Novo proxecto en marcha: Hackers Sen Fronteiras Fase II. Tecnoloxía para o ben común no ensino secundario
Xa é oficial a boa nova de que contamos con financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia para unha nova fase do noso programa Hackers Sen Fronteiras. Serán 35.000 euros e esta nova fase durará até finais de 2025.
Co programa, queremos impulsar contidos e valores de tecnoloxía para o ben común na comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.
Refrendadas polos resultados do Estudo sobre Tecnoloxía para o Ben Común no ensino secundario galego que abordamos na Fase 1, seguiremos coas mismas liñas de traballo que na primeira fase, apoiando tanto accións co profesorado como accións máis enfocadas ao alumnado, sen descoidar o apoio á creación dunha rede de profesorado de secundaria que traballe neste eido.
Seguiremos priorizando os centros piloto en Curtis, Mondoñedo e Celanova, coa posibilidade de incorporar un novo centro en Baiona. Pero temos a idea de seguir movéndonos, na medida do posible, alí onde nos chamen (sobre todo en centros máis rurais). Polo pronto, aquí se pode ver o catálogo de faladoiros e obradoiros actualizado (flexibles e adaptables ao que interese en cada centro ou aula, o que queremos é poñelo fácil ao profesorado, que xa dabondo teñen…).
Manteremos o concurso de ideas didácticas de tecnoloxía para o ben común, que na fase 1 gañou o IES Primeiro de Marzo, así como as experiencias de docentes no noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades.
Queremos potenciar a liña de Encontros Hackers Sen Fronteiras de alumnas de secundaria que iniciamos na fase 1.
Unha liña nova de traballo que nos parece moi importante e que abrimos nesta Fase 2, é o traballo en centros de FP con ciclos técnicos. Comezaremos en Mondoñedo e Curtis, abordando tamén un traballo de diagnose como se fixo na fase 1 con ESO-Bacharelato.
Tamén impulsaremos unha formación específica para profesorado colaborador e outro que se quera unir, para compartir ideas de como levar o enfoque de tecnoloxía para o ben común ás aulas.
Algo innegociable será, como sempre, dar un protagonismo destacado ao voluntariado da nosa base social, como co-responsable do deseño, execución, seguimento e avaliación do programa, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!