Nova visita técnica a Mozambique dentro do programa AquaMoz

No marco do programa AQUAMOZ, entre os días 26 de outubro e 13 de novembro tivo lugar unha nova visita técnica a Mozambique. Durante 3 semanas traballouse coas Administracións Rexionais de Augas do Sur e do Centro de Mozambique (ARAs Sur e Centro, organismos homólogos ás Confederacións Hidrográficas de España) para o seu fortalecemento institucional no ámbito da análise de secas e inundacións.

O traballo realizouse na sede da ARA Sur en Maputo co técnico e o persoal responsable da xestión de eventos extremos e estivo centrado, principalmente, na formación práctica para a realización de estudos de inundacións empregando o software IBER, co fin de que os técnicos mozambicanos adquiran os coñecementos necesarios para:

(I) desenvolver este tipo de estudos

(II) empregalos posteriormente na toma de decisións.

Na fase actual do proxecto, o traballo en xestión de inundacións céntrase na bacía do río Revubue, afluente do río Zambeze no que desemboca preto da cidade de Tete. Como dato relevante, cómpre destacar que a conca que se está a estudar ten unha extensión de 16.400 km², equivalentes, por exemplo, á superficie de todas as concas xestionadas por Augas de Galicia.

Durante parte da visita, un técnico responsable da xestión de inundacións da ARA Centro desprazouse a Maputo (onde está a sede da ARA Sur) para participar na formación e reforzar o desenvolvemento conxunto e paralelo de capacidades nas dúas ARAs.

Durante a visita tamén se traballou na liña de apoio e colaboración coa Facultade de Enxeñaría Civil da Universidade Eduardo Mondlane (UEM) de Maputo. O día 4 de novembro celebrouse unha conferencia que tivo como tema central: “Aplicación de datos de satélite no seguimento da precipitación”. A introdución inicial do acto correu a cargo dos profesores Dr. Dinis Juizo (UEM) e Dr. Manuel Álvarez (asesor de AQUAMOZ e GEAMA/UDC), seguida da relatorio principal por parte de Ernesto Tivane, técnico do Departamento de Recursos Hídricos da ARA Sur. A participación do público foi numerosa e contou principalmente coa asistencia do alumnado do mestrado de hidroloxía da UEM e de profesorado da Facultade de Enxeñaría Civil, tanto presencialmente como a distancia.

Na conferencia abordáronse temas desenvolvidos no proxecto AQUAMOZ, relacionados coa avaliación da fiabilidade das bases de datos de precipitación do CHIRPS e do GPM en comparación coas observacións de 14 estacións pluviométricas do Sistema de Alerta de Inundacións da ARA Sur. Tamén se amosaron casos prácticos de aplicación destas fontes de datos no estudo e seguimento das secas (CHIRPS) nos territorios das tres ARAs do país, así como nos estudos hidrolóxicos e hidráulicos relacionados coas inundacións (GPM) en diferentes concas piloto.

Despois da conferencia abriuse un debate cos participantes no que se discutiron asuntos relacionados coa temática presentada, a súa aplicación práctica noutros campos da ciencia, así como a resolución de dúbidas. Todo o contido da sesión e os materiais empregados foron compartidos coas asistentes. Destacou o interese que espertou este encontro entre o público. Como sempre, cómpre agradecer aos profesores Dinis Juizo e Nordino Paluluane, así como á Sra. Felizarda, a súa implicación e dedicación na organización do evento.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.