Posts

Crónica da visita de Doris e Lucía, defensoras da terra en Honduras

Entre os pasados 11 e 17 de novembro tivemos connosco en Galicia a Doris e Lucía, dúas mulleres hondureñas que, nas aldeas de San Bernardo (municipio de Namasigüe) e Aguas Calientes (municipio de El Triunfo) respectivamente, fan fronte a amenazas de depredación dos recursos naturais da comunidade. Esas loitas están apoiadas por unha das organizacións socias de ESF en Honduras, o Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF, que lles está fortalecendo con asesoramento legal, protección das persoas, escola de activismo e mobilización sociocomunitaria. Aquí anunciabamos a súa visita, dentro do proxecto Defensoras da Terra, financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Foi unha semana moi densa, con algúns problemas na viaxe que reduciron a súa estancia, pero con tempo para pasear e relaxarse. O primeiro día, o 11 de novembro, tivemos a última hora un encontro relaxado na libraría Os Mundos de Carlota, en Santiago de Compostela, onde nos trataron super-ben.

O martes 12 a primeira hora da tarde voltamos, tras varios anos, á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde ESF naceu hai xa máis de 26 anos. Alí compartimos con profesorado e alunado das Escolas de Telecomunicación e de Minas-Enerxía un encontro onde se tratou de chamar a atención sobre os impactos da extracción deses minerais tan prezados para a fabricación de dispositivos electrónicos, e que as futuras profesionais sexan conscientes das implicacións sociais e ambientais que pode xenerar un hiperconsumo.

O mércores 13 pola mañá foi momento de pasear por Santiago. O clima acompañou e, trala comida, puideron coñecer a unha activista en temas de defensa da terra de gran traxectoria en Galicia, Macamen, da Compañia de María.

As 18:30 tivo lugar a palestra sobre as ameazas da minaría depredadora en Galicia e Honduras, na Escola Técnica Superior de Enxeñería en Santiago, onde Doris e Lucía compartiron conversa con Nela e Lupe, da rede Contraminacción. Tiveron tempo aínda de viaxar a última hora a Coruña, onde ao día seguinte terían unha densa axenda.

O xoves 14 a media mañá o Centro de FP Tomás Barros recebeunos para que alunado do centro coñecera de primeira man as experiencias de Lucía e Doris, ademais de presentar o documental “Las Semillas de Berta”, das compas de Entrepueblos. Despois aínda tiveron tempo de facer unha visita en Coruña, a pesares do mal tempo.

Pola tarde, ás 19, produciuse o encontro público no Centro Cívico Cidade Vella en A Coruña organizado por Entrepueblos, Ecoloxistas en Acción, Asociación M e Enxeñería Sen Fronteiras, onde tamén se presentou o documental mencionado e houbo un interesante coloquio con Doris e Lucía.

No venres 15 antes da comida Doris e Lucía foron entrevistadas por Irene e Patricia (voluntarias de Enxeñería Sen Fronteiras), para o primeiro episodio de ESFRadio, o podcast de ESFGAlicia, que produce Jorge, tamén voluntario de ESF.

Despois de comer, achegámonos ao Monte Neme, onde Adrián, da Plataforma Monte Neme, amosounos o lugar e contounos algo da historia da paraxe e as problemáticas que a rodearon dende a súa época como mina de wolfram até as máis recentes como canteira (e moitas delas seguen aí pola deixadez das distintas administracións). Xa anoitecido, achegámonos á sede da Asociación Senda Nova, onde dentro do seu programa de Encontros con Activistas, puideron falar con Doris e Lucía sobre a defensa da terra contra as diversas ameazas relacionadas con actividades depredadoras cos recursos (piscinas de cría de langostinos, plantas de enerxía fotovoltaica e minaría metálica).

O sábado 16, último día de estancia, foi día de visita á Mina Touro, onde Isabel, do Movemento Mina Touro-O Pino NON, amosounos distintas zonas da mina e a súa problemática socio-ambiental de contaminación da auga ou cheiros polo emprego de lodos de depuradoras para a restauración dalgunhas zonas da mina, para logo rematar do mellor xeito posible, no Magosto Anual contra a Mina, que xa vai pola terceira edición. Esperamos que a do ano que vén sexa o Magosto do Fin da Mina!!

ESFRadio: episodio 1

Xa está aquí o primeiro episodio de ESFRadio,o podcast de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Grazas á producción de Jorge Lama!

Neste primeiro episodio arrancamos forte. Patricia e Irene entrevistan a Doris e Lucía, defensoras da terra contra o extractivismo no sur de Honduras, co apoio do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (asociación socia de ESF Galicia no programa de defensa da terra e soberanía alimentaria dende hai 10 anos). Aquí podes saber máis delas.

A entrevista é en castelán.

Aquí podes escoitar o programa en open spotify: https://open.spotify.com/episode/3mqxhKhE84Ck9pFkz0Wd8U

Podes escoitalo tamén a través de iVoox: https://www.ivoox.com/01-doris-e-lucia-defensoras-da-terra-audios-mp3_rf_44394422_1.html

E se prefires escoitalo con mejor calidad en formato ogg, o podes facer a través de archive-org:

Podedes usar una app para o móbil como https://antennapod.org/ para subscribirvos ao podcast esta url: http://feeds.feedburner.com/ESFradio , na parte de suscripcións “Añadir Podcast”

Visita de Doris e Lucía, defensoras da terra contra a minaría depredadora

Lucía e Doris son dúas mulleres do sur de Honduras, do municipio de El Triunfo. Alí hai unha empresa que, coa connivencia dos poderes gubernamentais a nivel central (Tegucigalpa), quere poñer en marcha unha explotación mineira sen contar co apoio da poboación, nin da propia alcaldía municipal. O Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca é unha organización da zona, coa que ESF leva colaborando dende o 2008, que lles da apoio e asesoramento nas súas loitas.

Trátase dunha zona de trópico seco, con economía de subsistencia, onde as mulleres non soen tomar parte moi activa da vida pública. No municipio constituiuse el Frente Triunfeño en Defensa de la Vida, moi activo contra esta empresa mineira, que protagonizou protestas (a unha das mulleres que vén a quixeron amedrentar con disparos aos pés como se ve aquí, aínda que non conseguiron amedrentala moito…) e mesmo impulsou un referendum para declarar o municipio de El Triunfo como libre de minaría.

Elas veñen a Galicia dentro dun proxecto que chamamos Coidadoras da Terra (polo cal outras 4 mulleres a maiores visitarán Galicia, dúas marisqueiras que xa viñeron e outras dúas que forman parte de xuntas veciñais de auga), que pretende visibilizar ás loitas das mulleres e poñelas en contacto con iniciativas da sociedade civil galega. Unha sorte de intercambio de experiencias e coñecementos, e ver que as loitas son comúns porque hai algo común na depredación dos recursos en todo o planeta (aínda que poñendo tamén o ollo nas diferencias a nivel lexislativo e de protección dos dereitos humanos nuns sitios e outros para unir loitas e que non se quede nun “cada un pelexar polo seu”), todo elo coa perspectiva de xénero.

Máis datos sobre o problema das minas en Honduras neste interesante informe de Oxfam.

A axenda da visita será a seguinte:

COIDADORAS DA TERRA

Boas novas! Até fin de ano, grazas ás axudas de educación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, dentro da política pública de Cooperación para o Desenvolvemento autonómica pola que tanto temos pelexado, teremos a oportunidade de convidar a Galicia a 6 mulleres coidadoras da terra e a auga de Honduras,para coñecermos os seus relatos e conectar activismos contra problemas que teñen unha orixe común (hiperconsumo extractivista) e toman diversas formas segundo o lugar e contexto no que se manifesten. Quérese poñer de manifesto o papel de activismo e loita das mulleres, invisibilizado en demasiadas ocasións. Porque Berta xa son millóns.

Os temas nos que se incidirá teñen que ver coa defensa da terra e o territorio nos que ESF ven traballando en Honduras e Galicia nos últimos anos, e que nos que soe ser clave o uso de tecnoloxía que non ten en conta a realidade socio-ambiental:

  • O Dereito á Auga
  • O Dereito á Alimentación, especificamente no que ten que ver coa soberanía alimentaria, neste caso a defensa da pesca e marisqueo de baixo impacto
  • O Dereito á Información e a tecnoloxía necesaria para aseguralo, a través da electrónica ética e a mobilización para a defensa do territorio ante as ameazas do extractivismo incontrolado das grandes mineiras para explotar os materiais imprescindible para a fabricación de dispositivos electrónicos de uso masivo (como ordenadores ou móbiles)

As actividades que se impulsarán nas tres liñas de traballo son:

  • a investigación sobre tecnoloxías tradicionais galegas no eido da auga, a minaría e o marisqueo artesanal (sobre todo no que fai referencia á participación das mulleres nas mesmas), así como a súa posterior divulgación.
  • a xeración de material divulgativo baseado na investigación e no traballo de ESF en Honduras nestas temáticas, tratando de asociar as problemáticas galega e hondureña para visibilizar as causas profundas do problema do extractivismo, e como
    afecta ás dúas zonas, co fin de empatizar con outras realidades e ao mesmo tempo tomar consciencia dende unha perspectiva crítica dese modelo extractivista.
  • O fortalecemento de redes de coidadoras da terra nos tres temas mencionados anteriormente, a partir dos contactos que ESF ten en Honduras con organizacións da sociedade civil coas que se vén colaborando dende hai máis de 5 anos. Organizarase a viaxe de 6 mulleres en tres delegacións das tres temáticas de traballo mencionadas como base da acción pola defensa da terra (auga da asociación AHJASA, alimentación dos grupos de mulleres marisqueiras que se impulsan con CODDEFFAGOLF e defensa do territorio ante extractivismo mineiro con movementos como el Frente Triunfeño en Defensa de la Vida), para os meses de setembro, outubro e novembro respectivamente. Cada delegación serán 2 mulleres activistas na temática dese mes, cunha viaxe dunha semana de duración a Galicia, onde se desenvolverá unha axenda que contará diversas actividades (non teñen por que ser todas en cada unha das visitas) como encontros con activistas de Galicia na temática de que se trate, algunha visita de campo para coñecer experiencias de activismo ou de boas prácticas, algunha reunión institucional e faladoiros en distintos entornos (máis informais ou nalgunha facultade da universidade con estudos relacionados á temática da delegación de que se trate).

Trátase, en resumo, dunha aposta por unha investigación aplicada ao coñecemento das realidades globais, promovendo a conexión de loitas e o intercambio de experiencias e saberes. Neste sentido, é importante destacar que no proxecto participará tamén unha persoa que xa foi seleccionada por ESF dentro do seu Programa de Coñecemento da Realidade (PCR). Esta persoa participará a primeiros de setembro nun campamento dunha Red Internacional de Jóvenes por el Clima en Honduras, contactando alí tamén coas persoas das delegacións que logo viaxarán a partir de setembro, co compromiso de colaboración no resto do programa de visitas dende Honduras até decembro, cando regrese a Galicia.