Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2019


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • Publicacións en físico
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Empezamos novembro con forza, no encontro da Federación Española de Ingeniería Sin Fronteiras (máis coñecido como “a Cósmica“). Despois, na finde do 23, celebramos a nosa Asemblea Extraordinaria do Outono en Santiago de Compostela, onde definimos varios temas de gran interese para os vindeiros anos da asociación, e que terá como culminación a Asemblea Extraordinaria de aprobación da Planificación Estratéxica a finais deste mes de decembro. Nela aproveitamos para adherirnos ao Manifesto Galego polo Clima.

    Ademais, tivemos a visita a Galicia de Lucía e Doris, dúas valentes defensoras da terra contra prácticas extractivas como a minaría, a camaronicultura ou as plantas fotovoltaicas no sur de Honduras. Algún medio de comunicación se fixo eco da visita. Por outra banda, en novembro naceu o podcast ESFRadio, aquí podes escoitar o primeiro episodio, onde Patricia e Irene entrevistaron a Lucía e Doris, por se non puidestes asistir a ningún encontro con elas.

    O 29 de novembro, no no VIII Congreso de Cooperación Universitaria al Desarrollo, estívose a presentar a rede de profesorado técnico en cooperación das tres universidades galegas que se está a impulsar coa nosa colaboración e a de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia. No grupo da ETSE-Compostela temos artistas que nos obsequian con viñetas que nos fan pensar como esta.

    Tivemos tempo tamén de recoller o cheque do obtido no concerto solidario que organizou a Universidade de Vigo a beneficio do programa de auga de Enxeñería Sen Fronteiras. Reiteramos dende aquí o noso agradecemento e, sobre todo, a aposta que está a facer a UVigo en impulsar accións de educación para o desenvolvemento máis aló deste concerto.


HONDURAS

    En Honduras, puidemos ver novos avances no programa de promoción do Dereito á Auga, onde as comunidades que van contando coa ferramenta de planificación dos recursos hídricos van acadando apoios e financiación para poder chegar nalgún momento ao 100% de cobertura de auga mellorada e saneamento en todos os municipios da Mancomunidade NASMAR, o gran obxectivo ao que queremos contribuir.

    Ademais, están xa dispoñibles as meta-avaliacións da parte financiada pola Xunta de Galicia dos programas de Dereito Humano á Auga e de Dereito á Alimentación con enfoque de soberanía alimentaria entre 2010 e 2017.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


PUBLICACIÓNS EN FÍSICO

(se che interesan, están no local de A Coruña ou fácilmente accesibles, e as persoas da base social de ESF poden solicitalas para préstamo).

Aquí podes ver moitas das publicacións que temos disponibles para préstamo á base social xa catalogadas e, se che interesan estes temas, tamén podes consultar o catálogo da biblioteca da Coordinadora Galega de ONGD, con moitos fondos que ceden para préstamo.

Este mes:

  • A Mina Contamina. Pinga e Lavandeira. Unidade didáctica sobre os perigos da minaría depredadora

E NO PRÓXIMO MES …

    Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais Facebook, InstagramTwitter.


A ESF-RASE DO MES

A tecnoloxía poderíanos levar a unha relación cooperativa máis profunda, pero se emprega para a explotación dos usuarios.

Manuel Rivas

Visita de Teresa e Basilia, as mulleres da auga

Teresa Huete e Basilia Palma son dúas mulleres do sur de Honduras, das aldeas de Matapalos Abajo (municipio de El Triunfo) e Cerros de Moropocay (municipio de Nacaome) respectivamente. Elas teñen ampla traxectoria na xestión comunitaria da auga (onde o estado non chega), e forman parte de AHJASA, unha organización da zona, coa que ESF leva colaborando dende o 2014 no programa de promoción do Dereito á Auga en Honduras. Trátase dunha zona de trópico seco, con economía de subsistencia, onde as mulleres non soen tomar parte moi activa da vida pública.

Teresa e Basilia estarán en Galicia entre o 9 e o 15 de decembro, dentro dun proxecto que chamamos Coidadoras da Terra, financiado pola Xunta de Galicia (polo cal outras 4 mulleres a maiores estiveron visitando Galicia, dúas marisqueiras e outras dúas defensoras da terra contra o extractivismo depredador), que pretende visibilizar ás loitas das mulleres e poñelas en contacto con iniciativas da sociedade civil galega. Unha sorte de intercambio de experiencias e coñecementos, e ver que as loitas son comúns porque hai algo común na depredación dos recursos en todo o planeta (aínda que poñendo tamén o ollo nas diferencias a nivel lexislativo e de protección dos dereitos humanos nuns sitios e outros para unir loitas e que non se quede nun “cada un pelexar polo seu”), todo elo coa perspectiva de xénero. Por iso en Galicia, para esta visita, estamos en coordinación coa asociación COXAPO, que é para nós como a AHJASA galega.

A axenda das visitas será a seguinte, as palestras serán todas abertas ao público, nun formato de conversa e encontro:

  • O luns 9 pola tarde será día de paseo en A Coruña.
  • O martes 10 pola mañá, ás 10:15, palestra aberta no salón de graos 2 da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Coruña, palestra “Problemas de xestión da auga en zonas rurais. Casos de Galicia e Honduras”, onde teremos ocasión tamén de partillar con Carlos Ameijenda, (director do proxecto Life de Abegondo, concello onde hai varias experiencias moi exitosas de xestión comunitaria da auga) e Acacia Naves (profesora na Escola de Camiños, experta en hidroloxía subterránea e colaboradora de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia).
  • O mesmo martes ás 13h estaremos grabando o episodio 2 de ESFRadio, con Basilia e Teresa como invitadas especiais.
  • Xa pola tarde, ás 19:30, na Escola Politécnica Superior de Ferrol, e dentro da semana de Dereitos Humanos que organiza a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña, haberá un encontro con elas para falar da “Dereito á auga nas comunidades rurais do sur de Honduras”.
  • O mércores 11 será o primeiro día de visitas a campo, coordinadas por COXAPO. Comezaremos pola zona de Moaña e a nosa intención e poder visitar as comunidades de usuarios de Pálmas-Costa  e Meira de Arriba aproximadamente con 400 usuarias  cada unha (1200 persoas abastecidas). Posteriormente iríamos á zona de Vilaboa a visitar alguna comunidade mais pequena.  Posteriormente se nos dese tempo iríamos a visitar unha traída que está renovando todas as instalación para que vexan o proceso. De camiño a Tomiño pararemos ainda nunha traída de Rebordáns, que está situado no parque natural Monte Aloia.  Para rematar o día cearemos en Tomiño falando sobre como se xestionan as comunidades, por que lexislación se rixen tanto autonómica como os seus propios estatutos, etc.
  • O día seguinte, xoves 12, visitaremos as comunidades de Tomiño ( primeiro concello que promoveu a autoxestión), onde naceu Coxapo,  e iremos visitar dende unha comunidade moi pequeniña e aislada ( Vilachan do Monte) a comunidades como Mosteiro, Tomiño, Estás (onde está a sede de coxapo, e foi case o proxecto piloto antes de poñer o sistema en outras traídas) ou Goian, que é a mais grande con 1200 usuarios ( aproximadamente 3500 persoas abastecidas). Teremos tamén reunión de traballo para ver a viabilidade de conseguir fondos europeos e demostrar que é viable este sistema de autoxestión de abastecemento e, en moitos casos, a única vía alternativa. Estarán presentes en todo momento usuarias de comunidades de auga contando a experiencia de autoxestión.
  • O venres 13 ás 12h teremos na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela a palestra “Experiencias en xestión comunitaria e autoxestión da auga en Galicia e Honduras”. Alí nos acompañarán tamén persoas de COXAPO, que nos darán a visión do que ocorre en Galicia.
  • O sábado teremos un encontro informal con Teresa e Basilia (lugar e hora por determinar).
  • O domingo, a pasear e relaxarse por Santiago, que hai que ter tempo para todo e xa terá sido unha intensa semana!

Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras

Entre os pasados 11 e 17 de novembro tivemos connosco en Galicia a Doris e Lucía, dúas mulleres hondureñas que, nas aldeas de San Bernardo (municipio de Namasigüe) e Aguas Calientes (municipio de El Triunfo) respectivamente, fan fronte a amenazas de depredación dos recursos naturais da comunidade. Esas loitas están apoiadas por unha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo con asesoramento legal, protección das persoas, escola de activismo e mobilización sociocomunitaria. Aquí anunciabamos a súa visita, dentro do proxecto Defensoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Foi unha semana moi densa, con algúns problemas na viaxe que reduciron a súa estancia, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 11 de novembro, tivemos a última hora un encontro relaxado na libraría Os Mundos de Carlota, en Santiago de Compostela, onde nos trataron super-ben.

O martes 12 a primeira hora da tarde voltamos, tras varios anos, á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde ESF naceu hai xa máis de 26 anos. Alí compartimos con profesorado e alunado das Escolas de Telecomunicación e de Minas-Enerxía un encontro onde se tratou de chamar a atención sobre os impactos da extracción deses minerais tan prezados para a fabricación de dispositivos electrónicos, e que as futuras profesionais sexan conscientes das implicacións sociais e ambientais que pode xenerar un hiperconsumo.

O mércores 13 pola mañá foi momento de pasear por Santiago. O clima acompañou e, trala comida, puideron coñecer a unha activista en temas de defensa da terra de gran traxectoria en Galicia, Macamen, da Compañia de María.

As 18:30 tivo lugar a palestra sobre as ameazas da minaría depredadora en Galicia e Honduras, na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Santiago, onde Doris e Lucía compartiron conversa con Nela e Lupe, da rede Contraminacción. Tiveron tempo aínda de viaxar a última hora a Coruña, onde ao día seguinte terían unha densa axenda.

O xoves 14 a media mañá o Centro de FP Tomás Barros recebeunos para que alunado do centro coñecera de primeira man as experiencias de Lucía e Doris, ademais de presentar o documental “Las Semillas de Berta”, das compas de Entrepueblos. Despois aínda tiveron tempo de facer unha visita en Coruña, a pesares do mal tempo.

Pola tarde, ás 19, produciuse o encontro público no Centro Cívico Cidade Vella en A Coruña organizado por Entrepueblos, Ecoloxistas en Acción, Asociación M e Enxeñería Sen Fronteiras, onde tamén se presentou o documental mencionado e houbo un interesante coloquio con Doris e Lucía.

No venres 15 antes da comida Doris e Lucía foron entrevistadas por Irene e Patricia (voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras), para o primeiro episodio de ESFRadio, o podcast de ESFGAlicia, que produce Jorge, tamén voluntario de ESF.

Despois de comer, achegámonos ao Monte Neme, onde Adrián, da Plataforma Monte Neme, amosounos o lugar e contounos algo da historia da paraxe e as problemáticas que a rodearon dende a súa época como mina de wolfram até as máis recentes como canteira (e moitas delas seguen aí pola deixadez das distintas administracións). Xa anoitecido, achegámonos á sede da Asociación Senda Nova, onde dentro do seu programa de Encontros con Activistas, puideron falar con Doris e Lucía sobre a defensa da terra contra as diversas ameazas relacionadas con actividades depredadoras cos recursos (piscinas de cría de langostinos, plantas de enerxía fotovoltaica e minaría metálica).

O sábado 16, último día de estancia, foi día de visita á Mina Touro, onde Isabel, do Movemento Mina Touro-O Pino NON, amosounos distintas zonas da mina e a súa problemática socio-ambiental de contaminación da auga ou cheiros polo emprego de lodos de depuradoras para a restauración dalgunhas zonas da mina, para logo rematar do mellor xeito posible, no Magosto Anual contra a Mina, que xa vai pola terceira edición. Esperamos que a do ano que vén sexa o Magosto do Fin da Mina!!