Breve e pouco sistemático resumo do 1º ciberfaladoiros sobre Sistemas Complexos

O debate xirou arredor dunha aparente tensión: mentres na sociedade humana parece cada vez máis necesario reducir a complexidade (menos fluxos, menor consumo, simplificación de estruturas), os sistemas ecosistémicos amosan que a complexidade ben articulada aumenta a eficiencia no uso de recursos e a resiliencia. Así, a cuestión non é tanto “ter máis ou menos complexidade”, senón que tipo de complexidade e, sobre todo, que tipo de vínculos a sosteñen.

Púxose o foco en que o esencial nos sistemas non é a cantidade de conexións, senón a súa natureza: vínculos baseados na co-responsabilidade e nos coidados. Neste sentido, cuestionouse se a sociedade actual só é capaz de fortalecer este tipo de relacións en contextos de crise ou catástrofe, cando a interdependencia se fai evidente.

Tamén se introduciu unha mirada descentrada do humano: se a humanidade desaparecese, o planeta reaxustaríase. Esta idea invita a repensar a nosa posición no mundo e a incorporar desde a educación unha relación menos antropocéntrica coa biosfera. Ligado a isto, sinalouse que o “problema” de adaptación e resiliencia fronte á escaseza está especialmente localizado en Occidente, historicamente acostumado á abundancia.

No plano económico e laboral, abriuse o debate sobre se a descomplexización debería implicar tamén cambios profundos no traballo e na produción. Apuntouse á economía social como unha vía para transformar os vínculos económicos, poñendo no centro as necesidades reais e cuestionando a utilidade de certos empregos. Isto conectou coa reflexión sobre a avaricia e a acumulación: se son tendencias intrínsecas ou se, máis ben, a sociedade actual premia e reforza certos comportamentos fronte a outros. Tamén se destacou a tendencia cultural a idealizar liderados fortes, nun marco aínda moi patriarcal.

Outro eixo importante foi a necesidade de tomar conciencia dos nosos impactos. A tecnoloxía podería servir para reforzar vínculos de co-responsabilidade, pero moitas veces utilízase para afastar as consecuencias das nosas accións (como nos sistemas de saneamento que “fan desaparecer” os residuos). Isto podería estar ligado a un modelo que prioriza a comodidade para soste-lo ritmo de traballo e consumo.

Finalmente, abordouse a cuestión do colapso: de producirse, sería moi difícil reconstruír a complexidade social actual, xa que se basea en recursos que están a esgotarse. Ademais, os sistemas complexos son altamente incertos e difíciles de reproducir. De feito, mesmo se puxo en dúbida que sexa desexable reconstruír unha sociedade coma a actual, abrindo a porta a imaxinar outras formas de organización máis sostibles e centradas nos coidados.

Nova ferramenta libre Revolution Domes. Deseña estruturas tipo Domo de xeito sinxelo

Revolution Domes é un programa libre para calcular a xeometría de estruturas tipo “domo” de revolución.

As xeometrías que manexa son o Zome, o Tipi (cono) e o L-Dome (Low Dome ou domo tendido). Todas elas pódense xerar co número de niveis que se desexe, así como co número de lados do polígono da base.

  • O Zome ou “Zonahedron” ten unha forma ovalada e rematada en punta, e pode servir para construír desde refuxios ata vivendas.
  • O tipi ten forma cónica e funciona moi ben na construción de cubertas apuntadas.
  • O L-Dome recolle a forma dun “cascarón” de esfera e funciona moi ben para deseñar cubertas máis tendidas, non tan apuntadas.

Ademais destas formas, tamén permite implementar un “tambor” ou alza inferior que consiste nun cilindro que serve para axustar as outras xeometrías e realizar estruturas máis versátiles e adaptables ás necesidades de cada persoa usuaria.

Como representación das formas preferiuse unha vista en planta e alzado cun debuxo dunha persoa, xa que son representacións moi empregadas en arquitectura e enxeñaría, escalan a estrutura e amosan dunha ollada as formas e proporcións da xeometría deseñada.

Ademais, para a obtención dos valores xeométricos que permitirán a construción destas estruturas, o programa xera un informe en formato txt con todos os valores necesarios, desde a lonxitude das barras, alturas de cada nivel, radios, superficie en planta, etcétera.

En canto ao script, está realizado en linguaxe HTML e Javascript para facilitar a execución e o manexo a persoas usuarias sen coñecementos de programación (xa que se pode abrir desde calquera navegador de internet). Así mesmo, o código é accesible e nel detállase a maneira de calcular a xeometría deste tipo de estruturas, para poder implementala noutros programas de maior envergadura. Simplemente cómpre descargar os arquivos do repositorio nun mesmo cartafol, executar o html e comezar a calcular.


ACCESO AO REPOSITORIO PARA DESCARGA

Abonda con usar un pouco a imaxinación e aventurarse a construír!

Esta ferramenta foi desenvolvida por Martín Moreda en formato de acceso libre grazas a fondos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Boletín Oficial ESFeiro: maio 2026


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística-cultural
  • E proximamente …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

     Temos que empezar cunha mala nova, o pasamento da compañeira de ESF Catalunya, María Campuzano, referente na defensa do dereito á enerxía e a loita contra a pobreza enerxética

No programa ESF na Universidade o mes comezou en Lugo coa sesión Comuneiras, onde se experimentou co xogo didáctico sobre Montes Veciñais en Man Común. En Compostela celebrouse o obradoiro Dilemas éticos na enxeñería ambiental, cunha participación moi elevada e debate intenso arredor da responsabilidade profesional, impulsado polas bolseiras da ETSE. Tamén a USC acolleu o faladoiro de presentación da Guía de Autodefensa Dixital e a exposición Coñeces o teu móbil?, difundidas desde a Facultade de Comunicación. Na ETSE de Santiago celebrouse a Chocolatada solar, e o mes pechou cun faladoiro na Escola de Arquitectura da UDC sobre tecnoloxía para o ben común.

No programa ESF profesional celebráronse dous Repair Café: un en Ribadeo e outro en Carballo. A primeira reunión da Horta Dixital Comunitaria tivo lugar en Camiños A Coruña. En Melide, no marco de EsLibre, desenvolvéronse varios obradoiros e faladoiros con persoas de ESF sobre soberanía dixital, soldadura electrónica, transición enerxética xusta, autodefensa dixital e ciberactivismo, tamén recollidos aquí, entre eles un da compañeira Elena, de Barracón Digital Honduras, de xira en Galicia grazas ao proxecto con AMTEGA. En Leboso, durante a Feira de Sementes, houbo un Repair Café e faladoiros sobre tecnoloxía crítica no rural de Honduras. Houbo unha mesa redonda sobre intelixencia artificial presentando o libro Inteligencia artificial: jugar o romper la baraja, de Margarita Padilla, que se non puideches estar podes vela no videopodcast en Fediverse TV.

No programa Mulleres Bravas destacaron os faladoiros Ciberactivismo desde los territorios en Melide e Ciberactivismo nos territorios en Leboso, ambos con Elena de Barracón Digital como referente e cun enfoque claro na defensa dos dereitos das mulleres e das comunidades fronte ás desigualdades dixitais.

No programa Hackers Sen Fronteiras tivo lugar o faladoiro no IES Brión, onde Elena e Martina achegaron ao alumnado unha visión crítica sobre tecnoloxía e activismo.

Traballando en rede, abril comezou coa primeira sesión da formación Xénero na Cooperación da CGONGD, celebrada en liña. Houbo tamén unha reunión con A Cuidarth en Vigo, e ESF participou no X Encontro da Rede do Rural en Lousame. ESF estivo presente na Asemblea da Coordinadora Galega de ONGD en Santiago, da que forma parte. Tamén se participou nos Escoitadoiros Migracións do Concello da Coruña.

A nivel de organización interna, abril estivo marcado por varias reunións de planificación estratéxica, incluíndo encontros en liña, e acollidas de novas voluntarias. A Asemblea de Primavera celebrouse en Carballo, acompañada dun obradoiro sobre planificación estratéxica que serviu para reforzar o traballo colectivo da base social.


HONDURAS

    No eixo de soberanía alimentaria, que traballamos coa asociación CODDEFFAGOLF, como parte do programa integral de restauración das lagoas de inverno, deu inicio o diagnóstico participativo de necesidades formativas da xuventude das comunidades das lagoas. Ademais, no programa de fortalecemento da actividade marisqueira artesanal, houbo un encontro sobre a ciencia cidadá como motor de cambio. No convenio financiado pola AECID sobre comunidades resilientes, houbo unha xornada de traballo sobre soberanía alimentaria e nutricional no concello de Nacaome.

    Tamén houbo xornada formativa sobre transformación de productos marinos e unha feira gastronómica en Amapala, dentro do programa de fortalecemento de actividade marisqueira.


MOZAMBIQUE

    No mes de marzo no programa AquaMoz avanzouse no fortalecemento da capacidade das Administracións Rexionais da Agua do Centro e do Sur de Mozambique para a análise e estudo de inundacións con fin de que os técnicos das ARAs adquiran o coñecemento para desenvolver este tipo de estudos e empregalos despois para a toma de decisións nas súas institucións. Neste mes foron publicados os términos de referencia para o servicio técnico de apoio o proxecto en hidroloxía.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA-CULTURAL

    Este mes traemos teatro: ‘La diatriba del perro’, escrita pola tamén xornalista Cristina Fallarás, e onde desmonta a farsa do aliado feminista


E PROXIMAMENTE …

    Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    Aínda que a tarta creza, non hai tarta para todos. Que importa que a tarta creza se, en última instancia, iso non se concreta en mellores condicións de vida para as maiorías? E iso non se refire só á desigualdade de ingresos, senón tamén ao avance da crise ecolóxica e ao seu impacto sobre unhas maiorías que viven en condicións cada vez máis precarias

Cecilia Rikap. Economista arxentina

Videopodcast: Aprendizaxe e Intelixencia Artificial – 20 de abril

Deixamos por aquí a gravación, para as que non puidéchedes vir ou queredes repetir, da presentación do último libro de Margarita Padilla (hacker feminista) co posterior coloquio con Elena, membra de Barracón Digital e Laura, profesora de FP tecnolóxica, dinamizada pola escritora Lucía Ferro. Fixemos unha viaxe para entender como chegamos a este momento no que a IA está moi presente en moitos espazos cotiás e por que está a supoñer un problema nas capacidades de aprendizaxe, tanto nas adultas como nas infanzas.

MÍRAO AQUÍ

ESFRadio: Pontes con Barracón Digital

Na visita que nos fixo Barracón Digital en abril sacamos un ratiño para ensinarlles a oficina, o proxecto dos Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre e, como non, gravar un podcast para a nosa querida radio.

Sintoniza as orellas e coñece como foi esta visita e como é o día a día deste colectivo hondureño que traballa as tecnoloxías libres, os feminismos e intercambio de saberes a través da educación popular.

ESCOITA AQUÍ.

Co financiamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)