Ciberfaladoiro: é ESF feminista?
O pasado 23 de marzo adicamos un dos nosos ciberfaladoiros ao tema da igualdade de xénero na asociación. Quixemos titulalo “É ESF feminista”?
En realidade non vemos posible determinar unha liña vermella para saber se ESF (ou calquera outra organización) é feminista. No caso de ESF, nin sequera sabemos de que criterios partir para saber en que medida estamos a avanzar (ou non) cara a ser unha organización máis feminista, como temos recollido na nosa visión de ESF para 2024 que figura na nosa planificación estratéxica. Eses criterios terían que vir determinados, ademais, por unha visión compartida de que feminismo queremos impulsar en e dende a organización. O primeiro paso para iso coidamos que é conformar un grupo que queira impulsar o proceso de diagnose interna e reflexión cara acadar un Plan de Igualdade. Posiblemente “o documento” do plan non teña tanta importancia como o proceso para acadalo, pero aínda así seguro que tamén pode ser útil para quen veña despois, así como para ter algúns instrumentos (protocolos, por exemplo) e posicións claras con respecto a posibles actitudes machistas dentro da organización.
Plantexouse a dúbida de en que medida era posible formar unha organización feminista se hai persoas que non o son, e como compatibilizar esa vocación de ESF de ser un espazo aberto e educativo para compartir reflexións e dúbidas (cunha vocación de construir un mundo xusto e solidario), cunha posición máis intolerante contra calquera tipo de actitudes machistas.
Tamén se compartiron experiencias das participantes sobre o que se atoparan noutros espazos vitais, tanto persoais como de activismo, sobre como as organizacións e persoas activistas (sobre todo homes) afrontan a inclusión do enfoque de xénero e o feminismo nos debates. Pode ser rexeitamento, ou a idea de que está superado, ou unha pretendida neutralidade que, probablemente, neste tema é case imposible xa que xera moita polarización. En realidade a neutralidade pode negar/invisibilizar a existencia de privilexios/opresións/xerarquías/prexuízos individuais, colectivos e estruturais, entorpecendo así o traballo pola igualdade. Por iso dicimos que neste tema a neutralidade en realidade non existe…
Aínda nos queda moito camiño, pero xa empezamos a camiñalo!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!