Crónicas dende Honduras. A primeira de Rubén. Matial
Rubén, participante no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), traenos as súas primeiras reflexións empregando como elemento de referencia a árbore do Matial. Rubén ademais participa neste programa como complemento ao de Hackers Sen Fronteiras, de tecnoloxía para o ben común no ensino secundario galego. Aquí queda a súa crónica!
———————————————–
Hoxe vou falarvos da árbore do Matial, pero antes un pequeno resumo destes primeiros días.
Chegamos a San Lorenzo e o calor púxonos os pés na terra que estamos a visitar. Ata o de agora, mollarse nun dos inmensos chaparróns destas chuvias torrenciais apenas semella diferente de suar baixo este calor incesante que percorre o corpo e a cara.
Xa levo 15 días aquí e, por momentos, parece que xa estou aclimatado, pero penso que aínda queda un pouco de camiño por percorrer.
Como comentaba ao inicio, comezo falando da árbore do Matial: un tronco espiñento e impenetrable, imposible de trepar para calquera persoa ou animal. Esta árbore dálle nome á primeira comunidade que visitei con Don Javier. Na súa copa e nas súas ramas non hai espiñas, o que permite que as aves aniñen sen dificultade.
Así sinto que son as comunidades aquí, no golfo de Fonseca: xente forte, coma ese tronco robusto e cheo de espiñas, que non permite que ninguén veña roubarlles nin destrozarlles o seu ecosistema. Pero iso si, cando accedes con calma e desde o cariño, comezamos a platicar un bo anaco, como dirían aquí, a compartir experiencias, e porque non dicilo, unhas comidas espectaculares. Rápidamente sínteste coma esas aves que aniñan no alto do Matial: acollido cun trato amable e sendo un máis.
Ata o de agora só podo dicir cousas boas. Vivín desde como é a creación dunha caixa rural nunha comunidade de mulleres emprendedoras ata unha formación escolar nunha comunidade situada no medio dun manglar, sen luz. E, por último, quizais o día que máis me gustou ata o momento foi o que pasei na lancha, en compañía inmellorable, pero cunha mención especial para Don Beto, un pescador de pura sangue hondureña que conseguiu espertar en min unha paciencia, canto menos, sorprendente no meu caso, durante sete horas de pesca.
Ensinoume a calma e a concentración necesarias para este traballo. O noso obxectivo era monitorizar unha serie de puntos arredor da illa de Amapala, levando así un control do peixe que dá sustento a tantas comunidades desta illa fabulosa.
Seguirei compartindo de primeira man todas as novidades desta viaxe, que pouco a pouco vai formando no meu interior un caderno cheo de experiencias inesquecibles.
Aquí vos deixo un par de fotos destes primeiros días














Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!