Empezan en Honduras os ensaios de cultivo de bivalvos en bolsas ou pochones

No proxecto Mejora de la actividad marisquera en el Golfo de Fonseca, Fase 1, que se está a desenvolver en Honduras xunto coa asociación CODDEFFAGOLF e financiado pola Cooperación Galega, están empezando cos ensaios de cultivo en bolsas de malla (pochones) para engorde de moluscos bivalvos.

Estes ensaios, que se están a realizar en Amapala, teñen como finalidade poñer en práctica diferentes metodoloxías para a recuperación das poboacións de bivalvos no Golfo de Fonseca. Nas imaxes vense dous modelos distintos, que se deixan instalados en zonas de manglar para, posteriormente, facer o monitoreo de como se van desenvolvendo as “sementes” ou larviñas de bivalvos que se deixarán nelas, a porcentaxe das distintas especies que se instalan a maiores, o crecemento das mesmas, o tempo que tardan en ser maduros para reproducirse, o lugar onde crecen mellor as distintas especies, etc.

A semente (larviñas) recolectouse nuns recolectores que fixeron mulleres dos grupos de marisqueiras con tellas e outros elementos sinxelos. Chama a atención como, no caso de marisqueo de bivalvos, se fala de “semente”, como en cultivos agrícolas. Agora métese dentro dos pochones, que son estes sobres ou bolsas de malla.

Logo, máis adiante, cando crezan os bivalvos, se poderán recoller a pochones con máis amplitude, para que non estean apretados ou ben a area, uns para rexenerar zonas e outros para ensaios de cultivo controlado en area.

Dada a mortandade ocasionada por diferentes problemas de contaminación das augas que xurden de cando en vez, é importante contar con sistemas que permitan a rexeneración das especies para manter o equilibrio dos ecosistemas e os medios de vida das poboacións aledañas (ademais de seguir investigando sobre as causas destas mortandades).

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.