Enxeñería Sen Fronteiras é unha asociación que traballa para poñer a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano. Pero o concepto de desenvolvemento humano é o bastante amplo e xenera moitos debates sobre o que realmente implica. De feito, en moitos ámbitos, é un concepto moi depauperado, ao vincularse ao crecemento económico desmedido e cun enfoque moi occidental. Esto fixo que dende a asociación tiveramos que plantexarnos cal é ese o desenvolvemento ao servizo do cal queremos poñer á tecnoloxía (e tamén o que hai antes dela, a ciencia). Este debate interno segue en marcha, pero si temos claras algunhas cousas.

Unha é que queremos traballar para que as persoas poidan desenvolver as súas potencialidades e asegurar os dereitos básicos para unha vida digna calquera que sexa o lugar onde vivan, de xeito que sexan protagonistas dese proceso, e ademais o poidan facer respectando o seu contexto social e cultural (prestando atención especial aos colectivos tradicionalmente máis desfavorecidos, como as mulleres, as persoas que viven en áreas rurais, persoas de países empobrecidos…). Falamos entón dun enfoque emancipador e inclusivo do desenvolvemento, e de cidadanía global (de feito, o noso apelido “Sen Fronteiras” vén deste enfoque, que trata de rachar tanto as fronteiras políticas, como esas outras quizais menos visibles).

Outra é que ese desenvolvemento persoal, para acadar un mundo máis xusto e solidario, pasa por centrarse no ben común máis que no individualismo curtopracista. É o enfoque ao ben común.

E poderiamos falar dunha terceira, que é que esa construción dun mundo máis xusto e solidario é complexo facelo individualmente, polo que ESF se ofrece como plataforma de para compartir e co-construir ese mundo desexable. É un enfoque de construcción colectiva. Pensamos que o propio proceso de construción colectiva é moito máis rico que ese enfoque de “lobo solitario” ou personalista, que pode ter cabida nestes procesos nalgunha das súas etapas, pero que non o vemos moi enriquecedor se se convirte no modus operandi habitual das persoas. Imaxinade un mundo onde toda a xente quixera ser Batman… Por iso estamos constituídas como asociación.

Por iso, para que a tecnoloxía esté ao servizo das persoas con eses enfoques xa mencionados, pensamos que hai unha serie de requisitos que debe cumplir, que explicamos aquí.

Estamos ademais moi interesadas en todos os debates éticos sobre uso das tecnoloxías, reflexións sobre mundos distópicos ou utópicos onde a tecnoloxía soe ter un papel moi importante, tanto para acadalos como para logo sostelos. E por suposto, matizar e traballar sobre os conceptos como se é neutral a tecnoloxía, argumento que moita xente que trata de “despolitizala”alega dicindo que non é boa nin mala, senón que depende… Isto implica que nos teñamos declarado antimilitaristas.

Por todo isto, dende os grupos de ESF se traballan estes elementos, sempre tratando de promover o pensamento crítico á hora de falar de cara que mundo queremos ir, en que sociedade nos gustaría vivir, e cales son as causas fondas de que non esteamos chegando a ese mundo. Actividades como a organización en Galicia de faladoiros, xornadas, cursos, publicacións ou reflexións en redes sociais e mesmo unha materia na Escola de Enxeñería de Camiños da Universidade da Coruña, sobre todo a cargo do grupo de Educación para o Desenvolvemento da Coruña, ou máis esporádicamente nas sedes de Santiago e Vigo, incorporan estes contidos. Intentamos ter presenza sobre todo nas distintas escolas de enxeñería das universidades públicas galegas, con alianzas como a rede de profesorado Artigo9Tech.

Dende 2022 empezamos a actuar tamén nos centros de secundaria, co programa Hackers Sen Fronteiras, tratando de levar este contido de tecnoloxía para o ben común ao alumnado e apoiar ao profesorado para que o vaia incluindo nas súas aulas.

Tamén existe un grupo de traballo específico onde se trata de introducir estes conceptos no eido empresarial, e dende 2016 vimos traballando na elaboración dunha metodoloxía para avaliar o grao de introdución dos mesmos no desempeño das empresas, estando actualmente en proceso de validación en empresas reais do sector tecnolóxico.

E, como é habitual, noutras ocasións o facemos a través de alianzas e traballo en rede, como o que se veu desenvolvendo dende 2016 co Centro de Estudos de Xénero e Feministas. Dada a nosa vinculación coa universidade, non nos olvidamos da investigación neste eido, que se pode exemplificar co deseño, en colaboración co CartoLab da UDC, dun Índice Mundial de Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano. Ademais, traballamos moito o tema de consumo responsable, cun especial interese no que ten que ver co consumo de productos tecnolóxicos e electrónica ética.

No traballo en programas internacionais en Honduras, tamén tratamos de aplicar este concepto xunto coas organizacións coas que colaboramos no país, tanto nas tecnoloxías que promovemos cos programas como as que son utilizadas para executalos.

Dende 2021, temos en marcha tamén un grupo de tecnoloxía inclusiva, en colaboración co CITIC da Universidade da Coruña, onde se trata de buscar solucións tecnolóxicas para persoas con problemas de mobilidade.