O IES Primeiro de Marzo de Baiona gaña o concurso de iniciativas didácticas de tecnoloxía para os dereitos humanos no ensino secundario
Como peche da primeira fase do proxecto de Hackers Sen Fronteiras, organizaramos un concurso de iniciativas didácticas por parte de profesorado de centros de ensino secundario para achegar a tecnoloxía para o ben común á súa comunidade educativa. A iniciativa gañadora veu do IES Primeiro de Marzo de Baiona, dende o departamento de tecnoloxía.
O IES Primeiro de Marzo é un instituto que acolle alumnado dos concellos de Baiona e Oia, a maioría da contorna rural.
Este curso procedeuse á actualización da aula de informática. Os ordenadores antigos que se van substituír son o obxectivo deste proxecto. Retiraranse os que están fallando continuamente e sobre os que hai incidencias continuas cada certo tempo, aproveitándose os compoñentes que funcionen ben (memoria, fonte de alimentación, etc.). Algúns equipos prepararanse para a súa instalación nos departamentos que o necesiten e os equipos restantes serán prestados ou doados ao alumnado con necesidades ou asociacións sen ánimo de lucro da contorna.
Está previsto que o alumnado de Dixitalización de 4ºESO proceda ao cambio dos ordenadores vellos polos novos equipos, previa exposición dos tipos de conectores e portos existentes, disposición, ventilación e normas de coidado xeral. Procederá tamén á verificación do correcto funcionamento, actualización e instalación de software (que será libre).
As actividades a desenvolver serán:
- Reparación e actualización dos equipos
- Difusión interna e instalación no centro
- Difusión externa e préstamos
Deste xeito, búscase xerar un impacto social na comunidade impulsado dende o centro de ensino.
Trackbacks & Pingbacks
[…] Un evento moi interesante foi o que organizamos en Lugo, como peche da primeira fase do proxecto Hackers Sen Fronteiras, onde se fixo unha avaliación co profesorado participante e tamén un encontro con alumnas para coñecer posibles barreiras para continuar estudos pola rama tecnolóxica. Durante o mes aínda tivemos tempo para facer algún faladoiro máis en institutos dentro deste proxecto de Hackers Sen Fronteiras, como os que se fixeron en Brión sobre ciberacoso e mulleres tecnólogas, ou o de Curtis onde unha profesora e unha ex-alumna súa da EPS Lugo contaron as súas experiencias como mulleres tecnólogas. Como parte do peche desta primeira fase, fallouse o concurso de propostas didácticas de tecnoloxías para o ben común, que recaeu no IES Primeiro de Marzo, cunha proposta de banco de reciclaxe electrónica escolar. […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!