NOVO PROGRAMA: Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1.

Dende a súa fundación en 1993, Enxeñería Sen Fronteiras veu traballando como unha das súas liñas de traballo fundamentais a creación dunha cidadanía crítica, facendo especial énfase no uso da tecnoloxía para o desenvolvemento humano e o ben común.

O enfoque de “Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano” (ou para o ben común e a emancipación, como vimos denominándoo ultimamente), parte de cuestionar o uso histórico da tecnoloxía e apostar por unha tecnoloxía participativa e non excluínte que permita lograr a equidade e a xustiza social cun enfoque de ben común. Este enfoque comprende os coñecementos, mecanismos e estratexias que fan que certas solucións técnicas potencien a calidade de vida das persoas de xeito inclusivo. Para isto é necesario entender a tecnoloxía non coma un fin en si mesmo, senón coma un medio, e dentro dun contexto social, económico e cultural.

Con este novo programa quérese impulsar o concepto de tecnoloxía para o ben común na docencia da comunidade educativa do ensino secundario galego de base tecnolóxica.

Para conseguir este obxectivo, o eixo principal do proxecto que será a súa Fase 1, é o inicio dun traballo, con vocación de continuidade, con 3 centros piloto de ensino secundario, fora das 7 grandes cidades galegas, en 3 provincias distintas: Celanova, Mondoñedo e Curtis. Tamén se quere facer traballos puntuais noutros centros, que permitan ir ampliando a rede e dando a coñecer a iniciativa, apoiándose na asociación APETEGA, en cuxa asemblea de primavera 2022 se presentou o proxecto.

Por que o nome de Hackers Sen Fronteiras? Queremos reivindicar a curiosidade, o empoderamento tecnolóxico e o cuestionamento á propia tecnoloxía sen renunciar a ela que impulsa a este movemento (e que fixo que se vira cuestionado e perseguido, como se conta neste artigo).

Deste xeito, no programa hai tres grandes liñas de traballo:

  • Liña profesorado, especialmente enfocado ao profesorado de tecnoloxía ou a aquelas accións de centro nas que a tecnoloxía teña un papel destacado. Tratarase de acompañar e dar apoio a prácticas docentes con enfoque de cidadanía global, dado o papel clave ao ser multiplicadoras cara o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes que poden fortalecer e poñer o foco nos dereitos humanos e o ben común. Nesta liña impulsaranse apoio en ferramentas didácticas, creación participativa de novas ferramentas, análise de materiais xa existentes vendo como incorporan a perspectiva de tecnoloxía para o ben común, e a participación no programa de coñecemento da realidade de países onde ESF traballa en cooperación ao desenvolvemento dunha persoa docente (prioritariamente, dos centros piloto).
  • Liña alumnado, polo interese de ESF en promover un alumnado crítico e mobilizado, que poida participar máis aló das accións académicas formais e vaia obtendo unha base que impulse a súa cidadanía activa. Se se consegue alumnado implicado e sensibilizado coa cidadanía global e o ben común, no seu día a día futuro (tanto persoal como profesional) tamén poderán ser axentes de transformación. Se propón un catálogo de até 20 faladoiros/obradoiros de curta duración nos centros piloto participantes, que se agrupan en packs ou itinerarios temáticos (que dende o centro poden escoller para distintos cursos). Este catálogo tamén estará dispoñible para outros centros que xa amosaron interese, e outros que poidan xurdir. Ver aquí catálogo e itinerarios. Tamén se traballará en impulsar algunha acción en cada centro piloto que teña un maior recorrido e, sobre todo, maior protagonismo por parte do alumnado (e o profesorado), á que se coñecerá como Comandos Hacker.
  • Liña creación de rede, polo interese en visibilizar o traballo que se desenvolverá co proxecto (e outros na mesma liña que se puideran estar xa desenvolvendo). Se impulsará a creación dunha rede ou grupo de traballo de profesorado no eido da tecnoloxía para o ben común, así como un encontro de alumnas interesadas na tecnoloxía dos distintos centros participantes a modo de rede, e un Premio Hackers Sen Fronteiras a iniciativas docentes de tecnoloxía para o ben común en secundaria.

En 2022-2023 levantarase unha liña de base para estudar en que medida ese enfoque alternativo da tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos é coñecida na comunidade do ensino secundario tecnolóxico galega e que acollida ten.

Cabe mencionar o enfoque de xénero que se pretende incluír neste proxecto, dado que a fenda en estudos técnicos comeza xa a notarse no ensino secundario, ten unha importancia (e dificultade) especial, tanto na participación, como na co-responsabilidade do proxecto, como no comité de seguimento e as accións concretas. A rede mencionada de alumnas, varios obradoiros (como os impulsados dentro do programa de mulleres tecnólogas para o ben común) e propostas de traballo no eido da fenda de xénero na tecnoloxía (incluindo un pack), ou un apartado específico da liña de base para entender mellor esa fenda nos estudos tecnolóxicos son algúns dos elementos incorporados.

ESF pretende coas súas actividades a xeración dunha cidadanía global crítica e comprometida coa loita contra a pobreza a través da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, para o cal terá en todas elas un protagonismo destacado o voluntariado da nosa base social, como co-responsable do seu deseño, execución, seguimento e avaliación, tendo persoas colaboradoras dentro do profesorado e tamén entre as persoas que impartirán obradoiros de distintas temáticas.

5 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] Superior de Enxeñería de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do proxecto Hackers Sen Fronteiras, que se levaba xa dende mediados de 2022 desenvolvendo. A organización levouse a cabo por […]

  2. […] convocatoria enmárcase dentro do proxecto “Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de…“, financiado pola Convocatoria de Accións de Educación para o Desenvolvemento 2022 da Xunta […]

  3. […] na Educación Secundaria, onde contamos con algún do profesorado que colabora con ESF no programa Hackers Sen Fronteiras.Este mes, aproveitando o evento de tecnoloxía libre AtlanticaConf, xa comentada no pasado BOE, […]

  4. […] no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás […]

  5. […]     Este mes, por segundo ano consecutivo, tivemos a sorte de participar na Asemblea da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (cun obradoiro de licenzas libres e bancos de reciclaxe con software libre para impulsar nos institutos, e un pequeno espazo na Asemblea Xeral para presentarnos e falar do programa Hackers Sen Fronteiras).  […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.