CONTIDOS
- Vida Asociativa
- Honduras
- Mozambique
- Enlaces de interese
- Recomendación artística
- E no próximo mes …
- A ESFrase do mes
VIDA ASOCIATIVA
Como parte do convenio asinado coa Universidade de Santiago para desenvolver accións formativas na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Compostela, o pasado mes de marzo tivemos 4 faladoiros e obradoiros dentro da materia Aula Profesional (un deles, un repair café, que se fixo ao lado da cafetería). Tamén en Ferrol e A Coruña se apuntaron a repair cafés, aproveitando as actividades do Marzo Ambiental da UDC. Ademais, no Banco da Coruña, comezou o curso de 35 horas de Reparación e mantemento básico de equipos informáticos. Tivemos encontro de persoas da Rede Galega de Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, cunha representante de Repair Café Lisboa.
Vinculado ao programa Hackers Sen Fronteiras en secundaria, o grupo de Mulleres Tecnólogas para o Ben Común tivo un encontro de reflexión e autoformación. Houbo un faladoiro en Mondoñedo sobre As redes sociais libres: o Fediverso, a cargo de Lucía (invitadas pola asociación de profesorado de tecnoloxía de Galicia, APETEGA, na súa xuntanza), e outro sobre Videoxogos Serios a cargo de Luz Castro no IES Mondoñedo (a partir da cal a rapazada desenvolverá videoxogos, xa están niso!).
No programa de ESF no eido profesional, tivemos un encontro en liña pensando en como visibilizar a importancia da transición ecosocial no ámbito profesional da enxeñería e a tecnoloxía.
Como parte do traballo en rede, estivemos nun encontro ben interesante con activistas pola soberanía alimentaria, invitadas polas compas do Sindicato Labrego Galego.
Pero seguramente a actividade estrela foi a Asemblea de Primavera e xuntanza da base social de ESF, na que aproveitamos para coñecer a iniciativa de Rural Hackers e participar nun repair café rural en Anceu.
HONDURAS
Organizouse tamén un obradoiro de contabilidade básica con grupos de mulleres marisqueiras, dentro do proxecto que está a rematar de fortalecemento da actividade marisqueira no sur de Honduras. TAmén como parte deste fortalecemento aos grupos, houbo formación sobre boas prácticas pesqueiras. Houbo un encontro da Mesa de Seguridad Alimentaria do municipio de Nacaome. Ademais, tivemos visita institucional aos proxectos, de representantes da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e da Oficina de Cooperación da AECID.
MOZAMBIQUE
No mes de marzo traballouse na elaboración e peche dos informes técnicos e financeiro do proxecto do ano anterior e comezouse a coordinación para a visita de persoal da Administración Rexional da Auga do Centro de Mozambique a Galicia do mes de xuño. Continuouse traballando na monitoria da seca, a análise de precipitacións e o estado de encoros coas 3 Administracións Rexionais da Auga de Mozambique, e avanzouse no peche do TFM dun mestrado en hidroloxía dun alumno da UEM en Maputo que se está a co-tutorar dende o proxecto, así como na selección e análise preliminar das novas bacías nas que se traballará con inundacións coas ARAs Sul e Centro. No mes de marzo tamén houbo unha charla la Facultade de Física da USC sobre cooperación, secas e inundacións en Mozambique. Ademais, se sacou a praza para consultoría técnica de fortalecemento en xestión de eventos extremos.
ENLACES DE INTERESE
Activismo e persoas
Auga
Consumo responsable
Cooperación e ONGD
Educación para o desenvolvemento
Enerxía e cambio climático
Iniciativas
Investigación para o desenvolvemento
Mundo
Pobreza e exclusión
Políticas e modelos de desenvolvemento
Soberanía alimentaria e defensa do territorio
Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)
Tecnoloxía para o desenvolvemento humano
RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA
Este mes queremos facernos eco dunha exposición que se fai lonxe, en Tegucigalpa: Voces de niñas: el arte que denuncia.
E NO PRÓXIMO MES …
Temos un novo apartado na nosa páxina web, onde se pode ver a axenda de próximos eventos ESFeiros ou que nos parecen interesantes pola temática. Ademais:
A ESF-RASE DO MES
Quizais sexa hora de analizar estes feitos [malas prácticas das multinacionais extractivistas] non tanto como desviacións, senón máis ben como a normalidade da desmesura capitalista
Eduardo Romero, no moi recomendable libro ¿Cómo va a ser la montaña un dios?