ESF na esLibre, congreso de cultura e tecnoloxía libres

O sábado pasado tivemos delegación ESFeira por València, participando no congreso esLibre, un evento que busca a promoción das tecnoloxías e a cultura libre. Xa é a terceira vez que participamos! (as anteriores foron en Zaragoza e Vigo). O obxectivo era aportar esa compoñente máis social da tecnoloxía.

Por un lado, Thais fixo un obradoiro sobre “Recursos tecnolóxicos para a comunicación e a participación das persoas con discapacidade“. Falounos de diferentes aplicacións e programas libres que permiten mellorar as posibilidades de comunicación de aquelas persoas que, pola súa situación de saúde, atopan algunhas dificultades para elo. Como ela di, a tecnoloxía debe apoiar e axudar a todas as persoas, sendo, neste caso, un recurso facilitador de los procesos de comunicación. Pero por desgraza, non sempre e así, e estas persoas atópanse con un montón de barreiras no seu día a día.

Jorge tamén deu unha charla sobre “Accesibilidade con Tecnoloxías Libres“, facéndonos un repaso aos proxectos máis interesantes que trataron nos programas do podcast que organiza xunto a outra xente.

No caso da charla sobre o “Papel das tecnoloxías libres para reducir o impacto social e ético“, Jorge e Jose falaron de conceptos como o dereito a reparar, comentando as distintas barreiras existentes para que este dereito sexa real (económicas, falta de repostos, a compoñente social de considerar de “segunda” empregar cousas de segunda man ou con sinais de uso, etc.), e a electrónica ética (con todo o impacto que os nosos aparellos teñen no Sur global durante todo o proceso de fabricación), relacionando estes conceptos coas tecnoloxías libres e da importancia do papel positivo que desempeñan. Falaron tamén de que cando falamos de tecnoloxías libres debemos ter en conta todo o proceso de produción, especialmente no caso do harware, xa que non se pode considerar “libre” un aparello que contén minerais extraídos en condicións de escravitude. Tamén deron unha serie de recomendacións de como contribuír de forma individual a reducir este impacto: alongar, reparar, reutilizar, reciclar, formarse e participar! Mención destacable merece a performance do noso cómico de confianza, Jorge Lama, no emprego do sombreiro para interpretar un dobre personaxe. Ao máis puro estilo Clark Kent con e sen gafas. Aquí deixamos a presentación (versión en galego) que empregaron, á espera de ter os vídeos das intervencións.

Entre charla e charla tamén tiveron tempo de coñecer en persoa á xente de Restarters València e a labor que fan coas súas Restart Parties promovendo o dereito a reparar e a electrónica ética (bueno, entre charla e charla… e pola noite Valencià!)

Sempre é unha boa experiencia pasarse por estes espazos nos que compartir experiencias e ideas, e dos que sempre sae algo interesante!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.