Guía de Autodefensa Dixital: recupera a túa soberanía dixital
Por que facemos esta guía? Vivimos nun mundo que, coa súa parte boa e a súa parte mala, vaise movendo cara o lado dixital a pasos axigantados e, en demasiadas ocasións, deixando a moita xente atrás. Este mundo dixital, ao igual ca o presencial, tamén ten unha serie de riscos dos que protexerse.
Moitas de vós quizais tedes a esa persoa de confianza (filla, sobriña, amiga…) a quen consultarlle dúbidas ou pedirlle consello en cousas relacionadas coas tecnoloxías da información (TIC), pero non todo o mundo ten esa opción. Ademais, tendemos a caer no emprego de ferramentas de Google, Microsoft e doutras grandes multinacionais cedendo completamente a nosa soberanía dixital. É por iso que facemos esta guía, explicando de forma clara e detallada como podes mellorar a túa seguridade dixital, recuperando a túa soberanía dixital, teñas ou non coñecementos previos de ciberseguridade. É importante ter claro que a seguridade absoluta non existe, e sempre hai risco. O que podemos facer como persoas usuarias é poñer barreiras que nos protexan.
Esta é unha guía dinámica. É dicir, irémola actualizando a medida que nos vaian chegando suxestións. Nesta ligazón poderás consultar sempre a última versión da guía en formato PDF. E nesta outra ligazón poderás atopala en formato editable, por se queres reutilizala ou contribuír a ela.
Estate atenta ás nosas redes, xa que ao longo dos próximos meses iremos facendo charlas e obradoiros para dar a coñecer a guía, explicando os distintos apartados de forma sinxela e axudándoche de forma práctica a implementar os consellos que damos nela. Tamén nos podes contactar se queres organizar algún faladoiro na túa zona, asociación ou grupo.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!