Enxeñería Sen Fronteiras no VIII Congreso Internacional de Estudios del desarrollo. Santiago de Compostela
A pasada semana celebrouse o VIII Congreso Internacional de Estudios del Desarrollo en Santiago de Compostela. Dende Enxeñería Sen Fronteiras presentamos 10 experiencias onde temos participación, con 7 persoas de ESF e das nosas socias en Honduras (CODDEFFAGOLF e Mancomunidad de Municipios NASMAR), de temas variados e en diversos lugares. Esta nutrida participación foi posible grazas aos programas Hackers Sen Fronteiras, ESF na Universidade, Mulleres Bravas, ESF Profesional, AquaMoz e os programas de marisqueo, de restauración de lagoas e de dereito á auga en Honduras, financiados por Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación.
Estas son as comunicacións que presentamos (con enlace á presentación):
- Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o Ben Común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, con Martina Páramos.
- Tecnología para el bien común en la universidad gallega: experiencias y aprendizajes, con Martina Páramos.
- Mulleres Bravas, con Sandra Lorenzo.
- Mapa de Iniciativas para el Cambio Ecosocial en Galicia (MICELIO), con Sandra Lorenzo.
- Fortalecimiento institucional para la gestión de eventos extremos en Mozambique, con Víctor Penas
- Bancos de Reciclaxe Electrónica e Software Libre: Reducindo a fenda dixital mediante a economía circular e a soberanía, con Francisco Fernández
- La conservación activa de semillas autóctonas de maíz por grupos campesinos de investigación – acción en el sur de Honduras, con Ely Gutiérrez (de CODDEFFAGOLF)
- Metales pesados en aguas subterráneas de abastecimientos comunitarios del sur de Honduras: alianzas estratégicas, con Wendy Reyes (de Mancomunidad NASMAR)
- Investigación – Acción para la restauración de las lagunas de Invierno como modo de vida de las poblaciones pesqueras de Namasigüe y El Triunfo, Honduras, con Sach Osegueda (de CODDEFFAGOLF).
- Gestión del Conocimiento para el fomento del sector marisquero artesanal en el sur de Honduras, con Sach Osegueda (de CODDEFFAGOLF).
Tamén queremos chamar a atención sobre as comunicacións presentadas polas colaboradoras de Artigo9Tech:
- Desinformación armada: manipulación cognitiva, guerra de la información y violencia física y digital, con Alberto Quián
- Red de Cooperación y Tecnología para el Bien Común, con Acacia Naves e Ángel Novo
É moi interesante atoparse nestes espazos e compartir experiencias. Sen embargo, o sentir xeral que compartimos as persoas de ESF que participamos foi que o coñecemento e este tipo de espazos deben ser accesibles e colectivizarse o máis posible, especialmente cando estamos a falar dun espazo público como é a Universidade de Santiago de Compostela. Que nas ponencias apenas houbese alumnado pareceunos significativo, por máis que houbese un prezo menor para participar no congreso. Tampouco sabemos en que medida se facilitou á comunidade estudantil a participación dende as súas carreiras (recoñecemento académico, facilidades para asistir…). Máis aló da teoría e as materias da universidade, achegarse ás experiencias prácticas que se están a desenvolver no noso territorio faise fundamental para ampliar a mirada, tecer redes e construír comunidade.
Atopámonos con comunicacións (algunhas) teoricamente moi interesantes pero que, desde a nosa perspectiva, estaban en ocasións bastante desconectadas da realidade social e empregaban unha linguaxe moi complexa, difícil de comprender se non manexas determinados conceptos. Tal vez nós esperabamos un espazo menos académico, por tratarse do tema que se trata.
En definitiva, pareceunos super-interesante participar, coñecer investigacións e achegarnos a análises estruturais fundamentais para comprender as dinámicas sociais das que partimos. Como aspectos a mellorar, propoñemos crear espazos máis horizontais, participativos e accesibles; unha maior presenza e recoñecemento das persoas novas, así como metodoloxías que favorecesen a construción colectiva do coñecemento e o diálogo entre diferentes saberes e experiencias. Porque, ao final, deberiamos preguntarnos: que sentido ten falar de cidadanía global e transformadora se non somos capaces de transformar, primeiro, as relacións de poder que atravesan os propios espazos desde os que a promovemos?

