Crónicas dende Honduras, 5.

Xa temos a Carmen de volta en Galicia, pero quere despedirse coa crónica dos seus últimos días en Honduras.


As seguintes semanas foron tamén de gran actividade con CODDEFFAGOLF.

O acompañamento ao programa de Investigación para a recollida de cámaras trampa (para facerlle fotos aos animais da Isla Exposición) foi unha aventura estupenda, abrindo paso co machete, puidemos ver fauna coma unha tarántula, unha tartaruga, ou comprobar como pican as formigas.

Tamén nos invitaron a acompañalos na recollida de medusas para a comprobación do seu nivel de toxicidade. Da man do persoal técnico puidemos apreciar distintos tipos de manglares e aprender un pouco sobre a fauna autóctona: camaróns, gaivotas, o curil, crocodilos (estes quedamos cas gañas de velos; de lonxe).

Visitamos outros proxectos moi interesantes e que na miña opinión poden ter un grande impacto, como é o proxecto de ecoturismo na comunidade na praia de Boca de Río Viejo, onde se plantexa a consolidación de campamentos para a observación da solta de tartarugas. O lugar é privilexiado, aínda sen electricidade ou canalización de auga, e todavía relativamente libre de contaminación.

Tamén puidemos visitar o proxecto de gobernanza das mulleres marisqueiras de Amapala, onde atopamos a Dona Lourdes e Dona Alba, ás que puiden escoitar fai anos nun coloquio na súa visita a Galicia da man de ESF.

Igualmente participamos en reunións sobre o proxecto de construción do paseo marítimo de San Lorenzo, ou da man de Raquel para a formulación dun pequeno proxecto de xénero, ambos con NASMAR.

E puidemos aportar un pouquiño impartindo unha charla sobre protección de datos ao equipo de CODDEFFAGOLF, cun pequeno plan de seguridade para a organización, un coloquio sobre a Navegación segura por Internet e Tecnoloxía ética coa Rede de Jóvenes que resultou moi interesante e participativo, ou a dinamización da Xornada de concienciación ambiental e fortalecemento organizativo e de comunicación da Red de Jóvenes, que foi un éxito e no que a principal concienciada, fun eu 🙂

Nas findes seguimos coñecendo a zona, visitando San Marcos de Colón, moi preto da fronteira con Nicaragua, con filas de camións esperando para pasala, ou de visita con Raquel ao pobo de Ojojona, famoso pola súa artesanía e onde puidemos mercar o jícaro, cuenco elaborado a partir do fruto do jícaro. Tamén coñecimos a noite de San Lorenzo, moi divertida aínda que chea de reguetón…

En resumo, foi unha experiencia inolvidable que espero deixe marca, de aprendizaxe continuo, grazas á cantidade de lugares e proxectos distintos e interesantes que visitamos, pero sobre todo grazas ás persoas que compartiron o seu tempo connosco alí, que che amosan e explican a realidade hondureña, afondando na comprensión da situación e ás inxustas diferenzas respecto ao noso entorno, e polo tanto a ESF, que promove e facilita esta sensibilización de primeira man.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.