Posts

O programa Mulleres Bravas ten nova páxina web

Queremos presentar a nova web do programa Mulleres Bravas, un programa que vimos desenvolvendo coa financiación de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Alí por 2019 houbo un primeiro proxecto, Coidadoras da Terra, que foi o xermolo, no que 6 mulleres activistas de Honduras visitaron Galicia para traernos as súas historias de loita pola defensa do territorio, e doutro xeito de producir e de coidarse.

Xa en 2021, en colaboración con Amigas da Terra, e coas compañeiras de CODDEFFAGOLF e ADEPES en Honduras, tivemos a primeira fase “oficial” deste programa.

En 2023 comezamos a segunda fase, na que quixemos xa dotar ao programa dunha marca propia e afondar na importancia da rede e a acción comunitaria nas mulleres bravas. A isto axudounos AGARESO, que nos orientou tanto na nova imaxe do proxecto, como na nova web que agora presentamos.

Nesta nova web do proxecto atoparedes:
🟢Un repaso polo traballo realizado no 2021-2022
🟢Unha presentación das mulleres bravas participantes na primeira edición
🟢Libre acceso a tódolos recursos xerados ata o momento
🟢🔜Moi pronto, máis novidades e toda a programación e info deste ano, porque en marzo teremos visita de 2 activistas!!

BENVIDA Á NOVA WEB DE MULLERES BRAVAS!

🌐 https://mulleresbravas.gal/

Nova imaxe de Mulleres Bravas, a cargo de Iria Fafián

Xuntanza de Outono de ESF. A crónica do que se pode contar

As xuntanzas son encontros da base social de ESF. Soemos ter dúas ao ano, en primavera e outono, coincidindo con sendas asembleas extraordinarias. O lugar vaise cambiando en cada unha, e aprovéitase para facer formacións, obradoiros ou sesións temáticas de traballo.

A deste outono de 2023 fixémola en Allariz, o pasado sábado 4 de novembro. Pola mañá, tivo lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria e, pola tarde, tivemos un taller para deseñar o Plan País Honduras, así como un faladoiro de dúas das participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades (PCR), que hai unhas semanas regresaron de Honduras.

Na Asemblea pola mañá, despois dunhas dinámicas de presentación, fixemos un resumo dos distintos grupos en activo na asociación (había moita xente nova!). Un momento importante foi a aprobación (por unanimidade) dunha nova liña ou programa de traballo en ESF: as asesorías técnicas para plataformas de defensa da terra e o territorio en Galicia. Máis información aquí.

Tamén falamos de diversos temas económicos e aprobamos a previsión de contas para 2024. Reflexionamos sobre a coherencia de colaborar con entidades que á súa vez reciban apoio simultáneamente por parte de empresas con valores non compatibles con ESF. Falamos de que non imos deixar estes espazos de colaboración, aínda que non se compartirán actividades apoiadas por estas empresas, de xeito que non apareceremos simultaneamente como colaboradoras.

Outro momento importante foi o cambio de Xunta Directiva. Tras agradecer moito ás persoas que deixan a Xunta (Marc, Tomás, Alberto, Zoe, Mateo e Chelo), demos a benvida ás que conformarán a vindeira “xunta divertida” ESFeira: Jose como presidente, Chus como vicepresidenta (viña de ser vogal na xunta directiva anterior), Chevi como secretario, Ana como tesoureira e, nas vogalías, Thais (que repite como vogal), Alba (que volve á xunta directiva tras varios anos) e Celia.

Pola tarde, comezamos cun obradoiro onde tivemos conexión directa con Honduras (é a foto da cabeceira). Empezamos a traballar o novo Plan País Honduras, onde queremos esbozar as liñas estratéxicas e xeitos de traballar no país para os vindeiros anos. Este primeiro taller foi para pensar que nos aporta como asociación o traballo en Honduras que se está a realizar. Queremos seguir facéndoo? Para que? Queremos mudar algo? Foi unha reflexión interesante que iremos compartindo proximamente.

Rematamos o día con dúas das participantes no PCR. Sofía participou como parte do proxecto Mulleres Bravas e Sofía como parte de Hackers Sen Fronteiras. Entre as dúas, apoiadas por unha boa cantidade de fotos, fomos asomándonos un pouquiño ás súas experiencias, que contaban mentres aínda lles brillaban os ollos coas lembrazas. Tamén nolo foran contando en diversas crónicas, pero escoitalas a elas é distinto…

Tiñamos ganas de espazo presencial, pero tamén se puido participar en liña!

Novo proxecto. Fase 2 de Mulleres Bravas, tendendo pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia

Mulleres Bravas é un programa que ten como meta visibilizar as problemáticas globais relacionadas coa sobreexplotación de recursos naturais en todo o mundo e que afectan especialmente aos países empobrecidos (extracción de materias primas, produción de enerxía, e explotación da terra, entre outras). A través da conexión das realidades de Honduras e Galicia, abórdase cos públicos obxectivos do proxecto, a reflexión sobre os impactos ambientais e sociais do noso actual modelo de consumo e desenvolvemento, así como alternativas sostibles de xestión dos recursos que exemplifiquen que outro modo de producir, consumir e vivir, é posible.

Trátase dun programa cuxo xermolo foio desenvolto en 2019 por ESF Galicia e a continuidade dunha primeira fase realizada durante os anos 2021 e 2022 xa en consorcio con Amigas da Terra Galicia, a cal pretendemos dar continuidade debido a boa acollida e valoración do mesmo.

O obxectivo do proxecto é, polo tanto, “visibilizar os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos en Honduras e Galicia, así como alternativas sustentables, con especial atención ás mulleres”. Para conseguilo, o proxecto artéllase ao redor de dúas liñas de acción:

  • 1. Crear pontes entre organizacións e movementos da sociedade civil de Honduras e Galicia para a protección da vida e/ou que impulsan alternativas sustentables, con especial protagonismo das mulleres
  • 2. Visibilizar o enfoque de cidadanía global das resistencias ao extractivismo e das alternativas sustentables nos públicos meta ás que mellor poden acceder ESF e Amigas da Terra: escolas universitarias e colectivos cidadáns de defensa do territorio)

Esto materialízase máis concretamente na viaxe de 3 mulleres hondureñas a Galicia (en dous momentos diferentes do 2024), para participar en espazos de encontro con plataformas e colectivos activistas de defensa do territorio e a economía social, e charlas en universidades. Como novidade desta fase, unha das activistas hondureñas realizará unha estadía de longa duración, de máximo un mes, convivindo con diferentes mulleres labregas galegas, coa colaboración do Sindicato Labrego Galego.

Tamén se explorarán novas formas de achegarse á comunidade universitaria destacando a presentación dun proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo (ApS) na Universidade de Vigo.


Como parte da estratexia para visibilizar o enfoque da cidadanía global nestas plataformas de resistencia realizarase unha campaña de comunicación que poñerá a disposición das plataformas de defensa do territorio de Galicia participantes, formación presencial en comunicación de guerrilla, así como un espazo de encontro para xeración de sinerxías. O eixo principal da comunicación será a reivindicación da acción colectiva e comunitaria, coas redes de coidados que iso posibilita (e do que se pode aprender moito dos saberes de Honduras).

Un elemento engadido con respecto á primeira fase é unha investigación sobre conexións do extractivismo España-Honduras.


Hai dous feitos diferenciais e transversais a todas as actuacións do proxecto:

  • por un lado a loita pola xustiza de xénero, a cal empeza co recoñecemento do papel relevante que xogan as mulleres no sustento e protección da vida (non só no eido familiar, se non tamén na protección e defensa do territorio, xogando un papel central no activismo e defensa da comunidade). Tamén sendo conscientes dos perigos e abusos que enfrontan no seu activismo polo feito de ser mulleres.
  • or outro, o traballo en rede que non só se concreta na conexión de colectivos de Honduras e de Galicia, reforzándose polo apoio con máis entidades colaboradoras, ao igual que na cooperación coas universidades galegas, nas redes de traballo no sur de Honduras así como na rede nacional e internacional da Federación de Amigos de la Tierra e na Federación Española de Ingeniería Sin Fronteras.