

– Fálase sobre o feito de que as decisións de Endesa-Enel se tomen nun Consello de  Administración en Italia sen ningún coñecemento da realidade dos pobos sobre os cales se toman decisións.

– Comentase sobre a opacidade na toma de decisións, a todos os niveis, e a necesidade de crear espazos de participación.

Para rematar, acordamos seguir intercambiando información e opinións. Ademáis, proponse facer un roteiro na vila dás Pontes, para que a base social coñeza de primeira mán a realidade dese pobo.

Eleccións Galegas 2020: as propostas de ESF aos partidos

Dende Enxeñería Sen Fronteiras Galicia fixemos chegar aos partidos unha serie de propostas no eido da Tecnoloxía para os Dereitos Humanos e o Ben Común.

En 2020 cumprimos 27 anos de traballo en Galicia, e pola nosa condición de asociación experta en servizos básicos e tecnoloxía para os dereitos humanos, ese traballo se desenvolveu tanto en Galicia como en diversos países do mundo (actualmente en Honduras). Iso danos unha visión global dos problemas e causas da pobreza e desigualdade, e das posibilidades de actuar dende o local para acabar con elas. Esta visión de cidadanía global e de activismo tecnolóxico é a que queremos poñer ao servizo das organizacións políticas concorrentes ao proceso electoral galego neste ano tan complicado. Máis que nunca, somos conscientes de que a sociedade global é un sistema, e non queremos que haxa elos débiles na cadea, nin en Galicia nin en outros lugares. E non o queremos tanto por unha razón ética e moral, como por outra máis pragmática de pura sustentabilidade socio-ambiental no único planeta que temos para vivir.

A continuación, presentamos as propostas en 8 piares básicos do noso traballo:

  1. Dereito á auga
  2. Dereito á enerxía: novo modelo enerxético
  3. Dereito á alimentación: soberanía alimentaria, desenvolvemento endóxeno e proximidade
  4. Dereito á información e a comunicación: soberanía dixital e transparencia radical
  5. Xestión de residuos: residuo cero
  6. Educación e tecno-ciencia para o ben común
  7. Outras realidades no mundo. Cooperación ao desenvolvemento no mundo post Covid 19
  8. Tecnoloxía para a inclusión

Aquí as tendes!!