Da terra á conciencia: Senegal, Guatemala e Galicia no mesmo círculo
Polo compañeiro Alberto J. Mayo Pais – Profesor de FP en Operacións de Produción Agraria, IES Plurilingüe de Valga
———————————————————————–
Un círculo que nace en Senegal
Todo comezou cunha idea redonda. Literalmente.
Os Toulou Keur ("campos da casa" en wolof) son xardíns circulares deseñados polo enxeñeiro agrónomo senegalés Ali Ndiaye no marco da Gran Muralla Verde, a iniciativa lanzada en 2007 para frear o avance do deserto do Sáhara a través dunha franxa de vexetación que atravesa todo o continente africano. Cada xardín, de entre 500 e 5.000 metros cadrados, distribúe estratexicamente especies vexetais para optimizar recursos hídricos, recuperar solos degradados e garantir a seguridade alimentaria das familias.
Non son un capricho paisaxístico. Son unha resposta á desertificación, ao cambio climático, á perda de biodiversidade e á inseguridade alimentaria. Son, en definitiva, unha resposta á supervivencia. E son, aínda que isto se di menos, unha resposta á migración forzada: cando a terra xa non dá para vivir, a xente marcha. Os Toulou Keur intentan que non teñan que facelo.
Cando descubrín este concepto, vin nel algo máis que unha técnica agroecolóxica. Vin unha forma de entender a relación entre as persoas e o seu territorio que conectaba directamente co que facemos (ou deberiamos facer) na formación profesional agraria: ensinar a coidar a terra, non como un recurso que explotar, senón como un sistema do que formamos parte.
Así naceu "Cultivando conciencias, colleitando futuros". Adaptamos o concepto dos Toulou Keur ao contexto galego e construímos un xardín circular sostible no recinto do IES Plurilingüe de Valga. Trescentos setenta e cinco metros cadrados plantados con especies autóctonas galegas —loureiro, teixo, castiñeiro, bidueiro, froiteiras, aromáticas, medicinais— distribuídas en parcelas concéntricas, cunha zona de horta, un ecosistema acuático e sebes perimetrais. O alumnado do Ciclo Básico de Agroxardinería e Composicións Florais e do Ciclo Medio de Xardinería e Florería traballou sobre o terreo ao longo de dous cursos académicos: deseño, replanteo, preparación do solo, plantación, mantemento, documentación.
Pero o xardín era só a metade do proxecto. A outra metade era a pregunta: por que facemos isto? Que ten que ver un xardín en Valga cunha horta en Senegal? Que conecta a nosa terra coa deles? A resposta, descubrímola traballando: máis do que pensabamos.
Galicia e Guatemala: espellos inesperados
A viaxe a Guatemala non estaba prevista como parte do proxecto orixinal. Chegou co premio, e con ela chegou unha terceira peza que completou o círculo.
A acollida no país foi en Casa Kan, o espazo de Kaqla, unha organización que traballa coas mulleres e a xuventude dende a perspectiva da cultura maia. Alí, o primeiro que me chamou a atención foi descubrir que, malia a distancia entre Galicia e Guatemala, existen conexións profundas e inquietantes: o valor da lingua e da cultura propias, a importancia dos saberes transmitidos polos avós e as avoas, o coidado da natureza, a loita pola inclusión educativa. Preocupacións que en Galicia coñecemos ben.
Karin, Keily, Kanek, Kaslem, Julianita e Ixkem (rapaces e rapazas de entre 9 e 20 anos que participan nos procesos de Kaqla) explicáronnos o que estaba significando para eles esa experiencia. Melloraron a súa capacidade de expresarse en público, fortaleceron a conexión coas súas raíces, espertaron un sentimento de orgullo de ser maias. E compartiron os seus soños con naturalidade e convicción: estudar Gastronomía, ser traballadora social especializada en pobos indíxenas, rematar Enxeñaría de sistemas, entrar en Astronomía. Escoitalos resultou un dos momentos máis gratificantes da viaxe, nun contraste inevitable co que, en moitas ocasións, observamos no noso propio alumnado: rapaces e rapazas que, tendo máis recursos, amosan menos seguridade sobre quen son e cales son as súas perspectivas de futuro.
De Kaqla á Rexión VIII de Jocotán, o contraste intensificouse. Alí, nas comunidades ch'orti' acompañadas pola ONG MejorHa, puidemos ver as desigualdades na súa expresión máis crúa: pobreza extrema, abandono institucional histórico, condicións climáticas que destrúen o pouco que hai (a zona forma parte do corredor seco guatemalteco). Pero tamén vimos algo que non se atopa en ningún manual: a dignidade coa que as comunidades resisten e o respecto co que MejorHa traballa. O seu enfoque integral de dereitos, o fortalecemento das comunidades situándoas sempre no centro dos procesos, a capacidade de acompañar sen substituír e a labor de incidencia para responsabilizar á municipalidade e ás autoridades locais no cumprimento das súas obrigas constitúen un modelo de cooperación que me gustaría ver replicado en moitos outros contextos.
De camiño ao lago Atitlán, paramos na sede da Universidade de San Carlos en Chiquimula, onde compartimos o noso proxecto de hortas circulares cos docentes de Agronomía e espertou un interese que abriu a porta a posibles convenios e intercambios. En San Antonio Palopó, o Taller Tienda Luisa amosounos o valor da artesanía téxtil e do traballo cooperativo das mulleres que participan nesa iniciativa. En Antigua, a conversa con Arturo, da Coordinadora Española de Organizaciones para el Desarrollo, completou o mapa da cooperación no país. En Ciudad de Guatemala, a librería Catafixia (un remanso para a cultura, a conversa e a historia situada no lugar onde asasinaron ao líder estudantil Oliverio Castañeda de León en 1978) mergullounos nos retallos da memoria histórica.
Cada parada sumaba unha capa de comprensión. Guatemala non era un destino: era un espello.
Migración: as consecuencias chegan ás nosas aulas
Hai un fío que conecta os tres vértices deste triángulo (Senegal, Guatemala, Galicia) e que converte este artigo en algo máis que unha crónica de viaxe ou unha defensa da educación para a cidadanía global. Ese fío é a migración.
As condicións que orixinaron os Toulou Keur en Senegal (desertificación, inseguridade alimentaria, colapso dos medios de vida tradicionais) son exactamente as mesmas que empurran a millóns de persoas a abandonar as súas terras noutras partes do mundo, tamén en Guatemala. O cambio climático non é unha abstracción: é unha familia ch'orti' que perdeu a súa colleita de millo e ten que decidir entre pasar fame ou marchar. É unha comunidade do Sahel que ve como o deserto avanza cada ano sobre os seus campos. É un rapaz que chega a unha costa europea despois de meses de travesía porque no seu lugar de orixe xa non había nen futuro nen terra que cultivar.
E aquí é onde o círculo se pecha dun xeito que non podo ignorar como docente: no propio IES Plurilingüe de Valga impártense cursos de Formación para o Emprego a persoas procedentes de centros de acollida. O mesmo alumnado que construíu o xardín circular inspirado nunha técnica senegalesa convive nas instalacións do centro con persoas que viñeron, precisamente, de contextos como os que orixinaron e nos que se emplea esa mesma técnica. Non é unha coincidencia didáctica: é a realidade entrando pola porta.
O debate público sobre a migración adoita reducirse a cifras, a fluxos, a políticas de fronteira. Pero cando ves de preto as condicións de vida en Jocotán, cando entendes o que significa cultivar unha horta escolar como recurso alimentario, cando escoitas a unha monitora do IGER explicar que se despraza horas para que unhas rapazas poidan estudar, a migración deixa de ser un fenómeno que se xestiona e convértese nunha consecuencia que se comprende. E comprender é o primeiro paso para actuar con responsabilidade.
Porque a cooperación entre países vinculados por unha historia común (colonialismo, extractivismo, dependencia económica) non é caridade nin asistencialismo. É responsabilidade. É recoñecer que as desigualdades que provocan a migración non son accidentes naturais senón o resultado de dinámicas estruturais nas que os países do norte teñen (temos) unha parte de responsabilidade. E a educación, se quere ser algo máis que transmisión de contidos técnicos, ten que facerse cargo diso.
A educación que toca terra
Aquí é onde entra a formación profesional. É aquí tamén onde é preciso falar claro.
A FP agraria ensina a preparar terreos, a producir planta, a deseñar xardíns, a manter espazos verdes. Todo iso é necesario e forma parte do currículo. Pero se un alumno aprende a plantar e non entende por que hai no mundo quen non pode comer o que planta, estamos formando traballadores especializados, non cidadáns. Se unha alumna sabe identificar cincuenta especies e non sabe que a perda de biodiversidade está ligada á pobreza e á migración forzada, estamos ensinando contidos, non conciencia.
A educación para a cidadanía global non é un engadido ao currículo, non é un proxecto transversal que se fai cando sobra tempo, non é unha actividade complementaria para cubrir un expediente. É o que dá sentido ao currículo. É o que converte unha clase de xardinería nunha lección sobre o mundo. É o que fai que un xardín circular en Valga conecte cunha horta escolar en Guatemala e cunha técnica de supervivencia en Senegal.
O proxecto "Cultivando conciencias, colleitando futuros" non inventou nada extraordinario. Fixo algo sinxelo: vincular a aprendizaxe técnica cun contexto real, global e significativo. O alumnado non só aprendeu a plantar un xardín: aprendeu por que ese xardín importa. Aprendeu que a mesma terra que está a traballar en Valga se está a perder no Sahel. Aprendeu que as persoas que chegan ao centro de acollida da súa localidade veñen de lugares onde esa terra xa non sostén a vida. Aprendeu que o traballo que fai ten implicacións que van moito máis alá do recinto do instituto.
Iso é educar. Non é formar para o mercado laboral (que tamén) senón formar para a comprensión do mundo no que vivimos. E esa comprensión non se consegue con libros de texto nin con charlas puntuais: conséguese tocando terra, traballando con ela, vendo o que pasa cando se perde, entendendo o que significa recuperala.
O que traio de volta
Regreso de Guatemala con máis preguntas que respostas, e creo que iso é o que debe facer unha experiencia educativa ben deseñada: non pechar certezas senón abrir interrogantes.
Pero hai algunhas cousas que xa non son interrogantes. Son conviccións que se fortaleceron no camiño.
A primeira é que a educación non pode funcionar de costas ao seu entorno. Un centro educativo situado nun municipio rural de Galicia, que forma a futuros profesionais do sector agrario, que convive con persoas migrantes, que ten unha finca didáctica na que podería experimentar con modelos de produción sostible, non pode permitirse ensinar como se o mundo acabase nos lindes da parcela.
A segunda é que a cooperación non é algo que fan as ONGs mentres nós damos clase. A cooperación é unha forma de entender a educación. Cando un proxecto escolar se inspira nunha técnica senegalesa, cando o profesorado que o desenvolve viaxe a Guatemala para ver como traballan alí, cando o alumnado descobre que o que fai no xardín ten un significado global, a cooperación deixa de ser un concepto e convértese en práctica educativa.
A terceira é que ningunha dor allea nos pode ser indiferente. Sona a frase feita, pero non o é cando ves a un neno amosarche con orgullo unha horta que é, o que lle permite comer a él e ós seus compañeiros de clase. Non o é cando unha monitora percorre camiños imposibles para que unhas rapazas teñan algunha opción para completar os seus estudos. Non o é cando entendes que a persoa que está no centro de acollida da túa localidade chegou alí polas mesmas razóns que fixeron necesarios os Toulou Keur en Senegal.
O xardín circular do IES de Valga segue crecendo. Quedan cousas por facer: completar o círculo ata os 500 metros cadrados, consolidar a charca como microhábitat, crear un banco de sementes de especies autóctonas, difundir o proxecto na comunidade educativa. Pero o máis importante xa está feito: plantouse a idea de que educar é conectar. Conectar a aula co mundo, o local co global, o técnico co ético, o que sabemos co que nos falta por entender.
Cultivar conciencias non é unha metáfora. É un programa de traballo.
Agradecementos:
A Solidariedade Internacional de Galicia e á Coordinadora Galega de ONGD, por facer posible o Premio e a viaxe, co financiamento da Xunta de Galicia. Ás mulleres de Kaqla (Hermelinda, Flor, Claudia) pola acollida e o intercambio. Ao equipo de MejorHa (Ángel, Eduardo, Hadee, Evelyn, Humberto) polo seu traballo exemplar nas comunidades de Jocotán. Ao IGER (Instituto Guatemalteco de Educación Radiofónica) e ás súas traballadoras e traballadores polo compromiso coa educación nos lugares máis difíciles. A Arturo, da Coordinadora Española de Organizaciones para el Desarrollo, e a Carmen, de Catafixia. Ás compañeiras e compañeiros de viaxe, por compartir mirada. E, sobre todo, a todas as nenas, nenos, familias e comunidades que nos abriron as portas e nos convidaron a mirarnos con outros ollos.







Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!