Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha asociación. Como tal, o seu órgano máximo de toma de decisións é a Asemblea Xeral de Persoas Socias. Convócase unha asemblea ordinaria cada ano para a aprobación das contas, e outras dúas extraordinarias para outras decisións, encontro da base social e autoformación, unha en primavera e outra en outono (ás que chamamos «Xuntanzas»). Cada 2 anos se elixe unha Xunta Directiva, que toma as decisións do día a día en base á planificación estratéxica que estea vixente.

Ademais, existen distintos grupos de traballo que son o verdadeiro motor da asociación, e que se poden ver no organigrama da asociación. Están formados por persoas voluntarias que poden estar apoiadas polo persoal liberado (con contrato laboral). Actualmente (xuño 2022) a asociación conta con 4 persoas con contrato laboral: unha secretaria administrativa en Galicia a xornada parcial (4h/día), Paola, un técnico de proxectos en Galicia a tempo parcial (6h/día), Sergio, unha técnica representante país-Honduras a tempo completo (Raquel) e un técnico responsable-país Mozambique a tempo completo (Víctor).

A continuación podes coñecer á Xunta Directiva e ao noso equipo técnico

A Xunta Directiva de Enxeñería Sen Fronteiras

PRESIDENCIA

Marc Romero Estonllo

Voluntario de ESF Galicia dende o ano 2019. Biólogo e Máster en Enxeñería Ambiental. O meu son os ecosistemas terrestres, todo o que envolve o solo (recursos naturais, agricultura, foresta, paisaxe, fauna, flora, auga, cambio climatico, tipos de solo…), de feito deste tema estou facendo o doctorado na USC. Encántame pasear polo bosque collendo setas.

VICEPRESIDENCIA

Alberto Bragado Lladó

Voluntario de ESF Galicia desde 2019.
Participo en varios grupos de ESF, como o grupo de Radio, Ciberfaladoiros e Coidados (as acollidas son o meu).
Graduado en Enxeñería Química, actualmente traballo no sector da automoción.
Amante da escalada e experto en vertebración.

SECRETARÍA

Zoe Chaos Carballo

Bióloga facendo unha tese sobre cousas do solo.
Empecei no voluntariado con ESF no Programa de Coñecemento da Realidade no 2019 e funme liando ata agora.
No meu tempo libre gústame intentar cousas: intento cociñar, intento pintar, intento viaxar…

TESOURARÍA

Tomás Bande Sánchez

Enxeñeiro de Obras Públicas pola USC. Voluntario dende o 2010 na sede de Lugo e tamén Ourense. Despois dun primeiro paso pola xunta directiva coma vogal de Educación para o Desenvolvemento aló polo 2012, agora volvo a botar unha man coma tesoureiro.
Sempre disposto a unha boa vertebración esfeira!

VOGALÍA

María Consuelo Revilla Nebreda (Chelo)

Foi 2009 ou así cando engancheime a ESF desde a sede de Compostela, onde estudaba enxeñería química.
Empecei no grupo de sensibilización pola decolonización do Sáhara Occidental e no grupo de voluntariado. Despois duns anos seguindo a pista moi de cerca desde Alemaña, entrei no grupo xénero.
En ESF desfruto das prácticas comunitarias e antixerárquicas, dos encontros que dan sabor á vida e podo canalizar o dolor que sinto como enxeñeira pola arrogancia e avaricia do desenvolvemento tecnolóxico europeo e da nosa vida imperialista.
Sinto que con ESF estamos aí, e dunha forma moi sa, axitando conciencias, marcando límites e repartindo privilexios para promover un entorno no que cada quen poida ser.

VOGALÍA

Thais Pousada García

Voluntaria de ESF desde 2020, cunha vocación de traballo no eido das tecnoloxías para o ben común.
Son doutora en Ciencias da Saúde, Terapeuta Ocupacional e Enfermeira e o meu traballo sempre estivo ligado ás persoas con diversidade funcional.
O deseño de baixo custo aplicado aos produtos e tecnoloxías de apoio é a miña paixón profesional e persoal.
Encántame viaxar, descubrir e coñecer pobos e culturas, e tamén facer un pouquiño de manualidades nos ratos libres.

VOGALÍA

Mateo Gonzalez Cid

Son unha metamorfose entre clown e teleco, de alma maker e moi interesado en temas de electrónica ética e software libre. Levo en ESF oficialmente dende 2021 pero colaborando dende máis tempo atrás.
Flipame bailar sen filtro, os vinilos de tecno e pedir sempre o máis raro do menú.

VOGALÍA

María Jesús Sousa Martínez (Chus)

Voluntaria de ESF Galicia dende 2020.
Estudei agrónomos en Lugo e a miña primeira experiencia profesional foi como xoven cooperante no Salvador, nun proxecto de rega. Despois tiven diversas experiencias na investigación e na docencia e agora traballo na Xunta en temas relacionados coas denominacións de orixe.
Encántame senderear a pé ou en bici.

O Equipo Técnico de Enxeñería Sen Fronteiras

TÉCNICA ADMINISTRATIVA

Paola Mondaca González

Bióloga de formación, foi a primeira persoa contratada en Enxeñería Sen Fronteiras, en 2007. Os rexistros non teñen segredos para ela. Tamén encárgase de apoiar o control contable, xestión laboral, gastos e cartos en xeral, e aínda lle queda tempo para facilitar os grupos de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e o Programa de Coñecemento da Realidade.

TÉCNICO DE PROXECTOS EN GALICIA

Sergio Fernández Alonso

Enxeñeiro de Montes de formación, aínda que tamén me formei en facilitación de grupos, cooperación internacional, educación para o desenvolvemento e comunicación para o cambio social. Fun voluntario dende 1998, e empecei xa como técnico de proxectos contratado en 2008.

Trato de dar apoio aos grupos de voluntariado para desenvolver proxectos de educación/sensibilización/cooperación internacional dende Galicia, e tamén de facilitar a comunicación externa e interna da asociación. Ademais, participo por ESF na Comisión de Incidencia Política da CGONGD e na Comisión de Educación para o Desenvolvemento.

Encántanme os xogos de mesa, ler (sobre todo ciencia ficción) e a música, tanto escoitala como (mal)facela. Ah, e teño un blogue para desfogar.

REPRESENTANTE PAÍS-HONDURAS

Raquel Zolle Fernández

Enxeñeira de Montes, que traballou durante 9 anos en temas de desenvolvemento rural na montaña lucense. Foi voluntaria de ESF, formando parte hai anos da xunta directiva (presidenta). Máis adiante, participou no Programa de Coñecemento da Realidade en Honduras, e posteriormente volveu ao país 6 meses nunha visita técnica de apoio a unha das asociacións hondureñas coas que traballamos. Xa en 2016 entrou como persoa contratada no posto de representante país Honduras. Agora xa case ten a dupla nacionalidade, tras máis de 7 anos no país.

ADMINISTRACIÓN EN HONDURAS

Lilian Elizabeth Lagos Rodríguez

En 2022 se incorporou para dar apoio de xestión de gastos e administración na nosa sede de Honduras.

Rina Guevara

Nova fichaxe en 2023 para dar apoio de seguimento de gastos de proxectos na nosa sede de Honduras.

TÉCNICA DE PROXECTOS EN HONDURAS

Sandra Fernández de la Cruz

Enxeñeira industrial pola Universidade de Vigo, aínda que pouco despois de rematar a carreira, xa me decatei de que o sector privado da industria non era cousa miña e que quería aproveitar esos coñecementos para seguir un camiño diferente do “establecido” . Por iso mesmo, decidín facer un Posgrado de Experta en Auga e Saneamento para a Cooperación Internacional. Estou en ESF dende 2023 apoiando en Honduras nos proxectos do país.

Encántame viaxar e a natureza, acostumo combinar estas duas cousas con actividades deportivas. As miñas fieis compañeiras a todas as miñas viaxes son as miñas botas de montaña e a miña mochila de trekking azul. Para despexar a mente o que máis aprecio é falar ca miña xente e de vez en cando, uns bailes ata deshoras tamén caen.

COORDINADOR DE CONVENIO MOZAMBIQUE

Víctor Penas López

Son Enxeñeiro de Montes especializado en cooperación internacional e recursos hídricos.

Con experiencia de traballo en Latinoamérica e África, dende 2013 coordino o programa de cooperación de Augas de Galicia coas administracións rexionais da auga de Mozambique, no que dende 2022 se integrou Enxeñería Sen Fronteiras.