Posts

Boletín Oficial ESFeiro: marzo 2024

Se prefires a versión sonora, aquí a tes resumida no Boletín Sonoro de ESFRadio.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   No día dos humidais lembramos o artigo de ESF publicado en 2016 sobre o manglar no golfo de Fonseca e as súas problemáticas, que non cambiaron moito neste tempo no que ten que ver co control da contaminación ou o risco de cambio climático (si mellorou algo a coordinación institucional). Nese artigo baseamos este video que foi o inicio da campaña Mulleres Bravas 2024 (próximamente chega a visita de 2 activistas, como podedes ver na axenda de eventos máis abaixo). Tamén tocamos o tema da minaría a ceo aberto, cuxas malas prácticas ameazan tanto a Honduras como a Galicia, así como o problema da contaminación do mar. Dentro desta defensa da terra, o 20 de febreiro, apoiamos a xornada de loita labrega.

    Tivemos a boa nova de que, un ano máis, estaremos na ESlibre cun faladoiro ben interesante de tecnoloxías libres para reducir o impacto ambiental das TIC.

    Dende algúns medios fixéronse eco das recomendacións que a Valedoría do Pobo está a facer a algúns concellos que aínda non mandaron a información pública sobre abastecementos públicos de auga, que requerimos para o proxecto do Visor de Abastecemento de Galicia.

    Tamén tiveron lugar varios faladoiros en institutos de secundaria (como o de mulleres tecnólogas, con Uxía en Sada ou Acacia en A Coruña e Culleredo), na universidade (en Camiños, coa mesa redonda sobre habitabilidade e dereito á auga con varias ONGD que traballamos nestes temas), e un Repair Café en A Coruña en colaboración coa ONG Por qué no. Foron grazas aos proxectos financiados con fondos IRPF e Cooperación Galega.


HONDURAS

    No proxecto de fortalecemento da actividade marisqueira que está rematando, dentro do programa de soberanía alimentaria, e grazas a actividade de incidencia dos grupos organizados de mulleres marisqueiras, conseguiuse que unha brigada médica do sistema nacional de saúde fixera diversas probas médicas a mulleres das comunidades costeiras, apoiándose co material preciso dende o proxecto.
    Dentro doutro programa que temos en marcha no país, o de Dereito Humano á Auga, no proxecto de promoción da xestión comunitaria da auga, financiado pola Cooperación Galega da Xunta, houbo moita actividade, aproximándose o peche do proxecto. Difundiuse un bonito vídeo sobre a cunca do Río Laure, sobre a que se estivo a traballar. Ademais, impartíronse os dous primeiros módulos do proceso formativo que se está a levar a cabo para persoas das comunidades e persoal técnico de AHJASA, un sobre Marco Legal e políticas hídricas, e outro sobre como é o proceso en Honduras para declarar unha micro-cunca. Tamén se entregou material didáctico en 10 centros educativos da microcunca do río Laure.
    Tivo lugar ademais un obradoiro sobre xestión de proxectos para persoal técnico da Mancomunidad NASMAR, impartido por persoal de ESF.


MOZAMBIQUE

    No mes de febreiro traballouse na formulación das accións da nova fase do convenio, que estará centrada en eventos extremos e na cal se traballará coas 3 Administracións da auga de Mozambique (ARAs) en accións relacionadas coa monitoria da seca (dándolle continuidade ás actividades da fase anterior). Tamén se traballará coa análise de inundacións mediante a realización de estudos, empregando un modelo hidrolóxico-hidráulico integrado (utilizando o software gratuíto IBER) e alimentado con bases de datos globais de libre acceso. Ademais destas accións, nesta nova fase daráselle continuidade as actividades de sensibilización e divulgación en Galicia.
        Por outra banda, con base no estudo realizado co apoio do grupo GEAMA da UDC para a ARA Sul en relación ás inundacións do 2023 na bacía do río Umbeluzi, realizouse unha publicación na revista Natural Hazards and Earth System Sciences. Nela, póñense en valor a alto nivel -a revista é das de maior impacto en desastres a nivel internacional-, as metodoloxías empregadas para estudos de eventos extremos en contextos de cooperación con medios e recursos escasos, como ocorre en Mozambique.    A principio de febreiro ademais tivo lugar unha xuntanza do grupo de Mozambique, en Compostela, para coñecer de primeira man o traballo realizado nas estancias de Víctor e Manuel a finais de ano.


ENLACES DE INTERESE

Activismo e persoas

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes vimos cunha poesía do poeta gazatí Hind Jouda titulada ¿Qué significa ser poeta en tiempos de guerra?


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O primeiro que coñecemos cando empezamos a coñecer cousas é precisamente o noso propio corpo. É a nosa primeira tecnoloxía porque é o noso primeiro territorio […]. As bruxas eran as mulleres que dominaban a técnica, porque sabían de herbolaria, coñecían os seus corpos […]. Descoñecemos ese primeiro territorio que habitamos […], a súa potencialidade, a súa forza. Eso de temerlle tanto ao corpo xusto como revertilo e que sexa o primeiro hack tamén. 

 Brujeria Hacker #TecnoLovers III. Darinka Lejarazu. Irene Soria Guzmán. Liliana Zaragoza Cano

O programa Mulleres Bravas ten nova páxina web

Queremos presentar a nova web do programa Mulleres Bravas, un programa que vimos desenvolvendo coa financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Alí por 2019 houbo un primeiro proxecto, Coidadoras da Terra, que foi o xermolo, no que 6 mulleres activistas de Honduras visitaron Galicia para traernos as súas historias de loita pola defensa do territorio, e doutro xeito de producir e de coidarse.

Xa en 2021, en colaboración con Amigas da Terra, e coas compañeiras de CODDEFFAGOLF e ADEPES en Honduras, tivemos a primeira fase “oficial” deste programa.

En 2023 comezamos a segunda fase, na que quixemos xa dotar ao programa dunha marca propia e afondar na importancia da rede e a acción comunitaria nas mulleres bravas. A isto axudounos AGARESO, que nos orientou tanto na nova imaxe do proxecto, como na nova web que agora presentamos.

Nesta nova web do proxecto atoparedes:
🟢Un repaso polo traballo realizado no 2021-2022
🟢Unha presentación das mulleres bravas participantes na primeira edición
🟢Libre acceso a tódolos recursos xerados ata o momento
🟢🔜Moi pronto, máis novidades e toda a programación e info deste ano, porque en marzo teremos visita de 2 activistas!!

BENVIDA Á NOVA WEB DE MULLERES BRAVAS!

🌐 https://mulleresbravas.gal/

Nova imaxe de Mulleres Bravas, a cargo de Iria Fafián

Boletín Oficial ESFeiro: febreiro 2024

    O vindeiro mes de febreiro celébranse as eleccións en Galicia. Dende a Coordinadora Galega de ONGD, da que formamos parte, saíron cinco propostas para o futuro da cooperación galega, que quixemos que os partidos incorporaran no seu programa. Queremos unha Galicia solidaria que aposte por un modelo sostible dende o local para o global, sen deixar a ninguén atrás.

A continuación te deixamos co BOE de febreiro 2024 e, por se prefires a versión resumida en podcast, AQUÍ a podes escoitar.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En xaneiro deixamos na nosa web unha pequena crónica do encontro de alumnas de secundaria dos centros piloto de Hackers Sen Fronteiras, que celebramos en decembro en Lugo. Alí falaron de posibles barreiras para decantarse para os estudos tecnolóxicos. Ademais, abrimos a convocatoria para solicitar Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR 2024). Pechará o 15 de febreiro. Por outra banda, presentamos xunto con Amigas da Terra e AGARESO a nova imaxe do programa Mulleres Bravas. Esperamos que vos guste!

    Tivemos a boa nova de que seguiremos traballando un ano máis cos Bancos de REciclaxe Electrónica, coa axuda de fondos de IRPF (a casiña solidaria da declaración da renda), coas compas de Ecos do Sur. Ademais, obtivemos da mesma fonte unha pequena financiación para dous proxectos máis, un para complementar o traballo coa comunidade universitaria máis tecnolóxica dentro do programa de ESF na Universidade, e outro innovador de traballo con entidades profesionais como colexios de enxeñería, así como persoas profesionais da tecnoloxía e enxeñería, promovendo a tecnoloxía para o ben común a estes ámbitos.


HONDURAS

    En Honduras, dentro do programa de soberanía alimentaria, despois dun período de certa escasez de semente de bivalvos, por fin puideron empezar os ensaios de cultivos en bolsas, co proxecto de mellora da actividade marisqueira. Tamén houbo xornadas de formación en ferramentas para organización e administración dos grupos de mulleres marisqueiras.

    Dentro do programa de Dereito á Auga, fixémonos eco da entrevista sonora a Wendy Reyes, a coordinadora técnica da Mancomunidade NASMAR, coa que este ano 2024 complimos 10 anos de traballo.


MOZAMBIQUE

En Mozambique retomouse o traballo nas ARA (Administraçoes Regionais da Água) e compartimos na web a crónica da visita de Manuel, o noso técnico en hidroloxía, que volveu en decembro tras un mes de estancia no país. Estivemos traballando tamén no deseño das accións para os vindeiros anos a partir das visitas de finais de ano.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes traemos a canción da artista mozambicana Sheila Jesuita, Em Maputo


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    O espírito de solidariedade humana e de afinidade con toda a vida fortalécese cando vivimos con reverencia ante o misterio do ser, con gratitude polo regalo da vida e con humildade con respecto ao lugar que ocupa o ser humano na natureza.

Preámbulo da Carta da Terra

Boletín Oficial ESFeiro: xaneiro 2024

Se prefires a versión podcast resumida deste boletín, aquí podes escoitala.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    Decembo veu movidiño. Xunto a máis dun cento de entidades ecoloxistas e sociais, apoiamos o manifesto rexeitando a Axenda Mineira da Xunta por criminalizar a sociedade civil. Dende o noso grupo de masculinidades alternativas (micromachiños) nos recomendan o libro: El deseo de cambiar. Hombres, masculinidad y amor, de Bell Hooks. Participamos no podcast Habitando, de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia, que no seu episodio 44 tocou o tema Tecnoloxías para o Ben Común nas Universidades Galegas e a rede Artigo9Tech.

    Un evento moi interesante foi o que organizamos en Lugo, como peche da primeira fase do proxecto Hackers Sen Fronteiras, onde se fixo unha avaliación co profesorado participante e tamén un encontro con alumnas para coñecer posibles barreiras para continuar estudos pola rama tecnolóxica. Durante o mes aínda tivemos tempo para facer algún faladoiro máis en institutos dentro deste proxecto de Hackers Sen Fronteiras, como os que se fixeron en Brión sobre ciberacoso e mulleres tecnólogas, ou o de Curtis onde unha profesora e unha ex-alumna súa da EPS Lugo contaron as súas experiencias como mulleres tecnólogas. Como parte do peche desta primeira fase, fallouse o concurso de propostas didácticas de tecnoloxías para o ben común, que recaeu no IES Primeiro de Marzo, cunha proposta de banco de reciclaxe electrónica escolar.

    A principio de mes participamos nun encontro coa rede Artigo9Tech de tecnoloxía para o ben común nas universidades. Tamén houbo un encontro co grupo de voluntariado de Vigo e outro do grupo de Mulleres Tecnólogas na Coruña. Fixemos unha campaña en redes sociais sobre Colonialismo Verde en Gaza en colaboración coa organización Sistema Universitario Galego por Palestina. Tamén englobado nas accións de ESF na universidade, houbo 3 encontros con diverso profesorado da UDC para explorar posibles colaboracións no eido de tecnoloxía para o ben común, un Repair Café na ESEI de Ourense colaborando con Amigas da Terra e un faladoiro en Lugo sobre tecnoloxía para o ben común dentro da materia de Ordenación Territorial.

    Non podían faltar os encontros da base social para despedir o ano, na Coruña e tamén o organizado para toda Galicia, onde aproveitamos para ver a esfeiras que andan polo mundo adiante e veñen a casa polo Nadal.


HONDURAS

  En Honduras rematou en decembro a escola de Habilidades para la Vida, dentro do proxecto de apoio a grupos de mulleres marisqueiras financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Foi momento de peche da anualidade 2023 dos proxectos en marcha, que se poden coñecer aquí.


MOZAMBIQUE

En Mozambique rematou a estancia no país (estivo algo máis dun mes) de Manuel, o experto co que contamos para apoio técnico ás Administracións Rexionais da Auga en temas de seca, estudos de curvas de embalses e, proximamente, inundacións. Puidemos coñecer como lle foi no encontro de Nadal da base social.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismo e persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes queremos deixar unha recomendación artístico-lúdica. Trátase de ‘O Ghaiteiro petroleiro’: cartas sobre a mesa para recuperar a memoria de Nunca Máis a través do xogo


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“Non se pode pasar un so día sen ter un impacto no mundo que nos rodea. O que facemos marca a diferencia, e temos que decidir que tipo de diferencia queremos facer” 

Jane Goodall

Boletín Oficial ESFeiro: decembro 2023

Se prefires a versión sonora, aquí está o podcast en ESFRadio do Boletín Sonoro decembro 2023.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

    En Galicia, novembro foi un mes con varios eventos multitudinarios para traballar colectivamente. Participamos nun interesante encontro sobre posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático, así como no V Encontro de Comunidades e Saberes Arredor do Rural e nun encontro sobre ‘Enerxías alternativas e socioecosistemas: paisaxes presentes e futuras’. Algunhas de nós viviron a mobilización de Vigo contra o xenocidio en Gaza

O compañeiro Iván, do Banco de Reciclaxe de Teo, seguiu cos seus vídeos didácticos, como o de Primeiros pasos cunha torre para reutilizar. Houbo un par de encontros virtuais dos Bancos de Reciclaxe Electrónico con Software Libre (un deles con invitadas de Aragón), e unha xornada ben interesante de Alternativas profesionais para unha transición enerxética xusta: as Comunidades Enerxeticas, na Escola de Minas e Enerxía de Vigo. En Pontevedra, puidemos falar de Soberania alimentaria vs seguridade alimentaria na Escola de Xestión e Administración Pública, no marco dunha colaboración dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo cunha das docentes da escola.

    Ademais, tivemos ocasión de presentar en Augas de Galicia do visor de sistemas de abastecemento municipal, nunha xornada ben interesante de intercambio de coñecementos.

Non podemos esquecernos da Xuntanza de Outono da Base Social de ESF, que foi en Allariz, e onde oficializamos o nacemento dun novo grupo de traballo para facilitar asesoría técnica a plataformas de defensa do territorio de Galicia.


HONDURAS

En Honduras houbo visita de colaboradoras de Universidade da Coruña, que viñeron estreitar lazos e colaboracións con persoas da Universidade Nacional Autónoma de Honduras. Ademais, se fixeron formacións no eido da hidroxeoloxía e a cartografía participativa. Foi un pracer ter de novo a Acacia e Adrián por aquí!

Continuou o programa de mellora de sementes crioulas de millo coa nosa socia CODDEFFAGOLF e grupos de labregxs do sur de Honduras. Ademais, no proxecto de mellora da actividade marisqueira, houbo diversas formacións para mulleres dos grupos, como talleres de autoaxuda para a xestión emocional.


MOZAMBIQUE

Este mes, trala visita de Víctor, chega a Mozambique a visita de Manuel, o noso experto técnico en hidroloxía. Manuel leva anos colaborando no programa AquaMoz, e estará máis dun mes no país traballando coas Administracións Rexionais da Auga (na do sur apoiando agora en temas de inundacións e curvas de embalses, ou “barragens” como se di aló; no centro e norte estase empezando coa parte de xestión das secas, como se fixo xa na do sur nestes últimos anos).


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Activismos e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes a recomendación volve ser musical, desta volta cun dúo de mulleres galegas que o está petando. É o tema II. Lisístrata, máis coñecido como Varre Vasoira, de Fillas de Cassandra. A guerra, a guerra, a guerra imos parar…


E NO PRÓXIMO MES …

  • 1 de decembro: Encontro da Rede Artigo9Tech de profesorado pola tecnoloxía para o ben común. 10:30h na aula de graos da Escola de Telecomunicación, Vigo.
  • 1 de decembro: Día Mundial da Loita contra o SIDA
  • 2 de decembro: Día Internacional para a Abolición da Escravitude (segue habendo moitos tipos dela…).
  • 3 de decembro: Día internacional das Personas con Discapacidade
  • 3 de decembro: Día Internacional non uso de plaguicidas
  • 5 de decembro: Día Internacional do Voluntariado para o Desenvolvemento Económico e Social
  • 5 de decembro: Día Mundial do Solo
  • 9 de decembro: Día Internacional contra a Corrupción
  • 9 de decembro: Día Internacional para a Conmemoración e Dignificación das Víctimas do Crime de Xenocidio e para a Prevención dese Crime
  • 9 de decembro: Día Internacional da Informática
  • 10 de decembro: pecha o prazo para presentarse ao Concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario galego
  • 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
  • 14 de decembro: Repair Café na Escola de Enxeñería Informática de Ourense. 16:30h
  • 18 de decembro: Día Internacional da Persoa Migrante
  • 19 de decembro: Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur
  • 20 de decembro: Día Internacional da Solidariedade Humana
  • 21 de decembro: 10:30h. Encontro de nadal de ESF en Coruña (local de ESF en Camiños).
  • 27 de decembro: 14h. Encontro de nadal de ESF en Santiago de Compostela
  • TODO O MES: abrirá a convocatoria da rede Artigo9Tech para pequenos proxectos de investigación en tecnoloxía para o ben común nas universidades. Toda a info estará na web da rede. Esta foi a convocatoria 2022, e pouco variará.

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“O móbil que xa tes é o máis ético posible, se o mantés”

Sara Domínguez García, enxeñeira electrónica e activista pola electrónica sostible

Boletín Oficial ESFeiro: novembro 2023


Se prefires a versión sonora deste boletín, aquí está o Boletín Sonoro de novembro 2023.

   Este mes, queremos destacar o malestar do sector da Cooperación para o Desenvolvemento galego cos orzamentos presentados polo goberno da Xunta de Galicia, onde dan as costas a un dos sectores máis ninguneados das políticas públicas. Este ninguneo é máis rexeitable aínda neste contexto internacional. Esperamos que nas subsanacións do orzamento se corrixa esta inxustiza.


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Este mes publicamos no blog La Tecnología no nos Salvará, no diario El Salto, o artigo ¿Están la tecnología y la ciencia al servicio del bien común? ¿usted qué opina?. Ademais, quixemos presentar un proxecto que empezamos a executar neste ano, grazas á financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Trátase da segunda fase de Mulleres Bravas, tendendo pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia, con algunha novidade interesante. Entre as actividades polo día da reparación, o 19 tivemos un Repair Café na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Compostela, e o 21, o propio Día da Reparación, houbo outro no Banco de Reciclaxe de Ames en Milladoiro. Dende os Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre de Galicia deixáronnos esta pílula formativa sobre formatos abertos e libreoffice.

A princios de mes tivemos un ciberfaladoiro falando de Tecnoloxía na Educación Secundaria, onde contamos con algún do profesorado que colabora con ESF no programa Hackers Sen Fronteiras.
Este mes, aproveitando o evento de tecnoloxía libre AtlanticaConf, xa comentada no pasado BOE, presentouse oficialmente o Visor de Abastecementos Municipais de Auga de Galicia. Pero durante outubro impulsamos varias publicacións para difundilo:

👉🏼 O artigo no que presentamos o visor no xornal Praza.gal
👉🏼 A entrevista que fixeron a unha das voluntarias do grupo de Dereito Humano á Auga de ESF
👉🏼 A entrada da nosa web presentando o visor


HONDURAS

    En Honduras unha nova destacada en outubro foi a da concesión de financiación adicional para acelerar a execución do proxecto Restauración de las lagunas de invierno como modo de vida de las poblaciones pesqueras de Namasigüe y El Triunfo. Esta financiación, a cargo da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, servirá para abordar a restauración de varias lagoas máis, fortalecendo o proceso iniciado coa financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Este proxecto está encadrado dentro do programa de Soberanía Alimentaria e Defensa do Territorio, que desenvolvemos con CODDEFFAGOLF.

No programa de Dereito á Auga, houbo unha actividade importante para iniciar coa recompilación de información relevante para o proceso de certificación de zona de protección forestal “Microcuenca Río Laure”.

Aproveitamos para explicar a diferencia entre microcunca e nanocuncas hidrográficas, segundo a terminoloxía que empregan en Honduras.A principios de mes tivemos a ocasión de compartir a última crónica das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, en Honduras. Correu a cargo de Celia.


MOZAMBIQUE

    Estes días temos a Víctor, coordinador do convenio AquaMoz de Augas de Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras, en Mozambique. Aquí deixamos a súa crónica.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes voltamos á música, cunha das representantes do “rap rural”: Bewis de la Rosa. Aquí deixamos unha canción co videoclip que nos chegou ao fondo… “Mi tierra“.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

«Non comemos baterías. Vaise a auga, vaise a vida». Comunidades indíxenas da provincia de Jujuy, extremo noroeste da Arxentina



Boletín Oficial ESFeiro: outubro 2023


A continuación se pode ver o boletín mensual de información de ESF.

Se prefires a versión sonora, aquí podes escoitala. 7 minutiños coas voces de Marina Casas e Alberto Bragado.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   O Grupo de Mulleres Tecnólogas polo Ben Común de ESF publicou en O Salto Galiza o artigo A fenda de xénero nos estudos universitarios técnicos de Galicia. Ademais, felicitamos a todas as cooperantes no seu día. Presentamos as nosas novas contas de redes sociais no Fediverso, que están moito máis en sintonía cos valores que defendemos de soberanía dixital. Ademais, aquí deixamos un video-titorial sobre Seguridade Dixital Básica, cortesía de voluntariado do Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre.

Publicamos unha guía para analizar libros de texto de ensino secundario dende unha perspectiva de tecnoloxía para o ben común, así como un informe aplicando esta metodoloxía a dous libros de texto de Tecnoloxía de 1º e 2º da ESO.

Presentamos a segunda fase do noso programa de traballo nas universidades galegas, ao que chamamos Tecnoloxía ao servizo do ben común, da cidadanía global e da inclusión nas escolas técnicas da universidade galega. Fase 2. Nel colaboraremos estreitamente con Arquitectura Sen Fronteiras Galicia e coa Rede Artigo9Tech.

O 22 e 23 de setembro participamos con varias actividades na AtlanticaConf, punto de encontro da comunidade tecnolóxica dixital galega. Alí, entre outras actividades, presentamos oficialmente o Visor dos sistemas municipais de abastecemento de auga en Galicia.

Tivemos tempo tamén para facer un par de faladoiros na Escola de Camiños da UDC, un con motivo da presentación do novo curso, e outro reflexionando sobre a tecnoloxía para o ben común co alumnado do programa de Espazo Compartido da UDC.


HONDURAS

    No convenio que financia a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), estívose impulsando unha nova fase das parcelas de mellora participativa de sementes, coa asociación APROEM

Ademais, xa coas tres participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en Galicia, seguimos coñecendo as experiencias que nos comparten nas súas crónicas. Desta volta, as derradeiras de Juan e de Sofía, e tamén unha de Celia.

Dentro do proxecto de apoio ao sector do marisqueo que financia a Xunta de Galicia, tivo lugar a visita técnica de duas persoas do Centro Tecnolóxico do Mar, que foi ben aproveitada. Coincidiu un dos días coa visita do embaixor de España en Honduras e unha delegación de Cooperación Española a Amapala, coñecendo a realidade dos grupos de marisqueiras.


MOZAMBIQUE

    No mes de setembro o traballo centrouse na análise da situación da seca no territorio da ARA Centro e na coordinación para avanzar na transferencia de coñecementos ao devandito organismo.  De modo paralelo avanzouse na titoría do traballo de fin de master do alumno do master de Hidrología da UEM que esta a ser cotutorado desde o proxecto. Alén disto, traballouse no deseño dos materiais da campaña de sensibilización relacionada co proxecto que será lanzada en breve en Galicia.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes recomendamos a exposición ‘Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige’, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Inaugúrase o 6 de outubro a partir das 20.00 horas, e estará até o 13 de novembro. +INFO


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

“O diñeiro fala e o pobre sufre”

Ariel Webster, pescador da illa de Roatán (Honduras)

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia chega ao Fediverso

Despois dun tempo dándolle voltas, estamos no Fediverso. As redes sociais convencionais seguen a ser interesantes para nós, pero cada vez compensa menos a incoherencia de crear contido para unhas plataformas gobernandas por grandes tecnolóxicas que comercian coa privacidade, con respecto á rede que se pode xenerar para impulsar unha tecnoloxía para o ben común.

Pensamos que as instancias descentralizadas e federadas que son e sustentan o Fediverso están moita máis en consonancia coa idea de gobernanza da tecnoloxía, e de reapropiación tecnolóxica que defendemos en ESF, como primeiros pasos cara unha tecnoloxía para o ben común. Ademais, cremos que as entidades e persoas que moran xa no Fediverso parten duns valores moi na liña dos que defendemos, e que se pode facilitar a xeneración dunha masa crítica social que impulse estes valores. No noso caso, podemos aportar a visión de cidadanía global que nos da o traballo en diversos países e con distintas culturas, tratando de impulsar pontes entre sociedade civil galega e doutros lugares poñendo a tecnoloxía ao servizo da defensa dos dereitos humanos.

En que redes do Fediverso estamos?

De momento, en dúas:

Boletín Oficial ESFeiro. Setembro 2023

Benvidxs ao BOE ESFeiro. Se es máis de escoitar que de ler, aquí tes a versión resumo en formato podcast, o noso Boletín Sonoro en ESFRadio.

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   Agosto foi un mes tranquilo en Galicia. Aproveitamos para sacar a memoria de actividades 2022 acompañada dunhas infografías moi visuais para resumila. Ademais, rematamos o mes coa boísima nova de que, coa financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, poderemos continuar coa fase 2 do programa Mulleres Bravas (que desenvolveremos coas compas de Amigas da Terra), e tamén coa fase 2 do programa de tecnoloxía para o ben común nas universidades galegas (coa rede Artigo9Tech e as compas de Arquitectura Sen Fronteiras). Ademais, participamos no Abrazo al Agua na Mina Touro e estivemos en contactos con plataformas veciñais de defensa da terra e o territorio en Galicia para tratar de estreitar lazos de colaboración, poñendo a tecnoloxía e a ciencia ao servizo destas loitas.


HONDURAS

    En Honduras o ritmo mantívose alto. Celia, Juan e Sofía, participantes no programa de voluntariado internacional de coñecemento da realidade, regresaron en agosto de volta a Galicia. Pero ímonos quedando coas súas crónicas, que se poden ver todas aquí.

    Ademais, presentamos os proxectos para os que acadamos financiación recentemente, a cal máis interesante. No programa de soberanía alimentaria, o innovador proxecto de Restauración de las lagunas de invierno como modo de vida de las poblaciones pesqueras de Namasigüe y El Triunfo. Fase 1, que financiará a Cooperación Galega da Xunta de Galicia. No programa de dereito á auga, o apoio á posta en marcha do laboratorio de análise de auga da Secretaría de Saúde, Departamento Valle, que financiará a Deputación da Coruña.

    As nosas socias hondureñas non estivon paradas. A Mancomunidade NASMAR participou nun evento moi interesante, coa sinatura dun convenio de asocio ao Movimiento Para Todos Por Siempre (PTPS), que busca alcanzar cobertura total de servizos de auga potable e saneamento no país.

    No proxecto de marisqueo, realizouse un monitoreo de poboacións de bivalvos e da calidade da auga marina. No proxecto de auga onde tamén colabora CODDEFFAGOLF, acabáronse os obradoiros de construción de Libros Artesanais e Redacción de Contos Inéditos con Enfoque no Coidado da Auga, onde participaron docentes e alumnado de diversas escolas dos municipios de San Lorenzo, Nacaome e San Francisco de Coray.


MOZAMBIQUE

    No mes de agosto tivo lugar a presentación ao Consello de Dirección da ARA Sul dos resultados do estudo de modelización hidrolóxica-hidraulica a partir de ferramentas e datos de libre acceso, que analiza as inundacións do 2023 na provincia de Maputo. Estas inundacións causaron graves danos nas terras agrícolas e nas infraestruturas de transporte, destruíndo numerosos cultivos, así como dúas pontes. Todo isto afectou en gran medida á seguridade alimentaria da poboación. O estudo, realizado co software IBER en colaboración co grupo GEAMA da Universidade da Coruña, tivo moi boa acollida e vén corroborar de novo a relevancia e utilidade de ferramentas libres no ámbito dos proxectos de cooperación.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes vimos cunha proposta teatral, coa obra Quiero colapsar a tu lado, de La Rueda Teatro Social. Ten ademais como complemento actividades didácticas, incluso adaptables á ensino secundario.


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

Hoxe a tecnoloxía non se pensa desde o coidado, pénsase desde o control. O seu despregamento, ademais de reconfigurar as relacións sociais, en determinados contextos afonda as desigualdades e estabelece novas formas de control e discriminación
Sursiendo

Boletín Oficial ESFeiro. Agosto 2023


Benvidas ao Boletín de Agosto 2023. Se prefires a versión sonora, aquí tes o Boletín Sonoro!

CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Mozambique
  • Enlaces de interese
  • Recomendación artística
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

   En xullo, a pesar da época, houbo varias actividades. En Vigo, un par de Café Repair para argallar con ordenadores, no café Uf e tamén na Biblioteca Neira Vilas. En A Coruña, na Domus, tivo lugar o 4° taller de autodefensa dixital: “Como usar FreeBSD como sistema operativo no teu equipo”. Aquí se pode ver a presentación utilizada. Ademais, rematou o Curso de aplicacións informáticas e cacharreo con software libre, en colaboración con Ecos do Sur, dentro dun proxecto no que colaboramos coa financiación dos fondos IRPF (a casiña solidaria).

    Tivemos ademais moito traballo preparando dúas propostas de proxectos de educación, que se presentaron á Cooperación Galega da Xunta de Galicia para financiación. Foron a segunda fase do programa Mulleres Bravas, en colaboración con Amigas da Terra, e a segunda fase do programa de Tecnoloxía para o Ben Común nas Universidades, coa rede Artigo9Tech. Esperamos que se poidan seguir desenvolvendo!


HONDURAS

    En Honduras continúan Juan e Celia, participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades. Temos crónicas tanto de Juan como de Celia, a quen se uniu a principios de mes Sofía, a terceira voluntaria, que participa na súa condición de profesora de tecnoloxía de ensino secundario, grazas ao programa Hackers Sen Fronteiras

    Ademais, celebrouse unha nova xornada de capacitación da escola Habilidades Para La Vida, dirixida aos consejos de microcuenca de Laure e Panasacaran, con CODDEFFAGOLF, dentro do programa de mellora da xestión comunitaria da auga con enfoque de cunca hidrográfica que financia a Xunta de Galicia.

    Nas resolución das convocatorias 2023 para proxectos de cooperación internacional da Xunta de Galicia, quedamos cun regusto agridoce. Acadouse financiación para un innovador proxecto de defensa da terra e o territorio, de restauración de lagoas de inverno. Pero o outro proxecto presentado, de mellora da xestión pública da auga, non foi valorado por erratas na parte burocrática da subsanación da solicitude. É lamentable que bos proxectos, e moi necesarios para manter os procesos construídos na zona, poidan quedar fóra por estas cousas… Por iso sempre se fala de que os procesos de desenvolvemento reais casan moi mal coa arquitectura das convocatorias públicas de financiación para a cooperación ao desenvolvemento, onde a burocracia ten un papel determinante.


MOZAMBIQUE

  En xullo tivemos aberto o proceso de selección de consultoría especializada en seca para seguir o traballo coas Administracións Rexionais da Auga do Norte e Sur, incorporando pouco a pouco ao traballo tamén á Centro. Recibíronse dúas candidaturas. Finalmente seguiremos o traballo con Manuel Álvarez, un experto con gran experiencia no programa, que xa leva varios anos colaborando no mesmo.


ENLACES DE INTERESE

Auga

Consumo responsable

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Enerxía e cambio climático

Iniciativas

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Pobreza e exclusión

Políticas e modelos de desenvolvemento

Soberanía alimentaria e defensa do territorio

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

Voluntariado e Persoas


RECOMENDACIÓN ARTÍSTICA

    Este mes recomendamos este artigo: Literaturas africanas para resetear la mente y el corazón. Trátase dunha selección de obras en castelán para coñecer mellor a realidade de África


E NO PRÓXIMO MES …

   Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia  consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD


A ESF-RASE DO MES

    “A tecnoloxía non é nin boa nin mala, tampouco é neutral”

Melvin Kranzberg Jr