Xuntanza de Outono de ESF. A crónica do que se pode contar

As xuntanzas son encontros da base social de ESF. Soemos ter dúas ao ano, en primavera e outono, coincidindo con sendas asembleas extraordinarias. O lugar vaise cambiando en cada unha, e aprovéitase para facer formacións, obradoiros ou sesións temáticas de traballo.

A deste outono de 2023 fixémola en Allariz, o pasado sábado 4 de novembro. Pola mañá, tivo lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria e, pola tarde, tivemos un taller para deseñar o Plan País Honduras, así como un faladoiro de dúas das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que hai unhas semanas regresaron de Honduras.

Na Asemblea pola mañá, despois dunhas dinámicas de presentación, fixemos un resumo dos distintos grupos en activo na asociación (había moita xente nova!). Un momento importante foi a aprobación (por unanimidade) dunha nova liña ou programa de traballo en ESF: as asesorías técnicas para plataformas de defensa da terra e o territorio en Galicia. Máis información aquí.

Tamén falamos de diversos temas económicos e aprobamos a previsión de contas para 2024. Reflexionamos sobre a coherencia de colaborar con entidades que á súa vez reciban apoio simultáneamente por parte de empresas con valores non compatibles con ESF. Falamos de que non imos deixar estes espazos de colaboración, aínda que non se compartirán actividades apoiadas por estas empresas, de xeito que non apareceremos simultaneamente como colaboradoras.

Outro momento importante foi o cambio de Xunta Directiva. Tras agradecer moito ás persoas que deixan a Xunta (Marc, Tomás, Alberto, Zoe, Mateo e Chelo), demos a benvida ás que conformarán a vindeira “xunta divertida” ESFeira: Jose como presidente, Chus como vicepresidenta (viña de ser vogal na xunta directiva anterior), Chevi como secretario, Ana como tesoureira e, nas vogalías, Thais (que repite como vogal), Alba (que volve á xunta directiva tras varios anos) e Celia.

Pola tarde, comezamos cun obradoiro onde tivemos conexión directa con Honduras (é a foto da cabeceira). Empezamos a traballar o novo Plan País Honduras, onde queremos esbozar as liñas estratéxicas e xeitos de traballar no país para os vindeiros anos. Este primeiro taller foi para pensar que nos aporta como asociación o traballo en Honduras que se está a realizar. Queremos seguir facéndoo? Para que? Queremos mudar algo? Foi unha reflexión interesante que iremos compartindo proximamente.

Rematamos o día con dúas das participantes no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás súas experiencias, que contaban mentres aínda lles brillaban os ollos coas lembrazas. Tamén nolo foran contando en diversas crónicas, pero escoitalas a elas é distinto…

Tiñamos ganas de espazo presencial, pero tamén se puido participar en liña!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.