Boletín Oficial ESFeiro: xullo 2018

Este mes estamos contentas porque acadamos fondos da Xunta de Galicia para dous proxectos en Honduras, un no programa de dereito á auga e outro no de desenvolvemento rural-soberanía alimentaria.Pero estamos tristes porque houbo proxectos aprobados por máis de 2,5 millóns de euros que non se poderán executar por esgotamento orzamentario destas axudas. Hai que devolver á cooperación galega ao desenvolvemento ao sitio que lle corresponde como política pública, como expresión do afán da sociedade galega de defender os dereitos humanos en todo o mundo pensando globalmente e actuando dende aquí. E con ese obxectivo seguiremos traballando dende a Comisión de Incidencia Política da Coordinadora Galega de ONGD. A continuación, o BOE de xullo 2018


CONTIDOS

  • Vida Asociativa
  • Honduras
  • Enlaces de interese
  • E no próximo mes …
  • A ESFrase do mes

VIDA ASOCIATIVA

Xa se pode consultar a memoria de ESF Galicia 2017, 15 páxinas para coñecer en que andivemos metidas o pasado ano (ignora as advertencias de seguridade do enlace para descargar). Compartimos o traballo que se fixo coa Asociación Galega de Bioconstrución ESPIGA, introducindo o concepto de bioconstrución en centros de educación secundaria, así como o traballo de investigación que impulsamos co Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, comparando exemplos de participación das mulleres na gobernanza da xestión comunitaria da auga en 2 aldeas de Galicia e 2 de Honduras. Impartimos o obradoiro Argallando no Portátil, colaborando con Amigos da Terra e Mina Touro NON, e tivemos a sorte de asistir ao Encontro Solar da Oficina de Medio Ambiente da UDC e probar comida solar ben rica e variada. Ademais, tivemos tempo de propoñer uns fragmentos de obras para a reflexión sobre relacións entre tecnoloxía e outros aspectos de interese na sociedade (a educación, o emprego e o modelo político). O 10 de xuño fomos testemuñas do rexeitamento social ao proxecto da Mina de Touro-O Pino, na manifestación en Santiago de Compostela. Unha das consignas, “Mina NON, queremos camarón”, é un xenial exemplo de defensa do territorio como un todo interrelacionado, a importancia de entender os impactos nos sistemas naturais e sociais, e de que a xestión territorial tense que poñer ao servizo do ben común. Lamentamos o paso atrás da Universidade da Coruña na súa soberanía tecnolóxica, alertadas por GPUL, vendo como migraron o mail corporativo a unha plataforma de Microsoft (e, por suposto, privativa). Por último, o 30 de xuño tivo lugar en A Coruña a Asemblea Ordinaria da Asociación, onde se aprobaron as contas de ESF do 2017 (podes descargalas aquí, ignorando a advertencia de seguridade), e outra extraordinaria para tratar uns temas que quedaran pendentes da Asemblea Extraordinaria de abril en Gandarío (onde celebraramos o XXV aniversario).


HONDURAS

    Neste mes en Honduras quedou rematado o proxecto de bombeo de auga con enerxía solar na comunidade El Fortín (Municipio El Triunfo), financiado pola Deputación da Coruña, e aquí podedes ver como quedou.

    Por outra banda, tras nove anos de compartir oficina coas compas de Amigos de la Tierra en Honduras, cambiámonos a unha oficina ao ladiño de onde estabamos, xa que para nós a vila de San Lorenzo, e en particular esa zona, era a ideal pola cercanía a CODDEFFAGOLF, un dos nosos socios estratéxicos na zona. A dona atopou clientes que poden pagar máis pola oficina onde estabamos, bastante grande e nunha rúa importante de San Lorenzo, tamén a nós nos afecta o mercado inmobiliario… Queremos agradecer a Amigos de la Tierra por estes anos que tantas experiencias compartimos. Foi un auténtico espazo de “coworking”, e aínda que físicamente esteamos máis lonxe, seguiremos colaborando con eles en proxectos e loitas.

Puxemos a disposición pública as avaliacións externas con leccións aprendidas dos proxectos financiados pola Xunta de Galicia en 2015-2016, tanto no programa de Dereito Humano á Auga como no de Soberanía Alimentaria. Ademais, dende o 28 temos a Cristina en Honduras, participando no Programa de Coñecemento da Realidade. Iranos contando as súas vivencias, e a finais de xullo se lle unirán Uxía e Miño.

Tamén queremos dar os parabéns a CODDEFFAGOLF pola posta en marcha do centro de investigación e turismo ambiental e científico na Isla Pacar.

 


ENLACES DE INTERESE

Auga

Comunicación para o (como) desenvolvemento

 

Consumo responsable

 

Cooperación e ONGD

Educación para o desenvolvemento

Iniciativas

 

Investigación para o desenvolvemento 

Mundo

Políticas e modelos de desenvolvemento

Sensibilización

Soberanía alimentaria e desenvolvemento rural

Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC)

 

Tecnoloxía para o desenvolvemento humano

 

Voluntariado e Persoas


E NO PRÓXIMO MES …

Para máis info sobre cursos e eventos en Galicia consulta a Axenda Solidaria e as formacións da Coordinadora Galega de ONGD, ou segue as nosas redes sociais FacebookTwitter.


A ESF-RASE DO MES

“Todo o mundo fala de paz, pero ninguén educa para a paz. A xente educa para a competencia, e a competencia é o principio de calqueira guerra.”
Pablo Lipnizky