Comunidades enerxéticas: traendo a gobernanza enerxética aos territorios

Queremos compartir algunhas ideas que saíron no ciberfaladoiro que tivemos hai uns días sobre Comunidades enerxéticas: traendo a gobernanza enerxética aos territorios

  • Mencionouse que, aínda que hai comunidades enerxéticas co promotor “gran empresa”, en realidade Comunidade enerxética empeza por “comunidade”. Non é só autoconsumo, senón tamén xenerar comunidade entre as persoas dun mesmo territorio.
  • As comunidades de montes veciñais en man común teñen moito potencial para isto en Galicia. O monte é do conxunto das persoas comuneiras polo feito de vivir na parroquia, e os aproveitamentos son decididos pola comunidade.
  • Pero as comunidades de montes non poden solicitar ser comunidades enerxéticas como tales, por non ter entidade xurídica axeitada para iso. En Tameiga seguen insistindo, pero outras buscaron outros camiños (constituirse en cooperativas enerxéticas, etc.).
  • Estanse dando, así, moitos ataques a este tipo de tenza privada colectiva (en augas, enerxía, madeira e mesmo en querer impedir que xestionen solo industrial, como ultimamente). Chégase á violencia administrativa, xogan cos tempos reducindo todo o que sexa participación cidadá (ou alegacións ante agresións ao territorio por proxectos “estratéxicos” que de pronto corren moitísima prisa), burocracia axfisiante para as comunidades…
  • Existen nalgunhas zonas Oficinas de Transformación Comunitaria, financiadas polo goberno con fondos de distintos tipos. Asesoran e está moi ben para tema técnico, aínda que dependen moito da visión do persoal técnico encargado das mesmas (algunhas poden ter unha visión de apoio comunitario, e en cambio outras centrarse máis en que sexa promoción dende empresas).
  • Por que na universidade on se prepara para esa promoción comunitaria que se precisa en entidades como comunidades de Montes Veciñais en Man Común, augas, enerxía…? Hai que meter presión nos cambios de plans de estudos para meter esta visión. Esa xestión comunitaria (co potencial que temos en Galicia coas comunidades de montes), pensamos que é moito máis democrática (aínda que se poida complicar), e se reparten mellor os recursos e beneficios que se concentra en grandes empresas.
  • Mencionouse a posibilidade de diversifición enerxética apostando mesmo pola hidráulica mecánica como solución de baixa tecnoloxía (recuperar muíños, que xa hai algún caso).
  • Tamén se fixo referencia a que pode haber empresas privadas vinculadas ao territorio dende hai anos na distribución, que facilita moito máis que as grandes a xestión (soen ser empresas pequenas, que proveñen precisamente de iniciativas en zonas máis apartadas onde ás grandes non lles era “rentable” entrar). Parece que a vinculación ao territorio é clave, e pode facer os procesos máis empágitos que a despersonalización que traen as empresas deslocalizadas que buscan maximizar beneficios a partir dun servizo básico (o mesmo enerxía, que auga, alimentación…).
  • Emprazámonos para un seguinte encontro, xa de tipo máis técnico, para saber que é preciso facer para crear unha comunidade enerxética. O máis seguro que o deixemos xa para despois do verán e fagamos algo máis “serio”, con formacións contando con compañeiras de comunidades enerxéticas xa en marcha por Galicia adiante (e pagándolles pola súa sabedoría, que tamén xa está ben de tanto traballo de balde…).

Novo TFM: Estudo hidrolóxico e hidráulico das lagoas de inverno en Honduras

Dentro do programa de ESF na Universidade e no de Restauración de Lagunas de Invierno en Honduras, en colaboración con persoal docente e investigador da rede Artigo9Tech, vense de presentar un novo TFM para o Mestrado Universitario en Xestión Sostible da Auga: Estudio hidrolóxico e hidráulico das lagoas de inverno en Honduras, a cargo da estudante Lucía González Ribeiro, con dirección de Esteban Sañudo Costoya e Acacia Naves García-Rendueles.

Parabéns á nova titulada!

A continuación se ve un resumo do traballo. Se tes interese en consultalo completo, contáctanos!


As lagoas de inverno son ecosistemas acuáticos estacionais que se forman en depresións costeiras das zonas de manglar durante a época chuviosa e están conectadas co mar a través de canles ou esteiros. Na costa sur de Honduras, son vitais no sector pesqueiro tradicional e para a economía local debido á súa alta produtividade natural.

O presente Traballo de Fin de Máster desenvolve un modelo hidrolóxico e hidráulico co software Iber para a conca do Río Negro, situada na zona de manglar do Golfo de Fonseca nas costas pacíficas de Honduras e Nicaragua, para a análise da lagoa de inverno da Berbería. Este modelo constitúe unha ferramenta de apoio aos proxectos de restauración dos ecosistemas das lagoas de inverno da zona impulsados por ESF e CODDEFFAGOLF (socia de ESF no programa de restauración das lagoas).

O modelo reproduce a oscilación do nivel do mar e a súa influencia na zona costeira e, simultaneamente, a xeración de escorrentía como consecuencia das precipitacións e o seu fluxo por toda a conca. Ante a escaseza de datos precisos da zona de estudo, o modelo integra información satelital, predicións de marea e precipitación distribuída espacialmente obtida de modelos meteorolóxicos rexionais.

A simulación presentada inclúe un evento de forte intensidade de 15 horas e esténdese durante 4 días. Os resultados describen o comportamento hidrolóxico da conca despois de precipitacións importantes e a acumulación de auga na zona de manglar, nas piscinas acuícolas das camaroneras (piscina de cría de langostinos xa estudadas noutros traballos) e na lagoa da Berbería, de orde semellante á observada no campo.

O modelo constitúe un punto de partida para que, no marco de futuros proxectos de cooperación, se completen os datos dispoñibles e poida ser utilizado como unha ferramenta para a planificación e a toma de decisións na xestión da lagoa.


Pantalla de ordenador cun indicador de velocidade de rede

Consideracións sobre necesidades básicas de ancho de banda para un acceso mínimo a Internet orientado ás comunicacións esenciais

Non é que internet sexa un Dereito Humano recoñecido, pero actualmente o seu “non acceso” pode xenerar condicións de inxustiza social pola desigualdade de oportunidades e de dereito á información. Sen chegar a consideracións máis vinculadas á gobernanza da Rede, como a neutralidade da Internet, que non son obxecto deste artigo aínda que tamén nos interesan moito, dende o Grupo de Soberanía Dixital de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia quixeron aportar ideas sobre ese acceso mínimo recomendado, ademais de aclarar algúns conceptos importantes relacionados.

1. Introdución e obxectivos

O presente documento ten por obxecto analizar e determinar cales son as condicións técnicas mínimas de conectividade necesarias para garantir un acceso a Internet que cubra os usos básicos de comunicación na actualidade. O estudo toma como referencia o marco normativo vixente en España en materia de servizo universal de telecomunicacións, así como as tendencias tecnolóxicas e sociais que afectan á definición de ancho de banda, latencia e fiabilidade como indicadores da calidade do acceso.

O propósito final é contribuír á definición dun solo mínimo de conectividade —suficiente, estable e equitativo— que poida servir tanto para o deseño de políticas públicas como para o seguimento de indicadores de brecha dixital en territorios con diversas realidades de infraestrutura.


2. Marco normativo e contexto actual

Segundo o Informe sobre o Servizo Universal elaborado pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (Avance Digital, Goberno de España), establécese que a conexión básica incluída no servizo universal debe ofrecer unha velocidade mínima de 10 Mbps descendentes.

Esta cifra foi fixada coa finalidade de asegurar o acceso a servizos fundamentais de comunicación e información, tales como:

  • Navegación por Internet e correo electrónico.
  • Acceso a contidos audiovisuais en fluxo continuo (streaming).
  • Realización de videochamadas e participación en redes sociais.
  • Uso de servizos públicos dixitais e administrativos en liña.

Non obstante, a normativa non especifica de maneira expresa o caudal mínimo ascendente, o cal resulta limitante nun contexto de comunicación bidireccional onde a participación activa (emisión de vídeo, transferencia de arquivos, traballo colaborativo en nube, etc.) require simetría de ancho de banda.


3. Parámetros técnicos principais

3.1. Ancho de banda

O ancho de banda é a capacidade de transmisión dunha conexión, expresada en megabits por segundo (Mbps). Determina o volume de información que pode circular simultaneamente entre o dispositivo do usuario e a rede.

Tendo en conta os usos domésticos e profesionais máis comúns, considérase que 10 Mbps por persoa supoñen unha velocidade adecuada para cubrir as necesidades básicas de comunicación, incluíndo:

  • Navegación e descarga de contidos lixeiros (<1 Mbps).
  • Videoconferencia de alta definición (entre 3 e 4 Mbps bidireccional).
  • Reprodución de contido audiovisual 1080p (~5 Mbps descendente).
  • Subida e descarga de documentos e datos de tamaño medio (2–5 Mbps).

O criterio de ancho de banda por persoa, e non por fogar, permite unha mellor adaptación a escenarios cun número variable de dispositivos simultáneos. A restrición real non adoita vir pola velocidade contratada senón pola capacidade do router e a xestión interna da rede local.

3.2. Simetría de conexión

O desenvolvemento de servizos telemáticos (teletraballo, educación a distancia, videocomunicación, almacenamento na nube) require velocidades simétricas, nas cales as taxas de subida e baixada sexan equivalentes. As conexións asimétricas, propias de tecnoloxías antigas como o ADSL, limitan a capacidade de interacción e reducen a calidade da experiencia de usuario.

Recoméndase, polo tanto, que o ancho de banda mínimo garantido de 10 Mbps se refira tanto á canle descendente coma á ascendente, especialmente en ámbitos profesionais ou educativos.

3.3. Latencia

A latencia ou tempo de retardo (expresado en milisegundos, ms) mide o intervalo medio que tardan os paquetes de datos en viaxar dun punto a outro da rede e volver. É un indicador clave da calidade percibida na comunicación en tempo real.

Os valores orientativos son os seguintes:

  • <30 ms: excelente (videoconferencias e xogos en tempo real).
  • 30–100 ms: aceptable para comunicación interactiva.
  • 150 ms: deterioro significativo da fluidez en conversacións e retransmisións.

Por tanto, o servizo universal debería incorporar un parámetro de latencia máxima recomendada, xa que de pouco serve un alto ancho de banda se a comunicación sofre retardos perceptibles ou fluctuacións bruscas (xitter).


4. Fiabilidade e continuidade de servizo

A dispoñibilidade efectiva da conexión (uptime) é un elemento crítico. O acceso debe estar operativo, sen interrupcións nin microcortes, durante a práctica totalidade do tempo. Recoméndase un uptime superior ao 99% anual.

Os principais factores que comprometen a fiabilidade son:

  • Limitación de equipos terminales (routers domésticos con máximo de dispositivos conectables).
  • Saturación local en horarios de alta demanda.
  • Deficiencias na rede troncal ou no acceso rural.

Un conxunto elevado de desconexións curtas (“microcortes”) pode imposibilitar videoconferencias ou tarefas de traballo en remoto, mesmo cando a velocidade media sexa suficiente.

A normativa do servizo universal debería incorporar tamén este tipo de indicadores de dispoñibilidade e estabilidade para evitar un cumprimento meramente nominal.


5. Consideracións sobre gobernanza e neutralidade

A gobernanza do acceso refírese á capacidade de control e xestión das infraestruturas e servizos dixitais, tanto por parte das administracións como dos operadores privados. Igual que no subministro de auga, é relevante determinar “quen pode pechar o grifo” ou limitar o fluxo de información.

Aspectos como a neutralidade de rede, a ausencia de bloqueos e o dereito á privacidade son condicións necesarias para que o servizo teña valor social. Sen garantías nesta materia, unha conexión tecnicamente adecuada podería carecer de validez como ferramenta de comunicación e participación cidadá.


6. Evolución temporal do criterio de dotación

A definición dunha dotación fixa de ancho de banda (10 Mbps) garante certa estabilidade regulatoria, mais pode resultar obsoleta a curto prazo debido á rápida evolución da oferta comercial e ás esixencias crecientes das aplicacións.

Un enfoque alternativo sería establecer o mínimo do servizo universal como unha porcentaxe da velocidade media comercial dispoñible. Por exemplo:

  • Cando a media de mercado sexa de 100 Mbps → dotación mínima 10 Mbps.
  • Cando suba a 200 Mbps → dotación mínima 20 Mbps.

Este modelo porcentual:

  • Mantén unha proporcionalidade dinámica entre o acceso básico e a oferta xeral.
  • Axuda a reducir a fenda dixital relativa, evitando que o chan de conectividade quede desfasado mentres o resto do mercado avanza.
  • Simplifica a revisión periódica de estándares sen precisar renegociacións lexislativas continuas.

Non obstante, implica definir criterios transparentes de cálculo da “media de oferta económica tipo”, así como a súa actualización temporal.


7. Fenda dixital territorial

Os indicadores de cobertura mostran desigualdades territoriais persistentes. Datos de 2024 sinalaban que Galicia era a comunidade autónoma española con menor índice de poboación con acceso a banda ancha de 30 Mbps. En 2021 situábase xa entre as tres peores posicións.

Estas diferenzas non responden unicamente a factores xeográficos, senón tamén a rendibilidade económica das infraestruturas e á planificación do despregue.

A nivel de política pública, resulta esencial priorizar:

  • O despregue en zonas rurais e costeiras dispersas.
  • A oferta de alternativas tecnolóxicas mixtas (fibra, radioenlace, satélite, 5G fixo).
  • Programas de financiamento e apoio técnico para institucións educativas e pequenas entidades locais.

Garantir o acceso universal en condicións equivalentes é unha condición indispensable para evitar que a localización xeográfica determine a participación cidadá e o desenvolvemento económico.


8. Reflexión sobre tendencias de consumo e sustentabilidade

O mercado tende a potenciar unha dinámica de “máis velocidade, máis consumo”, onde as páxinas e servizos aumentan o seu peso de datos a medida que as redes se fan máis rápidas. Esta lóxica comporta un incremento continuado na demanda de recursos enerxéticos e materiais, así como unha obsolescencia acelerada de equipos.

Neste contexto, é pertinente valorar a viabilidade dunha Internet básica e sostible, con servizos optimizados para baixos anchos de banda e consumos moderados. Tal enfoque podería formar parte dunha estratexia de baixo impacto tecnolóxico (“low-tech Internet”) orientada á redución da pegada dixital e á democratización do acceso.


9. Conclusións

  1. Ancho de banda mínimo: 10 Mbps por persoa constitúe unha referencia válida para cubrir usos básicos de comunicación. Debe tender a ser simétrico.
  2. Latencia e estabilidade: deberían fixarse valores máximos (≤100 ms recomendados) e requirir unha dispoñibilidade anual superior ao 99%.
  3. Fiabilidade e gobernanza: é necesario incorporar parámetros de continuidade e preservar a neutralidade de rede.
  4. Revisión da dotación: proponse estudar unha fórmula de actualización porcentual vinculada á oferta media nacional.
  5. Redución da fenda dixital: o acceso universal debe asegurar equivalencia territorial e tecnolóxica.
  6. Sustentabilidade: promover un modelo de conectividade suficiente, eficiente e dentro de límites ambientais razoables.

A conectividade básica non debe concibirse como un luxo nin como unha prestación mínima estática, senón como un dereito dinámico de inclusión dixital. Garantir unha Internet funcional, libre e equitativa é condición indispensable para a participación cidadá plena no século XXI.


10. Referencias

Aprendizaxe-Servizo na materia de Xogos Serios, no Mestrado de Videoxogos da Universidade da Coruña

Trátase dunha experiencia que impulsamos coa profesora Luz Castro, colaboradora de ESF e membra da Rede Artigo9Tech, dentro do programa ESF na Universidade, que financia Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Dous grupos da materia Xogos Serios (serio non é o contrario de divertido), que imparte en Ferrol no Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, desenvolveron durante o curso sendos xogos, a partir dunha serie de ideas propostas que dende os grupos adaptaron segundo os seus intereses. Hai uns días presentaron os produtos do seu traballo, e quedamos moi impresionadxs.

Aquí volos presentamos.

Un deles é El peso de quedarse. Un xogo que trata de reflexar as dificultades para persoas migrantes, de xeito que poidamos valorar os esforzos e penalidades de quen simplemente trata de buscar unha vida digna (algo ao que temos dereito todas, sen importar onde sexa o noso lugar de nacemento). é un xeito de xenerar empatía, reflexión e sensibilización sobre o fenómeno migratorio e as persoas que hai detrás. Céntrase sobre todo en representar a situación de persoas provintes de Colombia, Venezuela, Perú ou Ecuador (houbo xente destas nacionalidads involucradas no deseño). Aquí se pode probar o seu primeiro capítulo.

O outro é Corueconomía, onde recén acabada a carreira tratas de abrirte paso vivindo na Coruña. Compaxinar os traballos aos que podes acceder segundo o que estudaches, onde queres vivir na cidade e os gastos do día a día pode ser algo moi estresante. O acceso á vivenda e ese estrés vital son temas moi sentidos pola xente nova, e o xogo nolo fai sentir en primeira persoa. Pódese descargar aquí para probalo ou directamente probalo aquí.

Boletín Oficial ESFeiro. Xuño 2026


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística-cultural
  • E proximamente …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    No mes de maio, dentro do programa ESF na Universidade,  tivemos un faladoiro sobre Tecnoloxías para o ben común nos programas internacionais de cooperación en Honduras de ESF en Ribeira o 4 de maio, e outro na Facultade de Óptica de Santiago de Compostela o 6 de maio. O 22 de maio tivemos un Repair Café na Domus da Coruña cos compas do Banco de Electrónica Ética do Campus Elviña UDC e Bricolabs.

    No programa de Mulleres Bravas, o 2 de maio publicouse en liña o artigo Total, se non o fan aquí vano facer noutro sitio... O 5 de maio emitiuse o podcast Pontes con Barracón Digital

    En ESF profesional, o 6 de maio publicouse o videopodcast Aprendizaxe e Intelixencia Artificial: un coloquio aberto para pensar o presente e o futuro da tecnoloxía, e o 12 de maio presentouse na nosa web a nova ferramenta dixital libre Revolution Domes para deseñar estructuras de Domos, grazas á financiación da AMTEGA. O 18 de maio tivemos un ciberfaladoiro sobre sistemas complexos. Xa o 22 de maio compartimos a devolución á comunidade do estudo de mapeo comunitario no Ecolectivo Vigo. Ademais, o 24 de maio asistiu xente de ESF ao VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes de Allariz e o 28 de maio ao Foro Territorio Rural Resiliente da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Celebramos Repair Cafés en Covelo e no Casino de Carballo o 2 de maio.

    No programa Hackers Sen Fronteiras, tivemos a boa nova de que un dos nosos colaboradores, profesor de FP no IES Valga, mereceu en 2026 o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, na categoría de Secundaria, Bacharelato e FP, coa súa iniciativa de  Xardín circular.

    No programa PCR – Programa de Coñecemento Doutras Realidades, seguiu a formación ás participantes, como parte da preparación da nova edición. Estarán en Honduras dende principios de xullo a setembro. Seguro que están desexando marchar!


HONDURAS

    En Honduras, dentro do eixo de traballo de dereito á alimentación con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio, que desenvolvemos coa nosa socia CODDEFFAGOLF, no programa de restauración de lagoas de inverno (que financia Xunta de Galicia e AECID), houbo xornadas de capacitación sobre metodoloxía ESCASAL. Tamén se impartiron unhas formacións a persoas novas das comunidades, e houbo un evento que nos fixo especial ilusión, coa entrega dun fondo semente a estructuras comunitarias tipo caixa rural. Aquí explicamos como funciona exactamente o mecanismo.

     Dentro do mesmo eixo de soberanía alimentaria, pero no programa de fortalecemento de sistemas de alimentación, apoiado pola AECID, houbo unha feira gastronómica en Amapala, para compartir e poñer en valor a riqueza da gastronomía local.

    Dentro do eixo de traballo de dereito á auga, estivemos apoiando o interesantísimo proxecto CADMIO, neste caso aproveitando a viaxe a Galicia da nosa representante país en Honduras, Raquel, que trouxo unhas mostras para analizar na Coruña. Tivemos moita presenza de actividades no marco deste eixo de traballo no XXXIV Congreso Centroamericano de Ingeniería Sanitaria y Ambiental, con até 4 relatorios sobre cartografía participativa, calidade de auga en comunidades rurais, o laboratorio da auga do sur ou o propio proxecto CADMIO.


MOZAMBIQUE

    No mes de maio continuouse traballando na formación práctica para a realización de estudos de inundacións empregando o software IBER e no acompañamento na monitoria da seca coas Administracións Rexionais da Augas de Mozambique. Neste mes tamén se participou na avaliación do proxecto no ámbito das accións da cooperación española en Mozambique dentro do período 2021-2024. O proxecto contou cunha boa valoración e como exemplo concreto de valor engadido e boa práctica no ámbito do acompañamento técnico.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o ben común


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA-CULTURAL

    Este mes vimos coa primeira canción en galego dun dúo xa bastante coñecido, Escuchando Elefantes. A súa canción Arder seguro que non te deixa indiferente.


E PROXIMAMENTE …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais: 2 de xuño:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Cando temos medo, perdemos toda capacidade de análise e reflexión; o noso medo paralízanos. Ademais, o medo sempre foi o motor da represión de todos os dictadores. 
Marjane Satrapi, á que este mes queremos adicar unha lembranza especial polo seu pasamento. Novelista gráfica e cineasta, coñecida pola súa magnífica obra “Persépolis”.