Patrimonio e software libre na educación secundaria: mapatón no IES Castro da Uz, As Pontes.

Un Mapatón é unha reunión organizada de persoas para agregar datos a OpenStreetMap (que nos gusta definir como unha sorte de “wikipedia xeográfica” onde todo o mundo pode aportar). Este pode ser un proxecto para mellorar o mapa dunha área local, ou para a axudar ós equipos de resposta en terreo durante un desastre, ou un proxecto de mapas precisos para respostas humanitarias en curso ou futuras.
Esta actividade serveu para facer unha pequena aproximación á enxeñería civil, cartografía, Software Libre e Patrimonio Cultural para alunado de 4º de ESO do IES Castro da Uz, en As Pontes. A idea inicial era facela nunha xornada, cunha parte de mañá onde se fixera unha breve introdución á recollida de datos en campo e a propia saída a campo, e pola tarde o procesado e envorcado de datos. Finalmente, por cuestións climatolóxicas, houbo que facer a parte de saída de campo o 2 de xuño, e o procesado de datos o 7 de xuño.

Levouse a cabo unha formación en ferramentas de edición de mapas libres, especificamente OpenStreetMap e, como nun traballo real, na saída fíxose unha recollida de datos no terreo, ademais de ter a oportunidade de coñecer mais sobre os distintos elementos do patrimonio cultural que se poden observar nas parroquias pontesas de San Xoán do Freixo e de Somede.


Despois da saída de campo, a sesión de edición e subida a rede OpenStreetMap de distintos fitos patrimoniais do entorno, serveu tamén para sensibilizar sobre a importancia do seu coidado e catalogación.


Sobre esta base fíxose incidencia na importancia e potencia da cooperación como ferramenta de desenvolvemento humano, aportando un exemplo práctico e real. Ademais, tamén se espera ter contribuído a aumenta o interese dos rapaces e rapazas polo voluntariado neste tipo de proxectos de coñecemento do entorno, a construción colectiva empregando ferramentas abertas e a promoción da cultura libre con datos públicos e accesibles (impulsando outro tipo de licenzas de uso, como poden ser as de Creative Commons).

Para coñecer o itinerario patrimonial realizado e outros detalles se pode consultar este guión.

Boletín Oficial ESFeiro: xuño 2021

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • A recomendación artística do mes
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

No mes de maio agromaron varios novos grupos de traballo en ESF:

  • Grupo Mozambique, que estará argallando actividades para coñecermos mellor este país (unha durante xuño en Compostela, atenta!),
  • Grupo de Tecnoloxía Inclusiva, para desenvolver iniciativas de baixo custo e libres de tecnoloxía para persoas con problemas de mobilidade ou percepción; agora están empezando con ratos adaptados (incluso estivemos, invitadas pola Escola de Telecomunicación, nos LPRODays, unha feira distintas iniciativas tecnolóxicas desenvoltas polo alunado nesta e outras liñas)
  • Grupo de Eólicos, para compartir información e buscar xeitos de facer rede coas plataformas existentes, que se resisten ao modelo de implantación de eólicos sen planificación nin participación social.

Se tes interese en colaborar con algún deles, contáctanos en info[arroba]galicia.isf.es

Houbo tempo, dende o grupo de Enerxía e Cambio Climático, para participar nun webinar sobre Dereito á Enerxía, invitadas por Solidariedade Internacional de Galicia. Tamén dende este grupo, participouse nunha clase da materia de Enxeñaría da Enerxía da Escola de Camiños, dando unha visión crítica do sistema eléctrico (e enerxético en xeral).

Seguiu o traballo do grupo do noso Banco de Reciclaxe Electrónico, que ademais participou nunha charla o pasado día 29 invitado á Feira de Voluntariado do Concello de Ames.
Tivemos un xenial ciberfaladoiro onde puidemos falar coas bravas mulleres marisqueiras de Honduras, coas que participamos nun dos proxectos de promoción da soberanía alimentaria. Aquí o resumo!
Non faltou o Boletín Sonoro ESFeiro do mes anterior, un podcast de 5 minutiños que é a versión sonora do BOE.


HONDURAS

    En Honduras segue o traballo pola soberanía alimentaria no Golfo de Fonseca en colaboración con CODDEFFAGOLF e financiación da AECID. Por un lado, as compañeiras do Comité de Investigación Local CIAL-APROEM, estableceron un ensaIo para a mellora de dúas variedades de millo. Por outro, organizouse unha “Feria verde”, onde participaron productoras e emprendedoras do concello de Nacaome. Aquí podes velo!


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


A RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA DO MES

    Este mes vimos moi punkarras, para recomendar o grupo Lendakaris Muertos, especialmente a súa canción “Cómeme la franja de Gaza“, desgraciadamente moi axeitada para estes días…


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos séguenos nas nosas redes sociais twitter, instagram e, sobre todo, na nosa canle de telegram. Difundimos tamén eventos externos a ESFGalicia de temas vinculados á tecnoloxía para o ben común. Tamén podes facer que te chegue este boletín ao teu correo se o solicitas en info[arroba]galicia.isf.es


A ESF-RASE DO MES

“Vivimos nunha sociedade exquisitamente dependente das ciencias e a tecnoloxía, na que practicamente ninguén sabe nada acerca da ciencia ou da tecnoloxía”
Carl Sagan