Crónicas dende Honduras. Terceira semana de Sofía!

Pois van xa tres semanas que ando por aquí por Honduras e, como tal, superado o ecuador do que vai ser a miña estadía aquí. Non me explico que o tempo se escape tan rápido… Agás pola canícula, cunha sensación térmica que por momentos me deixa K.O., a experiencia ata o momento está sendo moi positiva.

Onte deron comezo oficial as festas patronais na honra de San Lorenzo, se ben xa ao longo da semana se sentían os preparativos e se empezaba a ver un ambiente máis animado. Hai postos de comida e artesanía, tómbolas, atraccións, máis música da xa habitual, bombas e gran afluencia de xente. Duran toda a semana, culminando o vindeiro sábado co que chaman o gran carnaval; seica traen un montón de grupos musicais e fan a festa na rúa principal ao longo de todo o día.

Polo que respecta á rutina diaria, esta semana tiven de novo a oportunidade de acompañar ao persoal técnico de Coddeffagolf nalgunhas das súas actividades, o que me serve non só para coñecer máis polo miúdo os proxectos nos que están a traballar, senón tamén para achegarme á xente local e irme situando un pouco mellor na contorna de San Lorenzo.

O martes fun cos técnicos Víctor e Carlos ao CIM (Centro de Investigación Mariña), na Illa de Pacar, municipio de Amapala. Trátase dun pequeno illote situado xunto á Illa do Tigre á que chegamos en lancha dende o peirao de Coyolito. Se ben no Centro contan cun laboratorio no que se fan análises do estado das augas do Golfo de Fonseca, o propósito desta visita era a realización de inventario de materiais na aula divulgativa e o recoñecemento do estado das instalacións para a planificación de próximas actividades na illa, pois tiñan sufrido algún estrago a causa das últimas tormentas. Con este fin, percorremos tamén os sendeiros habilitados con paneis informativos sobre aspectos relevantes da zona, como o mangle, as tartarugas, o traballo marisqueiro ou as aves. Nun destes sendeiros levántase unha torre a xeito de mirador cunhas vistas espectaculares do golfo.

O mércores asistimos ao terceiro dos catro módulos do programa formativo de Habilidades para la Vida, centrado desta volta na resolución de conflitos. Xa tiñamos participado no primeiro, polo que xa coñecíamos ás persoas asistentes, representantes dalgunhas comunidades rurais. Este tipo de obradoiros, destinados a reforzar a base comunitaria e mellorar a súa xestión diaria, encádrase dentro do proxecto de Mellora da Xestión Pública e Social para a Gobernanza dos recursos hídricos en varios municipios do Golfo, no que toma parte ESF. Persoalmente, gustoume moito integrarnos nos grupos de traballo e poder escoitar as achegas e vivencias de cada unha das nove persoas participantes. E é que coa escusa dos conflitos, falouse moito e de moitas cousas, como dos desencontros que se producen a diario nalgunhas xuntas de auga, da xestión das emocións nestas situacións e mesmo de conflitos a maior escala, como o da guerra entre El Salvador e Honduras no 1969 ou a actual guerra na Ucraína. Nestas sesións danse relatos moi duros e emocionantes, mais nunca falta unha boa dose de humor.

O certo é que o mércores foi un día bastante completo, pois logo do xantar, Juan e eu acompañamos ao técnico Carlos á Escola 15 de Septiembre, no barrio de Buenavista. Alí impartiu unha breve charla a alumnado de entre 9 e 12 anos sobre as áreas protexidas de Honduras, e máis concretamente, sobre a Baía de San Lorenzo, dentro do Proxecto de Apoio ao Plan Bianual de Áreas Protexidas da Zona Sur. Para a impartición destas actividades de concienciación ambiental, selecciónanse aquelas escolas que están máis próximas aos esteiros e zonas de mangle.

Xa xoves tivo lugar na cidade de Choluteca a Ecolecta, unha campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos en desuso, organizada por Coddeffagolf en colaboración con outras entidades. Ata alí acudiu alumnado de varios centros educativos do lugar a depositar os seus residuos, pasando boa parte da rapazada polo posto de Coddeffagolf, no que se dispuñan de diversos materiais lúdicos e divulgativos. Na presentación do acto interveu, entre outras persoas, o presidente da asociación Modesto Ochoa. Foi un gusto saudalo e conversar un ratiño con el, logo de telo coñecido na súa xira por Galiza un par de meses antes de viaxar eu aquí.

Malia que os venres non adoita haber saídas, esta semana si acompañei ao técnico Javier nunha visita de seguimento a varias comunidades rurais pola zona de El Laure, algunhas delas xa coñecidas das Escolas de Campo. Onde máis tempo nos detivemos foi en Los Piches, onde nos sentamos co grupo de mulleres para conversar e avaliar os pasos dados ata o momento (estado das contas, funcionamento interno do grupo, estado do reparto de plantas e evolución dos cultivos, etc). Con enfoque de xénero, nestas comunidades estase a traballar o empoderamento das mulleres, polo xeral relegadas ao traballo reprodutivo e de coidados, para así tratar de fomentar a súa autoorganización e capacidade emprendedora.

E para rematar ben a semana, a parte do equipo PCR con máis experiencia -Juan e Celia- planificaron irmos sábado ata a Illa do Tigre. É un sitio ben fermoso, do máis turístico que vin ata o momento aquí polo sur. Bañámonos en Playa Grande, a onde se ven chegar as lanchiñas co peixe fresco, e comemos a pé de praia na de Reinita, muller do grupo de marisqueiras coñecida por Juan e Celia das visitas con Coddeffagolf. Ofreceume un mixto de peixe chamado babosa con camaróns que estaba exquisito!

Para a semana máis 🙂

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.