Posts

Crónicas dende Honduras 2024: Martina 1

Xa chegaron a Honduras Martina e Sandra, as dúas primeiras participantes do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR). Irannos contando as súas experiencias en pequenas crónicas. Aquí deixamos a primeira de Martina, que viaxa co noso programa de Tecnoloxía para o Ben Común na Universidade, e co apoio dunha bolsa da Universidade de Vigo de mobilidade para estudantes para participar en proxectos e accións de cooperación ao desenvolvemento no curso 2023/2024.

———————————————————————–
Xa estamos en Honduras!!

Despois de meses de preparativos e formacións nos que víamos super lonxe a viaxe, como se nunca fose acontecer, de súpeto chegou o día, agarramos as maletas e alá nos fomos.

Chegamos o xoves 3 de xullo a Comayagua, onde Sandra, técnica de proxecto de ESF en Honduras xa nos estaba esperando. Fixemos noite alí e ao día seguinte puxémonos camiño a San Lorenzo, municipio do sur de Honduras dentro do Golfo de Fonseca, lugar que será o noso fogar nos vindeiros meses.

Estes primeiros días foron canto menos intensos. Polo de agora estou levando ben a calor húmeda deste clima tropical seco, bebendo moita auga, comendo moita froita, ben de crema de sol e gorra, e escapándolle ao sol na calle así que vemos algunha zona de sombra. E polo de agora non tiven moito problema cos zancudos, como lle chaman aquí aos mosquitos, pero o dito, levamos pouquiños días e seguro que nas saídas a campo vai cambiar o conto. Vivimos tamén a primeira tormenta tropical onte a tarde, onde parecía que ía caer o ceo de tanto chover e os tronos metíanselle a un no corpo, pero así como chegou marchou. Faime moita gracia que chova todos os días á mesma hora, está xenial para facer a colada jejeje

Despois duns días aclimatándonos a este novo lugar xa probamos as famosas baleadas, tan recomendadas polas PCR do ano pasado (moitas gracias Celia e Sofía!) que son tortillas de millo nas que extenden unha capa frijoles machacados e sobre ela poñen o que queiras, no noso caso sendo vexetarianas levaban plátano frito e queixos, pero habémolas probar tamén con aguacate e ovo revolto, que cos nervios das primeiras interaccións non nos decatamos de todo canto había para poñerlle.

Quizáis o que máis nos chocou a ámbalas dúas foi a cultura do piropo. Os primeiros días de paseo polas rúas foron duros, voltabamos bastante tensas ao apartamento. Está moi normalizado que os homes solten piropos de todo tipo, e ata pitidos dende coches e motos, e pese a que as rapazas e mulleres catrachas (hondureñas) coas que o comentamos dixéronnos que é o normal, creo que é algo ao que nunca nos habituaremos.

O luns presentámonos a CODDEFFAGOLF, unha das copartes coa que ESF traballa en Honduras e con quenes faremos a maioría das actividades. Paréceme incrible coñecer á xente que está detrás dos proxectos que ata agora lía no Boletín Esfeiro.

O mércores fixemos a primeira incursión a terreo, visitando a comunidade de Sartenejal para ver os avances na obra do tanque de auga (na foto de portada vese a zona do tanque e por onde baixarán tubaxes) e coñecer parte do persoal técnico de NASMAR (outra das copartes) que estaba realizando formación en estación total na zona. Con este aparello miden ángulos, distancias e coordenadas e con el crean os mapas que logo se empregarán no deseño da colocación das vías que levarán a auga dende o tanque ata as vivendas. Tamén tivemos a sorte de coñecer a doña Jacoba, a presidenta da xunta de auga de Sartenejal. Ela contounos o traballo que foi sacar adiante este proxecto de auga, pois xa levan nas costas uns vinte anos de esforzos buscando financiamento da municipalidade, na que os fondos anuais que teñen para invertir nestos temas son moi reducidos, e de concienciación na veciñanza sobre a importancia de poñerse de acordo para loitar xuntxs para ter máis voz. Ata o de agora abastécense de auga mercada que lles consume prácticamente a metade dos seus ingresos mensuais e tamén de auga de pozos artesanais, que teñen pouca profundidade e polo clima desta zona están secos uns seis meses ao ano. Unha situación insostible. Contounos que sobre o 2017 conseguiron reunir fondos para furar un pozo, pero ao non ter a infraestructura de bombeo, almacenamento e distribución, que precisaba unha maior inversión, tiveron que sellar o pozo. Nos últimos anos coñeceron a NASMAR que, co apoio de ESF e o financiamento de AECID, comezou este proxecto para crear un tanque de auga no que almacenar a auga extraída por bombeo do pozo e que por gravedade leve auga a cada vivenda.

Ata a seguinte crónica!

Sistema de abastecemento e formacións de xénero no Sartenejal, Honduras

Dentro do programa de Promoción e defensa do dereito humano á auga en Honduras e, máis concretamente, no proxecto de mellora da xestión pública e social que financia a Agencia Española de Cooperación para el Desarrollo, estase avanzando na construción do sistema de abastecemento de auga na comunidade El Sartenejal (municipio de Nacaome).

Xa se ten case rematada a estrutura do depósito e, en paralelo ás obras (onde tamén colaboran as persoas da comunidade), unha das técnicas da Mancomunidade NASMAR do proxecto, está a impartir as formacións sobre xénero na comunidade. É un xeito de ir introducindo este tema, que pode ser complicado de abordar nalgúns contextos, aproveitando a relación xénero-auga (coidados, traballo desigual de acarreamento de auga, etc.).

Por outra banda, aproveitouse para facer unha formación a persoal técnico de distintos concellos da NASMAR no manexo de estación total. Foi ademais unha das primeiras saídas de Martina e Sandra, participantes no programa de voluntariado internacional de coñecemento doutras realidades (PCR) deste 2024, que chegaron a semana pasada.

Xogos e dinámicas para a transformación social

O pasado día 29 de xuño xuntámonos para xogar, coa excusa da formación presencial que varias das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades ían realizar antes de marchar esta mesma semana. Queremos compartir aquí algo do que fixemos.

A Educación Popular, moi común en latinoamérica, tardou máis en chegar aos nosos lares, pero ao partir dunha filosofía de educación moi enfocada á participación e á experimentación empática, é ideal para transmitir valores e actitudes (que é o obxectivo básico da educación para a cidadanía global e a transformación social emancipadora).

A ludopedagoxía ten orixe na educación popular, e parte dunha base interesante: mentres se xoga, non importa de onde ves ou se te coñezo dende hai 5 minutos, e o proceso permite atisbar como podería ser un mundo mellor. Aquí se pode atopar unha boa referencia deste enfoque.

Na nosa xornada, que fixemos grazas ao financiamento con axudas da Xunta de Galicia con fondos da casiña solidaria da declaración da renda, tiñamos os seguintes obxectivos:

  • Mellor coñecemento do grupo
  • Introducirse un pouquiño en dinámicas e xogos transformadores que permitiran reflexión empática sobre diversas realidades
  • Coñecer máis sobre o traballo de ESF
  • Pasalo ben

A xornada tivo varios bloques

PRESENTACIÓN

Para isto empregamos unha rolda de presentación curtiña e, a continuación, fixemos a dinámica do reloxo, que se pode coñecer aquí. Só tivemos dúas horas para cita, onde por parellas falaron de:


Ás 3: algo que me gusta facer ou se me da ben
Ás 6: recomendación artística de calquera tipo, que teña certa compoñente de dereitos humanos ou transformación social emancipadora. Neste caso logo compartimos en plenario o que saiu, cada persoa o que lle recomendou a súa compañeira de cita (recomendacións que foron dende o blues como estilo musical, o comic-película-serie Snowpiercer, a película Nadadoras, algún libro de decrecemento de Carlos Taibo, a serie Supa Team 4 (Las Super 4), un vídeo escolar sobre medio ambiente e reutilización…).

PRIVILEXIOS

Para reflexionar sobre privilexios empregamos a dinámica Un paso adiante, que se pode ver aquí detallada.

EMPATÍA

Aquí xogamos a Os zapatos da outra. Coas participantes formando unha liña, descalzámonos e deixamos os zapatos diante nosa. Damos todas un paso á esquerda (a última persoa da liña pasa ao extremo contrario á dereita). Así todas estamos diante de zapatos que non son os nosos.Tratamos de calzárnolos. Logo tratamos de camiñar con eles en círculo pola sala (algún tivo sorte co que lle tocou, pero outras non puideron nin calzarse…)

GALICIA-HONDURAS

Neste caso probamos un xogo de cromos-cartas son persoeiros relevantes de Galicia e Honduras (da arte, ciencia, humanismo e activismo) que, de xeito colaborativo, se unían para resolver problemas de distintos tipos. Estamos aínda desenvolvéndoo, pero pronto deixarémolo dispoñible!

SECTORES E FILOSOFÍA DE TRABALLO DE ESF

Neste caso probamos o xogo colaborativo Tech4All, que desenvolvemos tamén en ESF, e consiste en abordar 5 sectores clásicos de traballo de ESF (auga, enerxía, alimentación, TIC e educación crítica) empezando polas actividades máis básicas para tratar de ir buscando enfoques máis transformadores. Está baseado no xogo Hanabi, e este si que o deixaremos libre en breve.

AVALIACIÓN

Aquí empregamos primeiro a coñecida dinámica do termómetro, que se pode usar en moitos contextos. Ante unha pregunta ou afirmación, ás persoas se colocan nun lado ou outro da sala segundo a resposta que dan, con toda a gradación desexada polo medio. Na nosa sesión, as 2 preguntas foron:
• Esquerda quen aprendeu moito, dereita quen non aprendeu nada (aquí houbo bastante tendencia á esquerda)
• Esquerda quen o pasou moi ben, dereita que nah… (aquí houbo concentración total na parte máis esquerda da sala :D).

A continuación fixemos a dinámica da diana. Tiñamos debuxada unha diana con tantos sectores (quesiños) como dimensións a avaliar. Quedara un sector sen asignar, por se alguén que tiña algún obxectivo persoal quería tamén avalialo (neste caso, incluiuse aprendizaxe sobre Honduras). Logo as participantes pegaron pegatinas en cada sector para amosar en que medida consegueuse cada obxectivo (canto máis no centro da diana en cada sector, máis grao de consecución do obxectivo). Neste caso:

  • Mellor coñecemento do grupo
  • Experimentar dinámicas e xogos transformadores
  • Coñecer máis sobre o traballo e proxectos de ESF
  • Pasalo ben
  • Honduras (o engadido)

Na imaxe pódese ver como os máis acadados foron os de coñecementos de dinámicas e pasalo ben, mentres que no de afondar no coñecemento sobre Honduras non se acadou tanto (iso en breve terá arranxo, cando estean aló!)

Aberto prazo para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. PCR 2024

Como cada ano por estas datas, abrimos o prazo para solicitar unha das 3 prazas do noso Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (ao que chamamos agarimosamente PCR).

Trátase dunha experiencia inmersiva de educación para a cidadanía global, coñecendo o traballo nos proxectos que apoiamos no sur de Honduras, coas organizacións hondureñas coas que colaboramos. Hai unha formación e integración previa, cunha estancia no verán de 2-3 meses na que ESF Galicia se fai cargo de viaxe internacional, seguro e aloxamento, para á volta contar co testemuño de primeira man das participantes en actividades de sensibilización.

Este ano o programa conta con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, e tamén dos Fondos IRPF da Xunta de Galicia.

Pódese solicitar dende o 22 de xaneiro até o 15 de febreiro.

Calquer persoa maior de idade pode solicitar praza.

Aquí se pode consultar as bases, requisitos valorables e prazos.