Nova ferramenta libre Revolution Domes. Deseña estruturas tipo Domo de xeito sinxelo
Revolution Domes é un programa libre para calcular a xeometría de estruturas tipo “domo” de revolución.
As xeometrías que manexa son o Zome, o Tipi (cono) e o L-Dome (Low Dome ou domo tendido). Todas elas pódense xerar co número de niveis que se desexe, así como co número de lados do polígono da base.
- O Zome ou “Zonahedron” ten unha forma ovalada e rematada en punta, e pode servir para construír desde refuxios ata vivendas.
- O tipi ten forma cónica e funciona moi ben na construción de cubertas apuntadas.
- O L-Dome recolle a forma dun “cascarón” de esfera e funciona moi ben para deseñar cubertas máis tendidas, non tan apuntadas.
Ademais destas formas, tamén permite implementar un “tambor” ou alza inferior que consiste nun cilindro que serve para axustar as outras xeometrías e realizar estruturas máis versátiles e adaptables ás necesidades de cada persoa usuaria.
Como representación das formas preferiuse unha vista en planta e alzado cun debuxo dunha persoa, xa que son representacións moi empregadas en arquitectura e enxeñaría, escalan a estrutura e amosan dunha ollada as formas e proporcións da xeometría deseñada.
Ademais, para a obtención dos valores xeométricos que permitirán a construción destas estruturas, o programa xera un informe en formato txt con todos os valores necesarios, desde a lonxitude das barras, alturas de cada nivel, radios, superficie en planta, etcétera.
En canto ao script, está realizado en linguaxe HTML e Javascript para facilitar a execución e o manexo a persoas usuarias sen coñecementos de programación (xa que se pode abrir desde calquera navegador de internet). Así mesmo, o código é accesible e nel detállase a maneira de calcular a xeometría deste tipo de estruturas, para poder implementala noutros programas de maior envergadura. Simplemente cómpre descargar os arquivos do repositorio nun mesmo cartafol, executar o html e comezar a calcular.
ACCESO AO REPOSITORIO PARA DESCARGA
Abonda con usar un pouco a imaxinación e aventurarse a construír!
Esta ferramenta foi desenvolvida por Martín Moreda en formato de acceso libre grazas a fondos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.



Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!