ESFRadio. Por que ALTRI NON?
Benvidas a un novo programa de ESFRadio. Hoxe vimos falar de Altri. Poucas quedarán que non saiban deste tema en Galicia.
Trátase dunha gran fábrica de celulosa e fibras textiles que a pasteira portuguesa Altri e Greenalia, teñen proxectada en Palas de Rei, no corazón de Galicia, en terras da Ulloa.
O proxecto de Altri perdeu folgos nos últimos meses tras a denegación de fondos europeos (recentemente, os de innovación, aínda que parece ser que foi por esgotamento orzamentario e si podería optar a outras financiacións, como a do Banco Europeo de Inversións) e a súa exclusión da planificación eléctrica estatal. Dende a Xunta de Galicia cualificouse recentemente a tramitación do proxecto como “secundario”, aínda que no seu día o apoiara sen fisuras (da Xunta depende aínda autorizar a captación de augas e a Autorización Ambiental Integrada). En calquera caso, antes de todo isto, en xaneiro, Altri xa impulsara a súa expansión en Galicia mediante un acordo para adquirir a Smarttia Greenalia Forest e Greenalia Logistics, dúas empresas importantes no sector forestal galego, que lle asegurarían conseguir materia prima.
Aínda cos ecos da recente mobilización multitudinaria en Compostela, convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa, quixemos adicar este programa a afondar nos motivos tal vez menos evidentes da oposición a este proxecto.
Para iso contamos con
- Ana Isabel García. Doutora en Economía. Profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, experta en políticas agroambientais e desenvolvemento rural
- Mónica Cea. Veciña da Ulloa
- Eduardo Corbelle. Doutor Enxeñeiro de Montes. Profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en cambios históricos da paisaxe
Produce: Jorge Lama. Presenta: Sergio Fernández
Sen obviar os impactos innegables no subministros básicos para que unha industria semellante funcione na zona (tanto de enerxía, que de momento quedou sen entrar no plan enerxético a nivel estatal, como de auga, co impacto no xa afectado embalse de Portodemouros e, por descontado, en toda a cunca do Ulla), quixemos afondar neste programa en impactos máis sistémicos. Falamos coas nosas invitadas impactos no tecido económico da zona, no tecido social de modelo de produción e consumo que realmente desexamos para Galicia e para o resto do mundo, e moito máis.
Non queremos apostar pola gran industrialización desacoplada da capacidade de carga dos territorios, nin ser a área de provisión de fibra de madeira para toda España a costa dos nosos ecosistemas e da nosa propia soberanía alimentaria.
A verdade é que foi unha conversa ben interesante, con moita reflexión e tamén datos relevantes para entender mellor os efectos perniciosos e os xeitos de operar tras proxectos macroindustriais coma este.
ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ:







Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!