Posts

Ciberfaladoiro: é ESF feminista?

O pasado 23 de marzo adicamos un dos nosos ciberfaladoiros ao tema da igualdade de xénero na asociación. Quixemos titulalo “É ESF feminista”?

En realidade non vemos posible determinar unha liña vermella para saber se ESF (ou calquera outra organización) é feminista. No caso de ESF, nin sequera sabemos de que criterios partir para saber en que medida estamos a avanzar (ou non) cara a ser unha organización máis feminista, como temos recollido na nosa visión de ESF para 2024 que figura na nosa planificación estratéxica. Eses criterios terían que vir determinados, ademais, por unha visión compartida de que feminismo queremos impulsar en e dende a organización. O primeiro paso para iso coidamos que é conformar un grupo que queira impulsar o proceso de diagnose interna e reflexión cara acadar un Plan de Igualdade. Posiblemente “o documento” do plan non teña tanta importancia como o proceso para acadalo, pero aínda así seguro que tamén pode ser útil para quen veña despois, así como para ter algúns instrumentos (protocolos, por exemplo) e posicións claras con respecto a posibles actitudes machistas dentro da organización.

Plantexouse a dúbida de en que medida era posible formar unha organización feminista se hai persoas que non o son, e como compatibilizar esa vocación de ESF de ser un espazo aberto e educativo para compartir reflexións e dúbidas (cunha vocación de construir un mundo xusto e solidario), cunha posición máis intolerante contra calquera tipo de actitudes machistas.

Tamén se compartiron experiencias das participantes sobre o que se atoparan noutros espazos vitais, tanto persoais como de activismo, sobre como as organizacións e persoas activistas (sobre todo homes) afrontan a inclusión do enfoque de xénero e o feminismo nos debates. Pode ser rexeitamento, ou a idea de que está superado, ou unha pretendida neutralidade que, probablemente, neste tema é case imposible xa que xera moita polarización. En realidade a neutralidade pode negar/invisibilizar a existencia de privilexios/opresións/xerarquías/prexuízos individuais, colectivos e estruturais, entorpecendo así o traballo pola igualdade. Por iso dicimos que neste tema a neutralidade en realidade non existe…

Aínda nos queda moito camiño, pero xa empezamos a camiñalo!

Música para novos homes

Co gallo da participación da nosa base social nas xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón” organizadas polo Concello de Tomiño, realizamos unha actividade no grupo de traballo non mixto sobre novas masculinidades.

A idea concreta parte da segunda conferencia das xornadas “Educar a través da emoción musical: beneficios dende unha perspectiva neurocientífica” impartida por Almudena González Prito, referencia en investigación da relación da música e o cerebro.

O obxectivo da actividade foi empregar a música como ferramenta de introspección é autocoñecemento. A proposta concreta foi xerar un contido nese grupo: unha lista de reprodución musical. Cada persoa propuxo tres cancións que tiveran algún significado vital en canto á configuración da súa masculinidade. Despois fíxose unha reunión online na que se xerou un debate guiado pola propia lista musical.

A música axudounos a identificar problemáticas asociadas ó machismo cultural, moitas delas superables cunha simple descrición e comprensión. Ademais, axudou a agrupar temáticas asociadas e identificar outras como a homofobia, transfobia ou a xenofobia.

Neste enlace da nosa canle de YouTube podedes atopar a lista que chamamos “Música para novos homes e na descrición da mesma a explicación detallada de cada canción. Animámosvos a desfrutala tanto coma nós porque, ao final, diso se trata, de desfrutar da música e, se pode ser facendo un exercizo de aprendizaxe e autocoñecemento, mellor.

O que aprendemos nas Xornadas “Educar con emoción, aprender con paixón”

A semana do 8 ó 11 de Febreiro de 2021 tivo lugar A Semana da Educación “Educar con Emoción, aprender con Paixón” organizado polo Concello de Tomiño.

Según o propio Concello, as xornadas organizaronse para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudiran a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. Participaron conferenciantes que son grandes profesionais con experiencia na temática, nesta edición tivemos con nós a Octavio Salazar, Almudena González, Marta Peirano e Alberto Soler.

A primeira conferencia “Educación, feminismo e masculinidades.” a cargo de Octavio Salazar abordouse como a educación debería incorporar a perspectiva feminista, o que supón ir máis aló da mera coeducación; habería que desenvolver programas específicos de intervención coa mocidade. O obxectivo non sería outro que dar resposta paritaria ao modelo educativo que marca o artigo 27.2 da Constitución Española e vinculalo co reto de como redefinimos as condicións da vida en común.

Na sesión do martes titulada “Educar a través da emoción musical: beneficios desde a perspectiva neurocientífica.” , Almudena Gonzalez falou sobre como a música é unha arte capaz de provocarnos diferentes emocións e no contexto educativo son importantes as súas implicacións e beneficios. Os estudos de neurociencia analizaron estas cuestións en profundidade e esta conferencia tivo como obxectivo esclarecer os alicerces da emoción musical na educación. Almudena abordou a literatura científica coa música como eixo vertebrador, analizando os diferentes estilos musicais académicos e populares, calidades e aspectos relacionados coa emoción e cognición musical. Afondou na interrelación dos coñecementos neurocientíficos cos musicais, xa que a unión entre estes dous campos proxecta novos camiños tanto dentro da aula como no ámbito familiar.

Nesta sesión unha persoa da nosa base social interviu plantexando un proxecto musical persoal e sobre como a música configura a masculinidade. Este feito deu lugar a unha actividade concreta no grupo de traballo non mixto sobre masculidadades de Enxeñería, pero disto falaremos noutra ocasión.

O xoves, Marta Peirano, xornalista e investigadora desenvolveu a poñencia en torno ó título “Como combater a desinformación con campañas de inoculación efectivas”. Sobre como as Redes Sociais convertéronse no vehículo de transmisión perfecta da desinformación. Non é só un problema técnico, que se poida resolver con algoritmos e Intelixencia Artificial. Plantexou a pregunta Que ferramentas temos para combatela? Dando como resposta o desenvolvemento do noso espíritu crítico.

Houbo duas preguntas da nosa base social.

A primeira foi que opinaba da Deep Web como ferramenta xeradora de desinformación. Marta comentou que foi dende sempre algo demonizado pero que o impacto que ten sobre a xeración da desinformación lle parecía mínimo.

A segunda foi sobre que accións directas poderiamos levar a cabo dende xa mesmo, ao día seguinte da charla. Unha resposta concreta foi xogar nós, coa familia, ou nas aulas, a un xogo onde o obxectivo e “facer desinformación”, porque logo é máis sinxelo identificar as técnicas que empregan as fake news para influirnos. O xogo, da Universidade de Cambridge, chámase Bad News, e está pendente de traducir do inglés, pero é moi sinxelo.

No último relatorio o psicólogo Alberto Soler falounos sobre “Normas, límites, premios e castigos”. Sobre algo que parece tan razoable como que a maioría estamos de acordo en que queremos educar aos nosos fillos e fillas con grandes doses de amor, agarimo e respecto. Pero sempre hai situacións nas que é necesario establecer algúns límites que os protexan ou para ensinarlles cal é a forma axeitada de comportarse. Entón é cando a moitas familias e docentes asáltanlles as dúbidas: de verdade fan falta as normas e os límites?, cales?, a partir de que idade?, como podemos establecelos de forma clara e respectuosa coas súas emocións? E todo isto lévanos aos premios e os castigos. Xa sabemos, porque o falamos moitas veces, que non son nin a única nin a mellor ferramenta para educar a fillos, fillas ou alumnado pero, si non premiamos nin castigamos, que facemos cando superan eses límites ou incumpren as normas que puxemos?

En torno a estes temas, Alberto plantexou un interesantísimo relatorio sobre diferentes métodos, opinións concretas e accións directas para levar a cabo a educación das criaturas con un impacto emocional negativo mínimo na súa evolución vital.

Finalmente, dar os parabéns ao Concello de Tomiño a organización destas xornadas, as cales desfrutamos e nas cales aprendemos moitas cousas de utilidade. Estas iniciativas dende e eido local son moi de agradecer.

8M. Visibilizando a mulleres bravas de Honduras!

Nunha preciosa campaña impulsada dende AECID-Honduras, presentáronse distintas mulleres traballadoras e lideresas das que colaboran coas distintas ONGD españolas presentes en Honduras. Queremos presentarvos ás que temos a sorte de coñecer e coas que compartimos esforzos nos programas que Enxeñería Sen Fronteiras impulsa no sur de Honduras, neste caso en colaboración con CODDEFFAGOLF e financiación da Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Neste enlace pódense ver as imaxes de catro delas:

  • Lorena Núñez, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • Nelly Villagra, do grupo de mulleres marisqueiras de San Lorenzo
  • María Teresa Flores, emprendedora do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia
  • Mariela Burgos, presidenta do grupo de mulleres marisqueiras Estrellas del Mar de Marcovia

Neste outro pódese coñecer ao resto:

  • Dania Brugos, comercializadora de alimentos (marisco e tortillas)
  • Grupo de mulleres marisqueras emprendedoras

Aproveitamos para lembrar a visita doutras 6 mulleres bravas a Galicia hai xa ano e medio. A de cousas que pasaron dende aquela…

Crónica do Cineforum: La Bicicleta Verde

Xa en proceso de desconfinamento, o ciberfaladoiro do xoves 21 de maio tratou sobre unha película nun contexto moi complicado e duro. Hai moita crítica pola dependencia na mobilidade como paralelismo da falta de liberdade das mulleres en Arabia Saudí (chófer para que leven á nai, con xente mesmo “borde”). Probablemente a bicicleta sexa parte central desta simboloxía vinculada a un futuro distinto para as máis novas.

Trátase da primeira película que fai unha muller en Arabia Saudí, o cal tivo moitísima importancia, facendo un cine con outra mirada (tamén é tecnoloxía para o desenvolvemento humano unha bicicleta que é moito máis que un simple aparello de transporte limpo).

Falamos tamén de como a nai evoluciona durante a película. Como está a buscar a felicidade do marido por enriba de todo, e logo el quere casar con outra. Ao principio non quere que ande en bici a filla. Ao final quere o mellor para a súa filla, e quizáis se contaxie coa súa determinación.

Ao final visibilízase unha inxustiza. O esforzo da nena non ía obter premio polo contexto inxusto. Desmonta o mito de facerse a si mesmo. É unha rapaza moi decidida e non permite que ninguén lle poña cortapisas e lle diga que non pode facer algo se o ve inxusto. É como unha guerra continua porque todo o mundo lle nega oportunidades, que teña os gustos que quera. Pero ao final nin así podía saír victoriosa cos seus propios medios. Pero ás veces polo mero feito de buscar a xustiza, se vai transformando o entorno e as persoas que nos rodean. Por iso soe merecer a pena, aínda que neste caso, como producto cinematográfico, quixera deixar ese regusto de boismo.

Chamounos a atención o pouco compañerismo, non hai moito apoio, mesmo coas nenas. Nótase moita represión (cousas que son pecado…), e entón as nenas facían o que non lles permitían facer. Atopamos a película moi motivadora para as rapazas de súa idade. É moi importante esa idade de transición para reforzar a seguridade das nenas. O buenismo do final é bo para animar. É educativo tamén para pais e nais, porque contaxia actitude.

O tema do que dirán tamén influiu moito na nosa cultura e de que as mulleres non puideran facer certas cousas (saiu a lembranza de refráns de cando estaba mal visto que até as mulleres puideran asubiar).

Por último, non deixamos de notar que o neno tampouco está moi dacordo coa súa cultura, de terse que casar con alguén obligado. El admira á protagonista, gústalle a súa liberdade. É un amigo moi incondicional. A masculinidade alternativa adivínase nesa actitude, pero ao no formar parte da minoría máis oprimida é máis complicado que se manifeste.