Crónicas dende Honduras. Celia 2
Nova crónica de Celia, que estivo en Honduras grazas ao programa Mulleres Bravas, financiado pola Cooperación Galega da Xunta de Galicia.
NOTA: Foto de portada, vistas desde Moropocay
—————————————————————————————————
Boas! Como todas as semanas, esta comeza cun novo mes. Xa é tres de xullo, vai facer un mes que chegamos a San Lorenzo é empezo a ter a sensación de que o tempo pasa moi rápido.
Hai semanas máis calmadas que outras, pero esta sen dúbida, estou segura de que vai a ser unha das máis intensas da viaxe, ou polo menos, que non se me vai a esquecer na vida.
O luns comeza como case todos ata o momento, cunha reunión en Coddeffagolf para ver a planificación semanal, e esta, imos ter a sorte de poder ir a saídas de campo todos os días para coñecer máis proxectos.
O martes empeza de marabilla, temos a segunda saída o manglar. Un estudante da UNAH está facendo a súa tese sobre a perdida de mangle e imos ver cales son as zonas afectadas. A chegada foi en lancha, unha vez localizada a zona que imos ver, atracase no que hai de praia pola marea baixa e camiñamos en fila ata a zona con máis vexetación. Juan e eu imos o final da final, sempre diante os que coñecen o camiño e nós aprendendo deles. Como xa sabemos un pouco como é pola primeira vez que fomos, imos preparados: pantalóns longos, manga longa, gorro, bloqueador solar, repelente, etc. Esta é a teoría, que todos a podemos saber, pero na práctica sempre xorden imprevistos (como os insectos), e iso foi o que nos pasou a nos ese día.
Non levabamos nin dous minutos e a Juan o atacou unha colmea de abellas. Fixo todo o que puido, incluso se meteu na auga, pero non se librou de decenas e decenas de picaduras, menos mal que non era alérxico! Despois dun rato, o lancheiro conseguiu recollelo, dar unha volta na lancha con velocidade e así conseguir que o resto de abellas se fosen. O resto, non podíamos dar marcha atrás e mentres esperabamos a que nos viñesen a buscar mentres subía a marea, íamos de playón en playón do manglar. Xa non había abellas, pero si jejenes, uns insectos que viven en zonas húmidas, e como os mosquitos, tamén pican. A vítima esta vez, eu.
Despois de que Juan estaba seguro e lle deron algo para as picaduras na base da policia naval, viñeron a recollernos e nos volvemos a xuntar todos. Juan e eu cheos de picaduras (debemos de ser sangre nova para os bichos, porque de todos os que íamos, solo nos picaron a nós e ao lancheiro). Non vos podedes imaxinar o susto que pasamos! Pero por sorte, todo quedou en iso e a verdade e que a filosofía e o humor que os hondureños teñen na vida, axudounos a quitarlle peso e ver a parte positiva da experiencia. Menos mal que estaban eles alí.
O mércores, recuperándonos aínda do susto e alerta por acto reflexo a todos os insectos existentes, fomos con Jorge e Nicia a Isla do Tigre, en Amapala. Visitamos ás mulleres marisqueiras de Playa Grande e Playa Negra, onde lle fan seguimento con reunións periódicas para non perder o fío do desenvolvemento do proxecto. A verdade e que ver a todas as mulleres xuntas, coordinándose por mellorar no seu traballo, como asociación de mulleres marisqueiras e escoitalas falar, é unha marabilla.
O xoves tamén foi un día intenso, empezamos as sete da mañá na xornada ReciclaMás en Marcovia, que non rematamos ata as sete da tarde. Tras varias semanas facendo charlas e dinámicas nos coles da zona sobre a importancia da reciclaxe, a xornada ten como obxectivo final a xestión de todos os residuos separados polas institucións educativas ata ese día. Unha empresa encargase de comprar os residuos para que, de esta forma, os colexios tamén podan obter cartos para mercar material nas aulas.
A intensidade de semana chega o fin, cunha saída de campo o venres a Moropocay. O camiño ata alí e toda unha aventura, pero vale a pena polo bonitas que son as vistas e o amable que é a xente alí. Esta vez fomos con Aminta e Onán a reunirnos con persoas do banco de sementes de varias comunidades. Tiñan que poñerse de acordo para delimitar un terreo que se vai a traballar cando remate a canícula e empece a época de choivas constantes outra vez. Traballar as leiras por “tareas” que é unha unidade de medida que utilizan alí.
Ensináronnos todas as sementes que plantan, pero en concreto unha a que lle teñen especial cariño, pois é como eles lle chamaron, o millo de Moropocay. É unha semente cultivada por eles ca axuda do proxecto de sementes de ESF Galicia e Coddeffagolf. Ten que ser moi gratificante e bonito ver como despois dos esforzos por sacala adiante, obtés a recompensa de poder cultivala.
A verdade, esta foi unha semana moi intensa (pois todas as picaduras non axudaron a atoparnos como sempre), sen embargo, estar nas comunidades, escoitar a xente e aprender dela, fixo que tamén fose unha das máis bonitas.
Trackbacks & Pingbacks
[…] Ademais, xa coas tres participantes no Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades en Galicia, seguimos coñecendo as experiencias que nos comparten nas súas crónicas. Desta volta, as derradeiras de Juan e de Sofía, e tamén unha de Celia. […]
[…] En Honduras o ritmo mantívose alto. Celia, Juan e Sofía, participantes no programa de voluntariado internacional de coñecemento da […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!